O agro demanda a intervención pública do mercado lácteo

Máis de 2.000 persoas participaron na mobilización celebrada hoxe en Santa Comba, orientada a demandar unha solución para o prezo do leite similar á adoptada polo goberno francés

O agro demanda a intervención pública do mercado lácteo

Máis de 2.000 persoas concentráronse na manifestación de Santa Comba. / Imaxe: Sindicato Labrego.

O sector lácteo vén de iniciar as mobilizacións comarcais coa vista posta nas medidas adoptadas en Francia, onde gandeiros, industrias e distribución chegaron a un acordo de melloras dos prezos en orixe coa mediación do Goberno. Máis de 2.000 gandeiros concentráronse hoxe en Santa Comba para demandar medidas similares para Galicia e para o resto do Estado.

A mobilización de Santa Comba, que se iniciou coa concentración de máis de medio cento de tractores, continuou cunha marcha a pé á que asistiron máis de 2.000 persoas, segundo cálculos da organización, unhas cifras que confirman un forte respaldo do sector e de toda a comarca do Xallas ás demandas da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, convocante do acto.

Leu o manifesto final do acto o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco. Outros alcaldes da comarca, caso dos de Santa Comba, Val do Dubra ou Zas tamén asistiron á protesta, así como concelleiros das distintas corporacións municipais. Ademais, o comercio local pechou as súas portas durante o acto, de cara a visibilizar a importancia do leite na economía local.

As organizacións participantes na Plataforma valoraron como moi positiva a participación e insistiron ó termo do acto nas demandas xa trasladadas nos últimos días. “O caso de Francia demostra que non todas as medidas han de estar escritas no Diario Oficial de Galicia (DOG). Con vontade política é posible avanzar cara un acordo de prezos”, destacou o responsable de Gandaría de Unións Agrarias, Javier Iglesias.

No mesmo sentido se expresou a coordinadora comarcal do Sindicato Labrego, Lara Barros: “Cando se deixa sen regulación pública ó mercado, chégase a situacións como a actual, con todas as explotacións galegas producindo por baixo dos custos de produción. É precisa unha intervención pública e mesmo a retirada do mercado de parte da produción”.

O sector considera positivas as medidas adoptadas polo Goberno e pola Xunta para aliviar os créditos e intereses ós que deben facer fronte as explotacións, pero esixen medidas para resolver o problema de fondo, o dos prezos do leite en orixe. “Unha cousa é que se estea producindo lixeiramente por baixo dos custos de produción e que haxa que aguantar o chaparrón un tempo e outra cousa moi distinta é que haxa máis de 2.000 explotacións entregando o leite 10 ou 12 céntimos por debaixo do custo de produción”, conclúe Javier Iglesias. “Son precisas medidas políticas que resolvan o problema do prezo ou unha parte importante do sector vai á quebra inminente”, remata Lara Barros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información