O agro quere controis do xabarín con focos e visores nocturnos

O sector gandeiro encara a campaña de sementeira do millo con preocupación polos danos que causará o porco bravo. Unións Agrarias avoga por lexislar a caza da especie desde a perspectiva dunha “praga fóra de control”

O agro quere controis do xabarín con focos e visores nocturnos

O xabarín causou importantes danos na sementeira do millo no Deza no 2016.

A campaña da sementeira do millo está ás portas e o agro comeza a prepararse para previr no posible os danos do xabarín. En Pontevedra, houbo unha reunión de coordinación para encarar o problema na que participaron organizacións agrarias, Xunta, axentes medioambientais e Tecores de caza. O obxectivo, evitar desastres como o que sucedeu o pasado ano na sementeira en Dozón, na comarca do Deza, con decenas de hectáreas levantadas polo porco bravo.

O problema encárase desde dúas perspectivas. Por un lado, nas medidas precisas a curto prazo para reducir os danos no 2017. Por outro, na necesidade dun cambio da Lei de Caza que facilite os controis en próximas campañas. Gandeiros e cazadores coinciden en que na época de veda, que se prolonga toda a primavera e a primeira parte do verán, é precisa a autorización de esperas de noite con focos e visores nocturnos.

Os Tecores son remisos ás esperas nocturnas polo perigo que leva consigo a escuridade

O uso de focos e visores nocturnos, como xa se fai noutras comunidades, caso de Cataluña, permitiría mellorar a seguridade e a eficacia dos controis que se veñen facendo durante a sementeira do millo. Os Tecores de caza son moi remisos ás esperas nocturnas, entre outras cuestións, polo perigo que entraña a escuridade.

Durante o 2016, en Pontevedra fixéronse 61 actuacións en época de veda, co resultado de 15 exemplares abatidos, unha bagaxe que o sector gandeiro considera insuficiente. O conxunto da campaña rematou con máis de 3.000 batidas e 1.246 animais abatidos na provincia. En toda Galicia son máis de 15.000 os xabaríns que se cazan cada ano.

Control de danos
O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, avoga por lexislar a caza da especie desde a perspectiva do control de danos. “En determinadas comarcas, estamos ante unha praga fóra de control que causa serios danos na agricultura. Por tanto, non podemos continuar coa actual normativa, que trata ó porco bravo desde o punto de vista da caza deportiva”, cuestiona.

Unións Agrarias considera que hai que buscar un consenso para autorizar o uso de focos e visores nocturnos nas esperas ó xabarín na época de veda. “Trátaríase así de evitar accidentes de caza e de gañar en eficacia, non disparando ás escuras”, sinala.

A incorporación da tecnoloxía permitiría ademais afinar os obxectivos. “Pola experiencia que hai noutros países, como Francia ou Suíza, estamos dándonos de conta de que nas esperas primaverais é conveniente non matar ás porcas nais, senón a unha cría, pois deste xeito a líder da manda deslocalizarase cara outra zona, tras vivir o perigo. Se se mata á porca nai, o resto da manda quedará no lugar, sen xerarquía, causando máis danos”, explica Jacobo Feijoo.

“O 70% do éxito da campaña de sementeira depende de 3 semanas”

O sector gandeiro pediulle a Medio Ambiente e ós cazadores unha maior axilidade no control de danos esta campaña. Na reunión de coordinación que houbo en Pontevedra, as organizacións agrarias lembraron que a campaña de sementeira concéntrase en cada comarca nunha escasa marxe de tempo, polo que a rapidez nas actuacións resulta fundamental.

“En Dozón, a lentitude das autorizacións desembocou en grandes danos no 2016” (Unións Agrarias)

“O 70% do éxito da campaña de sementeira depende de tres semanas”, valora Jacobo Feijoo, de Unións Agrarias, que participou na reunión de coordinación conxuntamente con Román Santalla, secretario comarcal da organización no Deza. “Necesitamos que alí onde se produzan danos se autoricen esperas. Non pode suceder como en Dozón o pasado ano, onde a lentitude das autorizacións desembocou en grandes danos e na xudicialización do problema”, critican desde Unións.

Pídese tamén flexibilidade do servizo provincial de caza á hora de conceder permisos, de xeito que unha vez concedidos, sirvan para desenvolver varias actuacións, puidendo concretarse día e ubicación das esperas con simples comunicacións, sen necesidade de novos procesos de autorización.

Colleita
De cara á colleita do millo, que se afrontará en setembro, o sector pide que as batidas de caza se anticipen a agosto, de xeito que a poboación de porcos bravos estea controlada cando a espiga do millo comeza a ser apetecible.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información