O 14% das granxas que abandonan a actividade quere forestar as terras

A intención maioritaria nas explotacións que cesan é o arrendamento ou cesión da súa superficie a explotacións en activo. A incorporación ó vacún de carne recoñécese como unha alternativa no 37% de casos

O 14% das granxas que abandonan a actividade quere forestar as terras

Forestación de terras agrarias con eucaliptos.

O 18% das ganderías de leite de Galicia ten entre os seus plans aumentar a base territorial para a produción de forraxes, se ben a falta de terras nas comarcas con máis explotacións e os usos alternativos da superficie agraria, como o forestal, dificultan ese propósito.

Entre as granxas que teñen intención de abandonar a actividade, algo máis da metade, o 56%, manifesta que quere arrendarlle ou cederlle as terras a granxas en activo, pero un 14% decántase pola súa forestación, segundo un estudo coelaborado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

A forestación de terras agrarias con eucaliptos ou piñeiros está prohibida en Galicia, se ben si hai posibilidades de plantación de frondosas caducifolias en determinadas condicións. Desde o sector agrario, calcúlase que en Galicia forestáronse nos últimos anos máis de 30.000 hectáreas agrarias con eucalipto dun xeito irregular. O incumprimento da normativa sobre forestación de superficie agrícola, unha queixa recurrente dos gandeiros, xera unha competencia directa co uso agrario da terra que continúa sen resolver.

As propias granxas galegas que queren abandonar a actividade recoñecen nun 14% dos casos que a forestación é o destino máis probable para as súas terras. Esa situación dáse tamén en Asturias, cun 23% de ganderías con ese propósito, pero contrasta cos casos do País Vasco (0%), Navarra (0%) ou Cantabria (3,9%).

Previsións de abandono
En Galicia, un 30% das ganderías de leite manifestaba nos anos 2013-2014 a súa previsión de cesar a actividade. Ese escenario dábase principalmente entre as ganderías de menor dimensión, pois entre as máis dimensionadas, con máis de 175.000 quilos de produción, arredor do 90% tiña vocación de continuidade.

Galicia é a comunidade do norte de España onde máis granxas tiñan previsto abandonar. Se en Galicia eran o 30%, en Asturias a porcentaxe situábase no 3,5%, en Navarra e o País Vasco era tamén inferior ó 10%, en tanto en Cantabria estaba no 18%. Esa maior incidencia do abandono en Galicia atribúese á maior porcentaxe de granxas de escasa dimensión.

Desde que se fixo o estudo (2013-14) ata mediados do 2016, cando o estudo se rematou e publicou, un 14% de granxas da Cornisa Cantábrica abandonou a actividade.

Alternativas e actividades complementarias

De entre as explotacións que tiñan previsto abandonar, hai arredor dun 37% en Galicia que se plantean a produción de vacún de carne como actividade alternativa. Tamén o 2,8% das ganderías nesa situación barallaba a horta como posibilidade. No resto da Cornisa Cantábrica, as alternativas que se presentan á produción láctea son o vacún de carne en Cantabria (36%) e o ovino en Navarra (14%).

Nas explotacións que tiñan previsto continuar a actividade, parte das granxas galegas manifestaban interese en diversificar o seu traballo en cuestións como a horta (9%), a produción de queixos (14%) ou o vacún de carne (9%).

Una idea sobre “O 14% das granxas que abandonan a actividade quere forestar as terras

  1. pepe

    normal eso de Levar as terras que van a pagar o que as leva e unha renda minima levaas semigratis e coa condicion de “telas limpas” eso non da rendemento sobre todo se son explotacions con ganancias xustas ou case perdidas

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información