O Centro de Recría da Deputación de Lugo abre finalmente o 5 de xuño coa entrada das primeiras 50 xovencas de gandeiros lucenses

Teñen prioridade de acceso os gandeiros da provincia de Lugo e logo os do resto de Galicia. Máis información chamando directamente ao 650-664-776 ou en info@recriacastro.es e www.deputacionlugo.gal

O Centro de Recría da Deputación de Lugo abre finalmente o 5 de xuño coa entrada das primeiras 50 xovencas de gandeiros lucenses

Centro de Recría da Deputación de Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, avanzou este luns que o Centro de Recría da Deputación abrirá o 5 de xuño coa entrada das primeiras 50 xovencas de gandeiros da provincia de Lugo.

Campos Conde destacou que “será un día de intenso traballo no centro de recría, pero de celebración para toda a provincia xa que, despois de moito esforzo e de superar moitas trabas, por fin comezarán a funcionar estas instalacións en impulso do sector gandeiro e, polo tanto, da economía dunha provincia gandeira, como a nosa, pois en Lugo, de xeito directo ou indirectamente, todos vivimos ou dependemos deste sector. Se aos nosos gandeiros lles vai ben, a nosa provincia tamén”.

É o 1º centro de recría público de gando vacún de leite que existe en España, pois foi construído en solitario pola Deputación de Lugo con 12 millóns de euros; sitúase en terreos da Deputación na Granxa Gayoso Castro, no Concello lucense de Castro de Rei; e a súa xestión, asignada á empresa Recría Castro, vinculada á cooperativa Seragro, é de control público por parte da Deputación e coa colaboración de expertos da Universidade de Santiago de Compostela.

Na actualidade existen 4 centros de recría de vacún de leite en España: 3 totalmente privados en Mazaricos (A Coruña), en Pantón (Lugo) e en Mallén (Zaragoza). Hai outro en Guipúzcoa construído en terreos da Deputación Foral pero de xestión privada, pois foi cedido a unha empresa e a administración desvinculouse do seu funcionamento.

Prezo de 2,39 céntimos día con todo incluído

O Centro de Recría da Deputación de Lugo poder acoller a 3.000 xovencas, duplicando a capacidade de recría que existe hoxe en Galicia. O prezo da recría é de 2,39 céntimos ao día. Esta tarifa inclúe todos os custos: transporte, tratamentos de fertilidade, alimentación, control sanitario, revisións veterinarias… a diferenza dos centros privados. Polo tanto, con este prezo búscase aforrar custos aos gandeiros, que ademais non terán que levar a recriar os seus animais a centros fóra da Comunidade galega.

Prioridade de acceso para gandeiros da provincia

Teñen prioridade de acceso os gandeiros da provincia e logo os do resto de Galicia. Os interesados poden facer as súas consultas en info@recriacastro.es, www.deputacionlugo.gal ou directamente no 650-664-776. Todos os martes a partires do 5 de xuño entrarán 30 novas xovencas. Os dous primeiros meses estarán nos 300 boxes de corentena, logo outros dous meses nos 100 boxes colectivos e finalmente nas 13 naves de recría de onde sairán preñadas con menos de 24 meses e antes do parto. Acadaranse exemplares cun alto valor produtivo e xenético.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información