“O benestar animal depende exclusivamente das prácticas de manexo”

Entrevista a Yolanda Trillo Dono, veterinaria e investigadora en materia de benestar animal e manexo alimentario. A súa tese, defendida recentemente na Facultade de Veterinaria de Lugo, e na que analizou os parámetros de benestar en 73 ganderías galegas, ven de recibir a cualificación de sobresaínte cum laude

“O benestar animal depende exclusivamente das prácticas de manexo”

Yolanda Trillo traballando en análise nutricional

Hai moita marxe de mellora en benestar animal das ganderías de vacún de leite de Galicia e isto non é só cuestión de cartos, senón que depende, fundamentalmente, das prácticas de manexo en cada explotación. Esta é unha das principais conclusións da tese de Yolanda Trillo Dono, defendida recentemente na Facultade de Veterinaria de Lugo, e na que analiza os parámetros de benestar animal en 73 ganderías galegas.

A túa tese, que ven de recibir a cualificación de sobresaliente cum laude, analiza os parámetros de benestar de 73 ganderías galegas. En grandes liñas, ¿Cales son os principais puntos en benestar animal que se deben mellorar nas ganderías de vacún de leite analizadas?
É preciso mellorar a sobrepoboación dos cubículos, xa que nun 31,5% das ganderías había máis vacas que cubículos, así como a das cornadizas, onde nun 26,0% tamén eran inferiores ao número de animais.

Outras áreas nas que hai marxe de mellora é no escaso espazo frontal libre, xa que no 90,4% das ganderías este era inferior a 90 centímetros. Tamén detectei deficiente ventilación natural debido a establos pechados, así como un deseño inadecuado da área de muxido que non permite a circulación fluída dos animais por diversos motivos. Respecto a isto último, en case a metade das granxas os xiros nos pasos eran maiores a 90 graos, había ausencia de visualización da sala de muxido antes da entrada na mesma nun 45% dos casos e o 52% dos gandeiros informaron de forzar as vacas para a entrada á sala.

¿E como afectan estas deficiencias en benestar animal ás vacas?
Todas estas observacións, entre outras, estiveron afectando as vacas do rabaños de diversas formas.

Así, en condición corporal, foi inadecuada ao momento da lactación no 52% dos casos no momento da mostraxe, e observáronse máis vacas gordas que fracas. Isto puido ser debido a problemas de acceso ao comedeiro, á composición nutricional ou forma física (tamaño de partícula) da ración, que non se puido analizar en ditas ganderías.

 “O benestar está no entorno e depende exclusivamente das prácticas de manexo”

Por outra parte, o 40% das vacas por rabaño tiñan lesións de “corvejón”, o cal se atribúe a inadecuados deseños do cubículo, normalmente de espazo reducido para o tamaño do animal albergado.

As coxeiras clínicas tamén tiveron unha prevalencia do 9%, podendo ser consecuencia de diversos factores como tipos de solo, protocolos de recorte de cascos…etc.

Por último, o 73% das vacas por rabaño cualificaron cunha falta de hixiene corporal nas extremidades posteriores, maiormente debido á ausencia de protocolos para a limpeza con arrobadeira.

A veces os gandeiros xustifican cos baixos prezos do leite a non realización de investimentos para realizar obras de mellora en benestar animal. Sen embargo, mellorar o benestar animal non sempre implica grandes investimentos..¿Non si? ¿Poderías poñer algúns exemplos?
Así é, nós concluimos que o benestar está no entorno e depende exclusivamente das prácticas de manexo, por exemplo, cambiando a nosa rutina ou actitude na sala, o muxido pode verse afectado ou favorecido. Por exemplo, se o muxidor está apurado ou estresado as vacas non van ter unha liberación de oxitocina propicia para permitir a baixada do leite ou se non se realizan os protocolos de hixiene existe unha maior tendencia a infeccións, co cal pérdese o benestar na sala (tranquilidade no momento do muxido ou unha vaca sá se evitamos as mamites, respectivamente).

Do mesmo xeito, na alimentación, cando se logra a uniformidade de mestura da ración as vacas non escollen a comida polas partículas máis finas e existe menor probabilidade de padecer cetose, outra afección que mingua a produción láctea.

¿Cales son as claves, na túa opinión, para que os gandeiros e gandeiras se conciencien e se comprometan coa implantación de medidas de benestar animal en vacún de leite?
Existe unha tendencia a querer escoitar que mellorando o benestar animal increméntanse as ganancias; é dicir, que falemos de cartos. E isto é moi difícil de probar cando resulta imposible facer un experimento en dúas granxas exactamente iguais, sendo as prácticas de manexo as que condicionan os resultados. Isto débese á gran cantidade de variables implicadas e a que un mínimo cambio pode afectar aos resultados.

A única maneira de ver cambios nunha gandería é analizando parámetros cuantificables e comparar a súa evolución no tempo, observando os cambios/melloras e contrastando co que había anteriormente. Deste xeito obtéñense os resultados implicados no benestar, ademais de que nos permite aprender dos erros, localizar os puntos críticos que debemos controlar e tamén se atopan oportunidades de mellora.

Para min hai algo máis importante que os beneficios económicos, motivo polo cal creei a páxina web www.lideresenbenestar.com. Estou a falar do benestar persoal dos traballadores, de traballar a gusto facendo o que nos gusta, porque valoramos o que temos e estamos motivados para seguir adiante e mellorar, non só profesionalmente senón tamén persoalmente. Se eu traballo con ganas, son constante e me esforzo cada día por mellorar, todo o que me rodee vai percibir e recibir o que eu estou poñendo da miña parte.

Co cal, a clave para os gandeiros é que pensen neles mesmos primeiro, no seu benestar, e cando entendan que solo do seu benestar depende o benestar dos seus animais, obterán un beneficio maior que os cartos, é o que denominamos calidade de vida.

A partir da análise que realizaches tanto en ganderías galegas como de California, ¿Poderíase cuantificar dalgunha forma o beneficio económico que supón para o gandeiro investir no benestar animal das súas vacas?
A análise global do benestar en granxa é complexa e dubido da existencia dunha fórmula que poida abarcar eses cálculos xa que existen moitas variables implicadas, como veño mencionando, e cambios pequenos poden marcar unha gran diferencia. Por exemplo, a orde de carga dos ingredientes no carro: non se consigue a mesma homoxeneidade da mestura cando o concentrado se carga ao principio en lugar de engadilo cara o final. O concentrado é un ingrediente pesado e que esvara en partículas pequenas cara o fondo con facilidade, co cal se aconsella engadilo despois dun ensilado ou alimento húmido para que as partículas se adhiran a outras e non tendan a escorrer cara o fondo. Do contrario, de cargalo de primeiro, tamen se vai a descargar primeiro no pesebre xa que non sube cara arriba para se mesturar. Deste xeito, observaríase como o concentrado supón a maioría do alimento nas primeiras descargas e as vacas que coman nese lado do pesebre poden desenrolar acidose.

 “O concentrado no carro aconséllase engadir cara o final, despois dun ensilado ou alimento húmido”

Sen embargo, si se poden cuantificar as perdas económicas de xeito individual en pequenas tarefas, como por exemplo, o feito de engadir un ingrediente en exceso ou en defecto con respecto ao formulado, ambas supoñen unha perda económica ben sexa por malgasto de alimento cando pasamos do peso obxectivo ou ben por mingua da produción ou enfermidade das vacas se hai que tratalas.

Por iso, propoño unha forma ben sinxela, realizando auditorías frecuentes do estado dos animais; é dicir, puntuar parámetros cuantitativos e observables sobre as vacas como a condición corporal, podoloxía e hixiene, que proporcionan unha gran información do tipo de manexo que se está a realizar.

Obviamente, requírese de algunha observación máis na gandería para coñecer a orixe dos resultados pero estes parámetros xa se poden correlacionar con datos de produción e reprodución. Facendo isto de forma continuada no tempo e aplicando medidas para mellorar os resultados da auditoría anterior pódese determinar o beneficio económico de investir en mellorar o manexo que, repito, na miña opinión, é o único que determina o nivel de benestar, xa que por boa maquinaria ou instalacións que existan se non sabemos empregalas e coidalas correctamente, non obteremos o máximo rendemento de elas.

A nivel de saúde, sólese afirmar que “O benestar animal é a ausencia de estrés” e isto repercute nun mellor estado sanitario e de lonxevidade do rabaño. ¿Que conclusións tiraches na túa tese sobre a relación entre benestar animal e redución do gasto veterinario nunha gandería?
Non foi ese o obxectivo do estudo, pero é unha pregunta moi interesante. Eu penso que o benestar é cuestión de prevención e control, e non se trata de obter o benestar a través de tratamentos e visitas frecuentes do veterinario pautando medicamentos. Considero que o benestar dos animais depende exclusivamente do que se involucre o empresario.

Os consumidores demandan cada vez máis garantías de benestar animal. ¿Cres que a medio prazo se implantarán selos de benestar animal no leite e nos produtos lácteos e que estes serán un factor de competitividade para as ganderías?
É moi probable, pois xa o están a facer en Cataluña Leche ATO, que foi a primeira en recibir certificación AENOR de Benestar a través do Irta seguindo o modelo de avaliación Welfare Quality, que é o modelo europeo no que se está a traballar para chegar a unha uniformidade de avaliación.

“Creo complicado un consenso de avaliación global do benestar animal para todas as ganderías”

Sin embargo, dende o meu punto de vista, chegar a un consenso de avaliación global do benestar dos animais para todas as ganderías é complicado polos motivos que expliquei anteriormente (variación nas prácticas de manexo inter gandería) así como á variabilidade nos tipos de explotacións (tipo de estabulación, tamaño de rabaño….etc) que inflúen no benestar dos animais.

¿Como cres que evolucionará a lexislación en España e en Europa en canto a benestar animal en gando vacún?
Actualmente penso que está estancada. A nivel Europeo crearon o Welfare Quality Protocol relativamente rápido, pero hai problemas na súa implantación xa que require de adestramento debido ás complexas fórmulas que nel se procesan, co cal entendo que os custos son elevados e non podo predecir a súa evolución.

Por último, das ganderías analizadas, ¿Cal che sorprendeu máis positivamente en benestar animal e por que?
Debo engadir que todas as ganderías analizadas estaban en estabulación libre con cubículos, pero previamente fixera un estudo pequeno en establos trabados e hoxe, só recordo unha explotación trabada que estaba impecable, non tiña problemas maiores de saúde nas vacas, o establo estaba moi limpo e cunhas producións elevadas. O motivo, estou convencida que era a gandeira, unha muller tranquila e curiosa que se involucraba en cada detalle e á que ademais gustáballe o que facía.

¿Algo máis que queiras engadir?
Simplemente dirixir unhas palabras ao sector gandeiro e pensando que se de forma individual aportamos un pouco cada día, ao final entre todos conseguiremos moito. Estamos en crise, pero sempre temos un motivo para estar en crise, de nós depende facer que esa tormenta siga medrando ou que mingüe pouco a pouco. Para conseguir reducir un problema á metade, depende da disciplina que impoñamos ao noso traballo diario, eliminalo é cuestión da unión de todos nós na busca dun mesmo obxectivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información