O bloqueo en Dia ‘incauta’ un camión de leite de marca branca

Os gandeiros descargan parte dun transporte que levaba leite de marca Dia, comercializado a baixos prezos, e tratan de doalo a un banco de alimentos, unha acción que impediu a policía

O bloqueo en Dia ‘incauta’ un camión  de leite de marca branca

Descarga do camión de leite por parte dos gandeiros.

Seis da mañá no bloqueo do centro loxístico de Dia en Compostela. O polígono do Tambre dorme e unha ducia de gandeiros fai garda á porta da cadea francesa, en tanto outros tentan botar unha soneca nas cabinas dos tractores ou nos coches. Comparada coa noite anterior, cando se pararon máis de 200 camións, esta foi unha noite tranquila, con arredor de medio cento de camións que tiveron que dar volta. “Para que logo digan que non traballamos”, fai chanza un produtor.

Os camións seguen chegando e todos os que van para Dia teñen que regresar por onde viñeron, en tanto os que se dirixen a Merca Galicia –que comparte acceso coa cadea de supermercados- si teñen vía libre para entrar e saír. Pan para Dia, media volta. Galletas para Dia, media volta. “Só falta o leite e o cola cao e facemos o almorzo completo”, bromean os gandeiros.

O leite tardou pouco en chegar. Ó pouco correu a voz de que un camión de Leite Río estaba parado a un cento de metros do bloqueo. Aos gandeiros, que lle teñen un ‘cariño’ especial ó propietario de Leite Río, Jesús Lence, ilumináronselles os ollos. “Este para nós é como a auga para o millo”, comparaba un produtor de Trazo.Abriuse o camión e comprobouse a carga, que non era leite, senón magdalenas para a cadea francesa. O conductor do camión, un autónomo, daba explicacións: “Eu xa non quería vir aquí, que xa sei que esta empresa non ten boa fama entre vós”, razonaba.

Marca branca
Co seguinte camión en chegar houbo máis sorte para os manifestantes. Pediuselle a folla de carga ó chófer e resultou que o veículo portaba máis de 20.000 litros de leite Dia envasado por Reny Picot. Para que máis. Leite da que se vende habitualmente a baixos prezos, leite para Dia, que non quere asinar un acordo coa industria e cos gandeiros que posibilite a recuperación dos prezos, e leite envasado por unha empresa, Reny Picot, que está a pagarlle ós produtores baixos prezos e da que se dixo nos últimos días que tamén era reticente a asinar o acordo proposto polo Ministerio.

Lote das caixas descargadas.

Lote das caixas descargadas.

“Haino que descargar”, conclúen os gandeiros tras sopesar que facer. Os produtores comezaron a baixar as caixas de 6 briks de dúas en dúas e a facer un montonciño con elas a un lado da explanada do Dia. “Esto quédase aquí en tanto Dia non asine o acordo cos produtores. Despois devolvémosllas”, explicáballe un gandeiro ó chófer. Os traballadores das naves próximas aproveitaron a operación para colaborar na ‘incautación’ dalgunhas caixas. “Pódese?”, preguntan. “Mellor collédeas do camión, que estas xa pasamos o traballo de descargalas”, piden os gandeiros, que xa comezan a suar.

Cando xa se levaban descargados uns 2.500 quilos a pulso, os produtores decidiron chamar ó Banco de Alimentos para que fose recoller o leite, pero entón, a policía, que xa se presentara no lugar, parou o intento de donación. “Este leite quédase aquí. Non vai para o Banco de Alimentos porque o lexítimo propietario do leite non o donou”, trata de explicar un axente. “Eso de lexítimo…”, cuestionan os gandeiros.

Por se as explicacións do axente non fosen suficientes, tres furgóns de antidisturbios presentáronse na explanada e mediaron para que se permitise a saída do camión. “Pero o leite que descargamos, quédase?”, pregunta un dos gandeiros. “Si”, dinlle. “Entón non pasa nada, que con este xa temos para almorzar uns días”.

O furgón do banco de alimentos non puido cargar o leite.

O furgón do banco de alimentos non puido cargar o leite.

Reunión con Feijoo
A media mañá soupose que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, ía recibir a unha delegación dos gandeiros ás 12 horas. Un representante sindical –e gandeiro- sobe a Dia para pulsar a opinión dos produtores. “Se Feijoo ofrecese un compromiso para mediar ante Dia, levantariades o bloqueo?”, pregunta. “Este bloqueo non se levanta ata que Dia asine o acordo” –contéstanlle-. O que queremos é que nos digades que outras industrias ou cadeas non queren asinar porque sobran en Santiago tractores para movelos e bloquearlles o que faga falta”, demandan. “Eso é o que quería saber”. Fin da conversa.

O bloqueo a Dia continuaba a última hora da mañá e os traballadores da instalación de feito xa non se presentaron a traballar hoxe ás 8 horas, como si fixeran onte, polo que aínda que entrasen camións, non poderían ser descargados. Dia queixouse, en declaracións ós medios, das perdas que lle estaba a supoñer o bloqueo e advertiu tamén do risco de desabastecemento dos seus supermercados. A policia consultou cos manifestantes se permitirían a saída de camións baleiros da cadea francesa, unha cuestión á que polo de agora se negaron os gandeiros. O bloqueo continúa por segundo día consecutivo.

Tractores na Xunta
Entre tanto, os tractores teñen rodeada tamén a Xunta de Galicia, onde se dirixiron na tarde de onte, para escenificar a presión do sector ás Administracións en demanda dun acordo que permita recuperar o prezo do leite. Continúa tamén o bloqueo do centro comercial Carrefour, nas Cancelas.

[Actualización]Os gandeiros impiden o intento de Dia de sacar 33 camións do centro loxístico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información