O Concello de Lalín pide prudencia ante a aparición de primeiros compradores que buscan leite

O edil de Produción Agraria, Xosé Manuel Hermida, destaca que este tipo de operadores actúan de xeito oportunista e non gozan de ningún aval nin de garantías de solvencia

O Concello de Lalín pide prudencia ante a aparición de primeiros compradores que buscan leite

Misiva que está chegando a granxas de Lalín.

O concelleiro de Actividade e Produción Agraria de Lalín, Xosé Manuel Hermida, pide prudencia ante os ofrecementos para comprar leite “a un prezo digno” que estes días están chegando ás explotacións leiteiras de Lalín mediante unha carta. A misiva, na que a penas aparece información sobre o remitente e na que só figura un número de contacto, pídelle ás granxas “llamar cuanto antes si eres de las explotaciones que no quieres poner en riesgo la viabilidad de tu granja”.

O edil sinala que a carta probablemente parta dun primeiro comprador, unha figura intermediaria entre gandeiro e industria. Hermida recoméndalle ós gandeiros que reciban as misivas “que se informen e que sexan moi cautelosos á hora de dar o paso de venderlle o seu leite, pois os primeiros compradores non gozan de ningún aval e caracterízanse por movementos oportunistas”.

Como explica Hermida, a lexislación non lle esixe ningún tipo de garantía nin aval de ningunha clase aos primeiros compradores, “polo que poden desenvolver o seu negocio simplemente dende un despacho cunha cadeira e un teléfono, sen necesidade de máis nada, posto que a súa actividade só consiste en recoller leite e venderllo ao mellor postor”.

As cartas inclúen o membrete de ODC Planning, unha empresa lucense que non aparece na relación de compradores autorizados de leite publicada online polo Ministerio de Agricultura.

Máis alá da alerta puntual que lanza o Concello de Lalín, este tipo de movementos revelan a necesidade de leite no mercado, polo que desde o sector agárdase que chegue unha pronta recuperación de prezos.

Más información
ODC Planning asegura buscar granjas para una industria transformadora (27-9-2016)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información