Nos primeiros meses do ano pecharon en Galicia o 11% das explotacións lácteas de menor tamaño

A Consellería do Medio Rural salienta que nas explotacións de maior tamaño non está habendo peches. Belén do Campo asegura no Parlamento que “aínda que non estamos satisfeitos, os prezos do leite en Galicia baixaron menos que na media da Unión Europea”.

Nos primeiros meses do ano pecharon en Galicia o 11% das explotacións lácteas de menor tamaño

Belén do Campo en la Comisión de Agricultura del Parlamento de Galicia

Un total de 222 ganderías de vacún de leite pecharon en Galicia nos cinco primeiros meses do ano, o que supón o 2,4% do total de Galicia e o 1,5% da produción láctea da Comunidade .

Estes foron os datos que ofreceu este xoves na Comisión de Agricultura do Parlamento de Galicia a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, quen respondeu a senllas preguntas dos deputados de Alternativa Galega de Esquerda, Antón Sánchez, e do PsdeG-PSOE, Pablo García, sobre as medidas que está a tomar a Xunta ante a crise de prezos do leite.

Belén do Campo informou de que “o peche de explotacións céntrase nas de menor dimensión, aquelas de menos de 100.000 kilos anuais de leite”, nas que de xaneiro a maio pechou o 11% delas en Galicia. “Creemos que o peche de explotacións estase a dar nun tramo reducido, pois nos tramos superiores -nas explotacións de maior tamaño- non está pasando esta redución”, asegurou a Directora Xeral.

En canto aos prezos, Belén do Campo saliento que de outubro a xuño a media na Unión Europea descendeu en cinco céntimos por litro debido á situación do mercado mundial, “mentres que en España e en Galicia estamos contendo a caída de prezos do leite”. “Non podemos dicir que esteamos satisfeitos pero si que estamos poñendo da nosa parte”, subliñou Belén do Campo. Como exemplo, salientou que con datos de abril “o prezo do leite estandarizado en graxa en Galicia era 1,5 céntimos por litro superior a Alemaña, 2,5 a Holanda e 4 respecto a Irlanda”.

Ademais, Belén do Campo puxo en valor a mobilización de 25 millóns de euros para impulsar distintas iniciativas empresariais, primando a súa base cooperativa, e as campañas de promoción do consumo de leite galego, tales como da marca “Galega 100%” ou o programa de leite escolar. A este respecto, anunciou que se vai reforzar o programa de leite escolar para o novo curso, cun financiamento desta liña de axuda que chegará ata 0.90 euros por kilo de leite mentres que ata o de agora era de 0.18 euros.

“Os contratos lácteos son incumpridos pola industria e ata o 40% do leite págase a prezo de leite en po”

Pola súa parte, o deputado de AGE, Antón Sánchez criticou a “falta dunha estratexia por parte do Goberno da Xunta para o final do sistema de cotas”. “Algo que si fixeron -subliñou- en países como Holanda, que incrementou a súa produción un 20% dende a supresión das cotas e exporta máis de 6.000 millóns de euros en produtos lácteos, con 30 dos seus 51 centros de transformación que son de base cooperativa”.

Pablo García, do PsdeG-PSOE, tamén botou en falta “unha estratexia para cubrir a demanda de produtos lácteos do noso mercado”. E é que España só produce arredor do 70% do leite que consume e importa gran cantidade de produtos lácteos transformados e de valor engadido, especialmente queixos. En canto aos prezos, García denunciou que “a realidade nas granxas é que ata o 40% do leite págase a prezos de leite en po” e os contratos lácteos son incumpridos por parte da industria, obrigando aos gandeiros a asinar a súa renuncia.

A Consellería reunirase a vindeira semana co sector e coas entidades financeiras para explicar as subvencións para reestruturar a débeda das explotacións gandeiras

Por outra parte, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, avanzou que a próxima semana reunirase cos representantes do sector agrogandeiro e con entidades financeiras para informar do programa do Ministerio de Agricultura para reestruturar a débeda das explotacións gandeiras.

Estas achegas canalizaranse a través da Sociedad Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA) e con elas subvencionarase ata un 100% o custe dos avais concedidos aos gandeiros por esta entidade. As solicitudes para concorrer a estas axudas poderán presentarse ata o vindeiro 20 de setembro.

O financiamento será para créditos de ata 10 anos, por un volume máximo de 78,5 millóns de euros ampliables a 100 millóns e coa posibilidade dun ano de carencia. O importe máximo por beneficiario será de 80.000 euros cando o importe do crédito se dedique maioritariamente a amortizar outros créditos en vigor (reestruturación da débeda).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información