O agro galego aproba na emisión de gases

O impacto da gandería en Galicia sitúase por baixo doutras grandes áreas produtoras da UE, tanto en amoniaco como en gases de efecto invernadoiro. En España destacan as emisións de Cataluña en amoniaco e das dúas Castelas, Extremadura e Cataluña en gases de efecto invernadoiro

O agro galego aproba na emisión de gases

Previsión de emisións de gases de efecto invernadoiro no agro no 2030. Fonte: Eu Agricultural Outlook 2017-2030.

As emisións de gases de efecto invernadoiro no agro , así como de amoniaco, constitúen unha preocupación en aumento en Europa. Desde este ano, España obriga á inxección do purín para tratar de reducir as emisións e son previsibles novas medidas a partir da PAC post-2020. Cal é a situación do agro galego a nivel de emisións? Galicia atópase por baixo das grandes rexións gandeiras de Europa en emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoniaco, segundo se desprende da proxección para o 2030 que manexa a Comisión Europea.

Os principais problemas de emisións de gases de efecto invernadoiro no agro europeo céntranse en zonas como Irlanda, Escocia, Dinamarca, Bretaña e Países do Loira (Francia), e Baixa Saxonia (Alemania), que no 2030 emitirán máis de 8 millóns de toneladas anuais equivalentes de CO2. Se atendemos a España, son Castilla y León, Castilla La Mancha, Extremadura e Cataluña as rexións que máis contaminan, con entre 4 e 8 millóns de toneladas de emisións previstas no 2030 imputables ó agro; mentres Galicia sitúase nun terceiro escalón, con entre 2 e 4 millóns de toneladas.

Esas emisións de gases de efecto invernadoiro no agro, atribuíbles ó metano e ó óxido nitroso, hai que poñelas en contexto, pois supoñen só arredor do 10% do conxunto de emisións da UE, moi por baixo do que representan actividades industriais e transporte.

As emisións de metano no agro débense principalmente á dixestión dos rumiantes, en tanto o conxunto da cabana gandeira é responsable dun 72% das emisións do óxido nitroso -principalmente polos xurros-, e a agricultura dun 28%.

Amoniaco
Outra emisión que preocupa é a do amoniaco, un gas que reacciona na atmósfera con outros contaminantes para dar lugar a partículas en suspensión que afectan de xeito severo á saúde humana. A diferenza do que sucede cos gases de efecto invernadoiro, o 93% das emisións de amoniaco son imputables ó agro, cos xurros como principal factor (80%), acompañado dos fertilizantes minerais (20%).

En España, Cataluña encabeza as emisións de amoniaco, debidas en boa medida a súa cabana porcina, cunhas emisións que a UE calcula entre 40 e 100 kg. / hectárea agraria. Galicia quédase nun segundo escalón, con entre 20 e 40 kg. / hectárea, igual que Cantabria, en tanto o resto do país móvese no arco de 5 a 20 kg. por hectárea.

A UE espera que coa inxección de purín e coa mellora da eficiencia na produción de leite e carne reduciranse as emisións en Europa un 13% para o ano 2030, se ben prevese un aumento de emisións debidas ós fertilizantes minerais (+2%).

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información