O concurso galego de Raza Frisona celebrarase en Santa Comba os días 24 e 25 de novembro

O concurso galego de Raza Frisona celebrarase en Santa Comba os días 24 e 25 de novembro

O Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2018 celebrarase os días 24 e 25 de novembro no recinto feiral de Santa Comba (A Coruña).

Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa a alcaldesa da localidade, María Pose, e os presidentes das Africor da Coruña, Manuel Antelo Vilariño;de Pontevedra, Rafael Méndez Guerra, e de Lugo, José Carlos Vega Rodríguez, que tamén ocupa a presidencia de Fefriga.

“A elección desta data é a idónea xa que coincide nun momento no que os gandeiros xa saímos da campaña de ensilado do millo, polo que agardamos unha importante participación”, destacou José Carlos Vega.

A Coruña dótase ao mesmo tempo dun concurso provincial de raza Frisona

Pola súa parte, o presidente de Africor Coruña destacou que con este concurso cúmprense dous obxectivos: “Por unha parte, a provincia da Coruña dótase dun concurso de referencia a nivel provincial, que cada ano se celebrará en Santa Comba, como xa teñen Pontevedra con Feiradeza e Lugo con Moexmu. E por outra, Galicia logra ter un concurso autonómico de Raza Frisona todos os anos, de forma que o ano que non se celebre o de Cimag Gandagro en Silleda rotará por cada un dos tres provinciais anteriores”.

E é que ao celebrarse Cimag-Gandagro cada dous anos -a próxima edición será a finais de febreiro de 2018- e ao suprimirse o concurso de gando frisón na Semana Verde de Galicia corríase o risco de que o certame autonómico só se celebrase cada dous anos.

Programación prevista

En canto á programación, prevese que o Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2018 se inicie o venres 23 coa entrada dos animais ao recinto feiral, que o sábado se celebre o concurso de xovencas e de vacas de leite e o domingo tería lugar o concurso de manexadores e a entrega de diplomas ás mellores ganderías distinguidas por Fefriga no último ano.

“Agora toca que as casas comerciais se impliquen con este certame autonómico patrocinando algunha das arredor de 15 seccións do concurso e que os gandeiros, e en especial a xente nova, tamén se implique participando e enviando animais representativos da alta calidade que hai na nosas ganderías”, subliñou José Moreira, director técnico de Africor Coruña.

Por último, todos os representantes dos Africores agradeceron a colaboración do concello de Santa Comba para a celebración deste concurso. “Non podía ser menos nun municipio no que a actividade gandeira ten un peso tan importante na nosa economía. Imos poñer todos os medios para que este Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2018 saia moi ben”, afirmou María Pose.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información