O 60% das explotacións lácteas mantén o uso do pastoreo

Un informe coelaborado por Mabegondo analiza o uso do solo nas granxas de Galicia e do resto de comunidades da Cornisa Cantábrica. Un 14% das ganderías non rota o millo con ningún cultivo

O 60% das explotacións lácteas mantén o uso do pastoreo

O pastoreo mantense como recurso para todo o rabaño ou para vacas secas e xovencas.

Que uso do solo hai nas granxas de leite? Un informe no que participou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo analiza os cultivos forraxeiros utilizados en Galicia e no resto de comunidades da Cornisa Cantábrica. O traballo realizouse a partir dunha enquisa detallada a 461 ganderías.

O 61 por cento das explotacións declararon realizar pastoreo das superficies de herba con algún ou todos os grupos do rabaño (vacas en lactación, vacas secas e xovencas), adicando ó pastoreo algo menos do 40% da superficie de herba, cunha media de 5,6 hectáreas por explotación.

Outra vía para o aproveitamento en fresco da herba, o corte en verde para alimentación do gando no establo, é usada por algo máis do 40% das granxas, adicando a iso unha media de 2 hectáreas. A frecuencia das explotacións que realizan pastoreo ou corte en verde redúcese co aumento do tamaño. Entre as granxas de máis de 500.000 quilos de produción anual, só un 34% emprega o pastoreo e un 9,8% o corte en verde.

Aproveitamento da herba fresca nas explotacións. [Estrato 1, ata 25 toneladas de produción de leite. Estrato 2, 25-75. Estrato 3, 75-175. Estrato 4, 175-325. Estrato 5, 325-500. Estrato 6, + 500 toneladas.]

Aproveitamento da herba fresca nas explotacións. [Estrato 1, ata 25 toneladas de produción de leite. Estrato 2, 25-75. Estrato 3, 75-175. Estrato 4, 175-325. Estrato 5, 325-500. Estrato 6, + 500 toneladas.]

As comunidades con maior pastoreo foron País Vasco, cun 84%, e Cantabria, cun 79%, en tanto Asturias (59%) e Galicia (58%) situáronse na zona media, con Navarra (29%) á cola. En corte en verde, Galicia, co 35%, está moi por detrás doutras comunidades da Cornisa, como Asturias ou Cantabria, que rondan as dúas o 59%, en tanto o País Vasco ten porcentaxes similares a Galicia.

Conservación da herba

A gran maioría das explotacións, o 95%, fan ensilado de herba, cunha media de 10,9 hectáreas por explotación. Para herba seca resérvanse arredor de 4,6 hectáreas de media. O uso de rotoempacadoras para facer bolos de silo ou de herba seca é moi habitual nas granxas de todas as comunidades, rondando o 70% de media.

Por granxa, a media é de 121 bolos de ensilado e de 92 de herba seca. O uso de pacas cadradas de herba seca, segundo a enquisa, circunscríbese a Cantabria e Navarra, usándose tamén nesta última comunidade macropacas.

Superficies medias de herba
A superficie media de herba das explotacións leiteiras é de 15,7 hectáreas, das que 8,1 hectáreas corresponden a pradeiras e 7,4 hectáreas a prados. Outras 0,2 son de pastizais e doutros cultivos herbáceos plurianuais.

A duración media das pradeiras ata ser anovadas é de 4,1 anos. As especies máis frecuentes na sementeira son o raigrás italiano (54%) e o raigrás inglés (48%). Séguelles o raigrás híbrido, co 28%, a mesma porcentaxe que presenta o trevo branco e algo superior ó trevo violeta (25,6 %). Moito menos frecuente é a sementeira de gramíneas como festuca e dactilo, que ronda o 1% en ambos casos.

Especies pratenses e duración das praderías.

Especies pratenses e duración das praderías.

Cultivos forraxeiros anuais
A porcentaxe de explotacións que declarou sementar cultivos forraxeiros anuais foi do 58,7% para o caso do millo, cunha gran oscilación. En Galicia son o 66%, pero en Asturias e Cantabria baixan ó 40% e no País Vasco ó 20%. No caso do raigrás italiano, a media é do 52%. Menos frecuente é o uso de cereal de inverno, cultivado no 4,4% das granxas ou doutros cultivos anuais (4,6%).
Por comunidades, Galicia acumula as tres cuartas partes do millo sementado na zona norte e un 70% do raigrás italiano.

O 53% das granxas que practican rotación fana con millo – raigrás italiano. Outro 20% sementa millo – pradeira e un 5,3% fai unha rotación millo – cereal de inverno. Tamén hai un 6,6% que emprega outros cultivos, en xeral leguminosas forraxeiras.

A porcentaxe de explotacións que usaban a rotación millo – raigrás italiano oscilou entre o 32% das granxas máis pequenas ata o 70% das explotacións de máis de 500.000 quilos anuais de produción láctea. Un 14% das granxas recoñeceu non intercalar nunca o millo con ningún cultivo e outro 19% dixo que o facía ás veces.

Os motivos de non facer cultivo de inverno eran múltiples. Desde a autosuficiencia de forraxe das granxas ata cuestións edafoclimáticas ou falta de tempo para encaixar os dous cultivos.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información