O 46% dos consumidores asegura que pagaría máis polo leite español

Un barómetro de confianza do sector lácteo elaborado polo Ministerio de Agricultura revela que os principais criterios de compra son o prezo (43%) e a calidade (40%)

O 46% dos consumidores asegura que pagaría máis polo leite español

As ofertas de leite presionan á baixa os prezos en toda a cadea de valor.

Está o consumidor disposto a pagar máis polo leite de orixe español? Case a metade dos consumidores, un 46%, asegura que pagaría máis se se lle garante que o leite é 100% español. O aumento medio de prezo que se asumiría sería do 10%. Por sexo, as mulleres son algo menos proclives que os homes a pagos suplementarios, e tamén as reticencias son máis altas entre os maiores de 55 anos.

Son algunhas das conclusións que deixa un barómetro de confianza do sector lácteo que elaborou o Ministerio de Agricultura a partir de 1.500 entrevistas teléfonicas con consumidores e de 700 entrevistas con establecementos de distribución. O interese que demostra o consumidor sobre a orixe do leite pon de manifesto a importancia da identificación do seu orixe no punto de venda.

Só o 17% dos consumidores declara coñecer o significado do selo Producto Lácteo Sostenible (PLS)

Agricultura traballa nun decreto que obrigará a sinalar a orixe en todos os lácteos fabricados en España. Preguntado o consumidor sobre como se debería marcar ese dato, un 44% opina que habería que poñer en letras grandes ‘orixe español’, ‘feito en España’ ou ‘produto español’.

O sector lácteo barallara nalgún intre reenfocar o logo ‘Producto Lácteo Sostenible’ (PLS), impulsado polo Ministerio de Agricultura, para identificar a orixe dos lácteos españois, se ben, só un 17% dos consumidores asegura coñecer o significado do selo, polo que a súa utilidadade semella limitada. Entre as cadeas de distribución, o grao de coñecemento do logo PLS chega ó 34%.

Tamén hai que ter en conta a existencia de logos autonómicos para sinalar a orixe dos lácteos, como pode ser o de Galega 100% en Galicia, ou o de Tierra de Sabor, en Castilla y León.

Criterios de compra
Á hora de mercar leite, os principais criterios que ten en conta o consumidor son prezo (43%), calidade (40%) e tipo de leite (enteiro, semidesnatado, desnatado, etc.), co 31%, segundo o estudo elaborado polo Ministerio de Agricultura. No grupo de idade de 40 a 55 anos, a calidade sitúase por riba do prezo e en terceiro lugar aparece o sabor.

Aumentan as persoas que ven as marcas brancas de lácteos como de menor calidade

En canto á valoración das marcas da distribución, hai un 54,9% de consumidores que considera que non teñen a mesma calidade que a marca de fabricante (No 2013 eran un 47,7%). As mulleres e os maiores de 55 anos son os máis convencidos da menor calidade das marcas brancas.

O dato é correlativo cos volumes de facturación que declaran os establecementos da distribución, que situán a marca do fabricante nun 58% de vendas e a da distribución nun 42%, segundo o barómetro de confianza elaborado polo Ministerio no 2016.

Valoración do leite polos puntos de venda
A maioría dos establecementos da distribución outórgalle unha importancia media de 6,45 puntos (sobre 10) á facturación do leite e dos produtos lácteos. Para dous terzos dos puntos de venda, a importancia do leite mantense sen cambios nos últimos anos, un 30% asegura que aumenta e un 3% que diminúe.

En consonancia con estes datos, o espazo adicado ós lácteos permanece estable na maioría de tendas e supermercados (56%), en tanto aumentou nos últimos anos nun 33% e redúcese ou varía de xeito continuo no resto.

O 92% dos distribuidores ve nos lácteos un produto innovador. Sobre as innovacións máis exitosas, opinan que son, por esta orde, leite con calcio, leite con soia e leite con fibra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información