O 9% das explotacións, condicionadas polo pago verde da PAC

A Xunta estima que o 91% dos produtores quedan exentos de cumprir cos requisitos do ‘greening’. Calcula que algo máis de 3.000 si terán que cumprilos, pero cifra en 1.800 os que terán que facer cambios no manexo de superficies

O 9% das explotacións, condicionadas polo pago verde da PAC

O pago verde obriga a diversificar os cultivos das explotacións.

A polémica sobre o pago verde da PAC chegou ó Parlamento, onde Goberno e oposición debatiron sobre as posibilidades de aplicación do pago verde en Galicia.
O chamado pago verde ou ‘greening’ é unha parte das axudas da PAC que vén condicionada polo cumprimento dunha serie de requisitos nas explotacións beneficiarias. Os produtores con máis de 10 hectáreas teñen que diversificar os cultivos e manter un 5% da súa superficie a barbeito ou con cultivos fixadores de nitróxeno.

En Galicia, a Xunta estima que só o 9% das explotacións terán que cumprir cos requisitos do pago verde, xa que o restante 91% quedarán exentas por ter menos de 10 hectáreas ou por manter máis do 75% da súa superficie a pastos permanentes, segundo indicou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa. Das explotacións obrigadas a cumprir cos criterios do pago verde, algo máis de 3.000 dun total de 35.000 beneficiarios das axudas da PAC, Ulloa cifra nunhas 1.800 as que terán que facer cambios no manexo da súa superficie.

Cultivos de inverno e de primavera
Desde a oposición, o socialista Pablo García criticou que en Galicia se aplicasen uns criterios sobre o pago verde distintos ó de comunidades veciñas como Asturias. En Galicia, a Xunta obriga a declarar os cultivos de primavera-verán (maio-setembro) na solicitude da PAC. Esa obriga, a entender dos socialistas, pode limitar a superficie que se semente a millo, unha limitación que consideran que perxudica ás explotacións lácteas, cuestión que xa criticara Unións Agrarias.

“Por que hai diferencias entre comunidades autonómas? Aquí cúmplese coa normativa” (Patricia Ulloa, Xunta)

En Asturias, en cambio, optouse por permitir que as explotacións poidan declarar os cultivos de inverno, de xeito que unha parcela que se cultive a millo na primavera-verán, poderíase declarar como de raigrás no inverno. García preguntou no Parlamento por que en Galicia non se optou por unha medida similar.

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, asegurou que se descartara esa posibilidade por entender que violaba a normativa comunitaria: “A Comisión Europea estableceu por escrito que o periodo principal de cultivo, único por ámbito xeográfico, ten que estar entre o final de primavera e o verán. Por que hai diferencias entre comunidades autónomas? Aquí cúmplese coa normativa”, sinalou. García retrucou que se fose así, “nada que dicir. Se non, haberá que pedirlles responsabilidades”, suliñou.

“Se é así, nada que dicir. Se non, haberá que pedirlles responsabilidades” (Pablo García, PSdeG)

Inicio das solicitudes
Doutro lado, a directora xeral de Produción Agropecuaria deu conta no Parlamento do inicio da presentación das solicitudes da PAC, tras un retraso inicial da posta en marcha da aplicación informática que permite o seu trámite. “Xa son varios miles de solicitudes as que se presentaron na comunidade”, destacou. Tamén sinalou que estaría a favor dunha posible ampliación do prazo de solicitude, se así o decide o Ministerio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información