O agro mide forzas ante a crise do leite

A Asociación Agromuralla convoca a varios centos de persoas en Lugo, máis dun milleiro segundo a organización, no primeiro aniversario da gran protesta láctea do 2015. Os gandeiros aseguran que todo foi a peor desde aquela

O agro mide forzas ante a crise do leite

A protesta logrou unha afluencia significativa, tendo en conta as circunstancias do sector.

O sector lácteo volveu hoxe á rúa nunha manifestación convocada por Agromuralla en Lugo. A cita chegou despois de máis de seis meses sen protestas, coas granxas concentradas en capear o temporal pola súa conta e cos gandeiros desesperanzados dunha solución colectiva á crise. Non se agardaba, por tanto, unha mobilización masiva, pero os varios centos de persoas que marcharon arredor da muralla -máis dun milleiro segundo a organización- revelan síntomas de reactivación no agro.

As masivas protestas agrarias do 2015 pecháranse en falso, cun acordo lácteo que trouxo menos do que prometeu, e cun sector dividido. O primeiro aniversario daquelas tractoradas cúmprese agora, entre o desencanto e o desánimo de boa parte dos gandeiros, aínda que o sector non se resigna.

A cabeceira da protesta coreou diversas consignas sobre a crise.

A cabeceira da protesta coreou diversas consignas sobre a crise.

Arredor das 12 horas do mediodía xa eran varios centos de persoas as que se concentraban arredor das sombras que deixaban a muralla e os edificios da Ronda lucense, á espera do inicio da protesta. Dúas xovencas baixaron entón dun remolque, ante o edificio da Xunta, e desplegáronse dúas pancartas, a primeira, que encabezaría a manifestación da man dunhas rapazas, dicía ‘Somos gandeiras… por pouco tempo’. A segunda lembraba o peche de máis de 600 granxas en Galicia no último ano.

En tanto se agardaba a media hora de retraso de rigor para dar inicio á marcha, gandeiras e gandeiros repasaban ante os medios as penalidades da crise. “O único que queremos é vivir do noso traballo. Por nós, por todos os que traballaron antes ca nós e polos nosos fillos”, declaraba Matilde, unha produtora chegada desde Sarria.

Xa na mobilización, que bordeou toda a muralla ata rematar no punto de inicio, sucedéronse as consignas na cabeceira da protesta. O clásico ‘Feijoo, escoita, o rural está en loita’ acompañouse doutros berros dirixidos a describir o panorama, ‘Leite branco, futuro negro’, ou a lembrarse do acordo lácteo: ‘Menos prometer, máis cumprir’, unha liña que se retomaría nos discursos finais.

Unha das xovencas que marchou na cabeza da marcha.

Unha das xovencas que marchou na cabeza da marcha.

Acordo lácteo
“En setembro do ano pasado, houbo un acordo que a ministra dicía que ía ser marabilloso, revolucionario, que ía cambiar todo. E pasado un ano, o tempo dáo Deus de balde, a situación é que o prezo do leite baixou no campo 2 céntimos máis”, lembrou Roberto López, de Agromuralla, nos discursos finais, tras a lectura do manifesto da marcha por unha das rapazas que encabezou a protesta.

“Cando vimos que Lactalis e Río triplicaron beneficios, démonos de conta de que o acordo lácteo funcionou, pero para eles” (Roberto López)

Durante a súa intervención, Roberto López incidiu tamén no papel de industrias e distribución. “Dixeron que as cadeas de distribución ían subir 2 céntimos o leite e subíronos, pero xa todos sabedes onde foron eses 2 céntimos. Estes días vimos na prensa que as dúas principais industrias recolledoras en Galicia, Lactalis e Río, triplicaron beneficios o último ano. Aí foi onde nos demos de conta de que o acordo de Madrid estaba funcionando, pero funcionando para eles”, cuestionou.

A Asociación Agromuralla agradeceu, por último, a participación de todas as asociacións e cooperativas que apoiaron a protesta. Entre estes apoios estivo o da Organización de Productores de Leche (OPL). O seu portavoz, José María Álvarez, interviu tamén ó remate da protesta.

Da Plataforma que aspiraba hai un ano a aglutinar a todo o sector xa nada se sabe nin se escoita

Tras a mobilización de hoxe, tanto Agromuralla como a OPL ían valorar as posibilidades de proseguir as accións de protesta. Por parte de Unións Agrarias, estanse a estudar tamén estes días accións contra Lactalis, unha das industrias sinaladas polo sector pola presentación de contratos á baixa.

A mobilización gandeira, que estivo desaparecida os últimos meses, dá así novos síntomas de recuperación, se ben a desunión, un dos factores que lastran as protestas, mantense. Da Plataforma que aspiraba hai un ano a aglutinar a todo o sector lácteo xa nada se sabe nin se escoita.

Intre da manifestación arredor da muralla.

Intre da manifestación arredor da muralla.

Una idea sobre “O agro mide forzas ante a crise do leite

  1. Manuel salgado

    A política agraria común un desastre. E vergonzoso q se sienten a mesa pa chegar os acordáis q chegan

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información