O aumento das entregas de leite na UE desborda á industria

O crecemento da produción na UE en xaneiro foi de 500.000 toneladas en relación ó mesmo mes do pasado ano. Esa cifra representa un terzo do que se calcula que poden medrar as entregas de leite na UE de xeito sostible en todo un ano

O aumento das entregas de leite na UE desborda á industria

Industria láctea francesa.

O axuste da produción de leite é obrigatorio na Unión Europea ao longo dos próximos meses. É a mensaxe clara que deixa a reunión desta semana do panel económico do Observatorio do Mercado Lácteo, un organismo europeo no que participan produtores, industrias e comercializadores de produtos lácteos. O suministro de leite no conxunto da UE supera á demanda na actualidade, polo que cómpre un axuste das entregas, segundo advirte o conxunto do sector.

En xaneiro do 2018, o crecemento das entregas continuou a tendencia dos meses precedentes, cun aumento do 4% en relación ó mesmo mes do ano anterior (5,4% en España). En volume de leite, foron 500.000 toneladas máis de produción que en xaneiro do 2017. Ese crecemento representa un terzo do que se calcula que poden medrar as entregas de leite na UE de xeito sostible.

En Galicia, o sector lácteo non agarda problemas de recollida esta primavera, máis alá de dificultades con cisternas puntuais

A Comisión Europea, pola súa banda, deposita as súas esperanzas na autorregulación do mercado, ou sexa, nas restriccións de entregas que decida a industria. Na última reunión do Observatorio, celebrada esta semana, a Comisión pronosticou que o aumento das entregas de leite moderarase nos próximos meses.

O seu informe prevé que a produción de leite medre na UE nos tres primeiros trimestres en relación ó 2017, pero que se estanque no último trimestre do ano, pechándose o 2018 cun incremento de entregas incluso menor que o do 2017 (1,4% fronte a un 1,8% do ano anterior). Para o 2019, pronostica un crecemento do 0,5%.

En Galicia, o sector lácteo non agarda problemas para esta primavera, máis alá de cisternas puntuais que poidan atopar dificultades.

Mercados
A evolución do mercado é positiva, pero a produción está a medrar a un ritmo superior á demanda. As exportacións europeas de lácteos aumentaron no 2017 un 10% e este ano espérase que suban outro 4%, pero o mercado doméstico mantense estancado, cun pequeno crecemento do 0,9% no 2017 e espérase que dun 0,8% no 2018.

Malia que o consumo de leite líquido en Europa continúa en descenso na maioría dos países da Unión, outras gamas de produto, como queixos, manteiga, nata ou fórmulas infantís presentan boas tendencias internas e de exportación.

O leite en po desnatado é a ovella negra do mercado, con prezos situados en mínimos históricos e 376.000 toneladas no sistema de intervención pública da UE. A parte positiva é que a manteiga volve repuntar e espérase que siga encarecéndose ó longo do 2018, o que compensa a mala situación de mercado do leite en po, segundo a análise do Observatorio do Mercado Lácteo.

Entre os competidores da UE no mercado internacional, espérase que no 2018 Estados Unidos continúe aumentando as súas exportacións e que Australia se recupere dos últimos malos anos. Nova Zelanda, en cambio, está a sufrir unha seca estival que está afectando á produción de leite, polo que previsiblemente reducirá as súas vendas ó exterior esta campaña.

Prezos
A situación de prezos no campo na UE comezou a empeorar en xaneiro, cun descenso medio do 4,7%, quedando o prezo medio en 35,6 céntimos, nun nivel que se pode considerar alto se se compara coa media dos anos precedentes, segundo destaca o informe do Observatorio.

A produción de leite ecolóxico en Francia duplicouse en 8 anos

As cifras de venda dos leites convencionais van á baixa en toda Europa, en tanto o resto de gamas lácteas (queixos, iogures, postres lácteos) manteñen unha liña de estancamento ou de leves variacións. A excepción sitúase no leite e produtos lácteos ecolóxicos, un mercado que en Francia medrou un 12% en consumo desde o 2015.

Esas boas cifras avalan o crecemento que están a experimentar as granxas en ecolóxico no país veciño. Hai xa 2.200 explotacións e outras 700 en conversión. Francia produce cada ano 566.000 toneladas de leite ecolóxico, o que representa o dobre do que producía no 2010. A tendencia de aumento das entregas espérase que continúe nos próximos anos.

A última reunión do Observatorio do Mercado Lácteo contou cunha exposición sobre o mercado ecolóxico a cargo de Biolait, o principal grupo de gandeiros ecolóxicos de Francia, que canaliza a comercialización do leite dos seus asociados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información