O agro comeza a reclamarlle indemnizacións ás industrias multadas por Competencia

Dúascentas granxas puxéronse en contacto con Unións Agrarias para valorar o inicio das reclamacións e parte delas están xa a iniciar os trámites. As cooperativas agardarán a que haxa unha sentencia firme, tralos recursos presentados polas industrias lácteas

O agro comeza a reclamarlle indemnizacións ás industrias multadas por Competencia

Protesta gandeira ante Lactalis - Puleva, en Vilalba. / Arquivo.

O agro está a iniciar un proceso de reclamacións millonarias ás industrias lácteas multadas por Competencia. As empresas sancionadas este verán con 80 millóns de euros por prácticas ilegais terán que enfrontarse nos próximos meses ás peticións de indemnizacións que xa comezan a tramitar granxas e cooperativas afectadas. En Unións Agrarias recibiron nas últimas semanas arredor de 200 consultas e esperan que o número se dispare en canto remate a campaña de ensilado do millo. Será entón cando a organización emprenda unha rolda de asembleas comarcais para informar ó sector.

As posibilidades de reclamación abarcan ás 32.000 granxas de leite que estaban activas en Galicia no ano 2000, das que quedan unhas 7.000 activas. O periodo polo que se poden pedir indemnizacións é o correspondente ó sancionado por Competencia, do 2000 ó 2013. Unións calcula que as ganderías poderán reclamarlle ás industrias lácteas uns 3 céntimos por litro de leite vendido nese periodo, en total, uns 315 millóns de euros.

Unións iniciará unha rolda de asembleas comarcais en canto remate a campaña de ensilado do millo

As industrias que se enfrontarán ás reclamacións son en primeiro termo as multadas por Competencia (Capsa, Lactalis, Puleva, Pascual, Danone e Nestlé), pero na organización agraria valoran tamén a posibilidade de solicitar indemnizacións doutras firmas que incurriron en prácticas ilícitas, pero que non foron sancionadas por Competencia por prescripción das infraccións. É o caso, por exemplo, de Reny Picot, Celta ou Río. “Será máis complicado, pero está demostrado por Competencia que estaban defraudando ós gandeiros, polo que hai motivos para demandarlles indemnizacións”, subliña Óscar Pose, secretario de Servizos de Unións Agrarias.

En Unións lembran que sería conveniente que as granxas tivesen as facturas de cobro do leite do periodo 2000-2013 para proceder ás reclamacións, se ben son conscientes de que a gran maioría de ganderías carece desa documentación. “Estamos falando dun periodo de cota láctea, polo que o Fondo Español de Garantía Agraria conta con tódolos datos do leite entregado por cada granxa a cada industria, así que contamos con concretar un sistema sinxelo para proceder ás reclamacións sen necesidade das facturas”, explica o secretario de Servizos de Unións, Óscar Pose.

Das arredor de 200 granxas que se puxeron en contacto con Unións, unha parte delas xa está a iniciar os trámites para as reclamacións. Hai tanto granxas activas como ganderías que xa pecharon e que están a ter noticia do caso a través dos medios de comunicación.

“As cooperativas afectadas, como é lóxico, estudarán tódalas posibilidades de reclamar indemnizacións” (Higinio Mougán, Agaca)

Proceso
O proceso de reclamación prevese longo. Trala resolución sancionadora de Competencia, dictada o pasado xullo, Unións interpreta que as granxas potencialmente afectadas teñen un ano de prazo para solicitar unha petición de indemnización. Claro que, dado que a resolución de Competencia non é firme, pois as industrias lácteas recurrírona ante a Audiencia Nacional, tamén hai partidarios no sector de agardar a que haxa unha sentencia firme. É o que están facendo a gran maioría de cooperativas primeiro compradoras de leite, que aglutinan o leite dos seus socios para venderllo ás industrias.

O director xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán, considera que a gran maioría de cooperativas afectadas valorará a posibilidade de reclamar indemnizacións. “É un proceso que temos a percepción de que comezará en canto haxa unha sentencia firme sobre a sanción ás industrias. Entón, as cooperativas afectadas, como é lóxico, estudarán tódalas posibilidades de reclamar indemnizacións”, apunta Higinio.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información