“Nós pensamos como empresarios desde o comezo e hoxe viven 5 familias disto”

Dous irmáns, José Manuel e Marcos Herbón Núñez, levan esta explotación de Baralla que obtivo o pasado ano uns datos de produción que a sitúan entre as 5 mellores da provincia de Lugo e as 15 mellores de Galicia

“Nós pensamos como empresarios desde o comezo e hoxe viven 5 familias disto”

Os irmáns Marcos e José Manuel xestionan a Sat Herbón Núñez.

Na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, queda unha das poucas explotacións leiteiras punteiras que sobrevive na comarca dos Ancares. Dous irmáns, José Manuel e Marcos están á fronte desta SAT familiar con visión empresarial. José Manuel acabou enxeñaría industrial no ano 2002 e incorporouse á granxa dos seus pais. Coa explotación acabada de facer, ao seu pai deulle un infarto e iso obrigouno a replantexarse a súa vida laboral. “Miña nai non podía seguir soa, era pechar ou coller isto, había que tomar unha decisión. Así que deixei o traballo e pasei de cobrar 2.000 euros ao mes a só 500, pero sempre tiven as cousas moi claras e saímos adiante”, conta.

O seu irmán Marcos, que estudou mecánica, tamén se uniu ao proxecto e entre os dous imprimíronlle unha mentalidade diferente: “Nós pensamos como empresarios desde o primeiro momento e hoxe viven 5 familias disto”, destaca José Manuel. “Eu non me sentía cómodo traballando para outro. Para min este é un dos mellores sectores que hai para traballar e case a única alternativa para unha zona de montaña coma esta”, engade. Despois de 16 anos, José Manuel fai balance: “ao principio con moito traballo, pero logramos ter hoxe unha explotación cunhas bases moi sólidas que a fan rendible”.

“Este é un dos mellores sectores que hai para traballar e case o único nunha zona de montaña como esta”, valoran

Con esa filosofía empresarial, en so dúas décadas esta SAT multiplicou por 10 o número de cabezas. No ano 1997 a explotación familiar mudou as súas 35 vacas á actual ubicación da granxa, onde neste momento contan con 380 cabezas, das que 193 son vacas en muxido. Marcos e José Manuel fixeron no ano 2004 a primeira ampliación, tres anos despois a segunda, coa construción dunha sala de ordeño nova 10×2 de muxido traseiro, e no ano 2010 a última. Non pensan medrar, porque “a tranquilidade tamén vale moito”, afirman.

No 2017, esta explotación ubicada no lugar de Macelle pechou o ano cunha produción de 13.663 litros por vaca, 400 litros máis de media por animal con respecto ao ano anterior, con 3,26% de graxa e 3,37% de proteína.

“É o resultado do traballo de moitos anos de xenética, manexo, comodidade dos animais e dedicación”, resume José Manuel. El é dos que lle gusta moito viaxar e coñecer que se está a facer no sector leiteiro noutras latitudes e, desde ese coñecimento, afirma que “sempre queda marxe de mellora, pero tal como se traballa hoxe en moitas granxas galegas non temos nada que envexarlle a outros países en moitos aspectos”.

270.000 euros de multa na última supertaxa
Pero o camiño até aquí non foi doado. No último ano de vixencia do sistema de cotas recibiron un pau importante: “tivemos que pagar inxustamente 270.000 euros na última supertaxa”, explica José Manuel, que afirma: “a Administración foi a única que non nos axudou porque o que nos deu por un lado quitóunolo polo outro”.

Cubículos da explotación.

Cubículos da explotación.

Ademais da multa pon máis exemplos: “pedimos 2 ou 3 plans de mellora neste tempo e denegáronnolos todos e pedimos a axuda para mellora de infraestruturas fronte á sequía que esixe ter as obras feitas en 6 meses, cando a Confederación Hidrográfica tarda tres anos en darche licenza”, aclara.

Herbón Núñez produce uns 8.000 litros diarios, é dicir, 3 millóns de litros anuais. A explotación ten asinado un contrato con Mercadona que inclúe un volume total de entrega de 2,5 millóns de litros, así que o resto da produción véndenlla a terceiros compradores. José Manuel defende o acordo coa cadea de supermercados levantina: “temos un gran contrato que nos dá tranquilidade, cando foi a baixada de prezo e o leite estaba a 28 céntimos nós asinamos un contrato liñal de un ano a 31,5 céntimos”, explica. Este ano están a cobrar o leite a 34 céntimos máis calidades.

Dous muxidos
Ademais de José Manuel e de Marcos, en SAT Herbón Núñez traballan tres empregados de xeito permanente. A necesidade de man de obra e a dificultade para atopar persoal cualificado é un dos principais problemas aos que se enfronta esta explotación, ao igual que outras moitas en Galicia. “Pagamos salarios moi aceptables e temos un horario normal, cun turno de 6 da mañán a dúas da tarde e outro de tres da tarde a 11 da noite, pero aínda así non resulta doado atopar. Nós sempre collemos xente experimentada, preferimos pagar un pouco máis pero non ter que formar nós ao traballador e botar meses explicándolle o funcionamento”, conta José Manuel.

“Temos un horario normal de 8 horas e pagamos salarios moi aceptables”

Nesta explotación séguense uns protocolos estrictos porque “vas máis rápido e se hai un fallo é máis doado saber onde se produciu”, consideran. Malia ao seu tamaño, a granxa é das que se resiste a realizar tres muxidos ou a recurrir a alternativas como os robots para a muxidura. “Mantemos os dous ordeños porque pensamos que pasar a tres é vivir co animal e estar todo o día pendente das vacas”, explica. “Iso faríanos depender moito máis da man de obra externa, que é moi difícil de atopar”, afirma José Manuel.

De feito, asegura que “o maior problema ao que se enfrontan a maioría das explotacións a día de hoxe é atopar persoal formado; por iso a xente recurre aos robots, pero ao meu modo de ver iso é unha atadura as 24 horas do día e os 365 días do ano”. “Penso que os robots e os tres ordeños diarios non axudan á calidade de vida do gandeiro, senón ao revés”, razoa.

Comodidade dos animais
Nesta explotación de Baralla miman moito a comodidade dos animais, o que os obriga a un esforzo extra tendo en conta que a capacidade da granxa está claramente sobrepasada. “Temos unha superpoboación do 40%, con 50 cubículos de menos”, explica. Ao estaren nestas condicións e para reducir o estrés por calor dos animais nos meses do verán, teñénlles instalados ventiladores no teito. Son de orixe italiana, de máis potencia e menor emisión de ruído, e José Manuel viunos nunha granxa en Israel. “Gústame moito viaxar e ver como se traballa noutros lados, ves cousas que valen para copiar e outras que non”, di.

A granxa ten instalados ventiladores que refrescan directamente ós animais.

A granxa ten instalados ventiladores que refrescan directamente ós animais.

Outro dos aspectos que inflúe na comodidade do animal é a cama, que neste caso é de colchoneta de látex con capa de serrín por enriba para secar a humidade. “Para as vacas non hai nada mellor que a area, pero supón máis custo e máis complicacións. Acabamos de facer unha balsa para purín de 7.000 euros, pero se usaramos area teriamos que facela de cemento e custábanos 50.000 euros”, argumenta. Refán a cama 2 veces ao día e non botan cal. “Facíalle ben para corrixir a acidez da madeira no purín”, considera sen embargo José Manuel.

A comodidade inflúe tanto na produción como na lonxevidade dos animais. Entre as 20 mellores vacas por produción de Galicia o ano pasado situáronse dúas de Herbón Núñez, García Planet Sebastiana e García Shottle Nuka, con 20.570 e 19.960 quilos de leite respectivamente, e o incremento na duración dos animais permítelle a esta explotación que vacas como García Blitz Rosanne, García Marion María ou García Income Lula lograran o pasado ano superar os 100.000 quilos producidos tras 7 lactacións, en concreto, 151.464, 114.140 e 104.586 quilos.

Amamantadora para acelerar o crecemento das becerras
Herbón Núñez introduciu unha amamantadora para aumentar a inxesta de leite nas becerras e lograr así un crecemento máis acelerado para obter animais máis desenvolvidos físicamente tanto á hora da inseminación coma do parto, que se produce antes dos dous anos, normalmente entre os 21 e 22 meses.

En canto nacen, as becerras están os primeiros 8 días con costro e con 5 litros de leite de vaca. Ao final da segunda semana pasan a mamar 7 litros de leite en pó, cunha concentración de 165 gramos por litro, e a partir dos 15 días vanlles incrementando progresivamente a cantidade inxerida desde os 7 até os 8 litros, que manteñen até que cumpren 59 días de vida.

Recría da granxa Herbón Núñez.

Recría da granxa Herbón Núñez.

A partir dese momento van baixándolles o leite ate a súa retirada aos 75 días desde o nacemento. Ao final do periodo de lactación, aos dous meses e medio de vida, unha becerra terá inxerido 1,320 quilos de leite diarios, alcanzando unha ganancia de peso media de 0,8 quilos por día, segundo os datos dun estudo feito na propia explotación consistente en pesar as becerras todos os días durante dous anos.

O mesmo criterio aplican ao subministro de concentrado á recría. Nesta granxa unha novilla até o momento do destete come 72 quilos de materia seca, equivalentes a 2 sacos e medio, cando o normal noutras explotacións está en só 1 saco. Deste xeito os animais alcanzan entre 100 e 110 quilos de peso ao destete, logrando así acelerar o seu crecimento posterior.

“Temos animais de 11 meses que poderiamos inseminar, pero imos inseminando segundo as necesidades da gandería, normalmente entre os 13 e os 14 meses”, explica José Manuel. Este medre acelerado ten repercusións sobre a produción no primeiro parto. Deste xeito, esta explotación de Baralla logra primeirizas coma García Gabor Maika 9901, que o pasado ano alcanzou unha produción de 15.818 quilos de leite, con 2,31% de graxa e 2,74% de proteína.

Seme americano
Hai 8 anos que empregan unicamente seme americano. “O 100% é xenética importada de EEUU. Démonos de conta de que había gran diferenza en produción e durabilidade dos animais con respecto ao seme producido aquí. Na nosa explotación, a diferenza está en entre 3 e 4 litros de leite por vaca e día”, asegura José Manuel.

Herbón Núñez selecciona touros altos en leite pero que non resten en patas e vida produtiva. Levan varios anos con material xenómico e recrían toda canta xata nace na explotación. “Seleccionamos 2 ou como moito 3 touros ao ano e poñémosllos a todas as vacas, sen distinción de ningún tipo porque todos os animais que temos serven para criar”, di.

Sen embargo, xa xenotiparon medio cento de novillas e van continuar até completar as probas á totalidade dos animais da explotación. “Queremos poder seleccionar para poder poñer seme sexado a aquelas becerras que transmiten mellor os rasgos xenéticos e produtivos e ao resto poñerlles carne, aínda que vemos que a vaca frisona sofre poñéndolle carne, iso é o que nos bota un pouco para atrás”, recoñece José Manuel.

Ao decidiren estancar a granxa no número de cabezas actuais, o ano pasado venderon 22 novillas que lles sobraron despois de cubrir a taxa de reposición da explotación. Sen embargo, José Manuel argumenta que “non é rendible vender recría, o que dá é producir leite”.

Calidade do ensilado
A calidade do silo é un aspecto central ao que lle prestan especial atención nesta granxa. Sementan arredor de 45 hectáreas de millo en terras que están a 700 metros de altitude sobre o nivel do mar. A este condicionante hai que engadirlle o problema dos xabaríns, que incrementa notablemente o custo do cultivo. “Tivemos que pechar as fincas para reducir as afeccións, pero unha cousa é pechar e outra cousa é o mantemento do peche”, precisa. O peche perimetral con estacas de acacia e malla supúxolles un importante gasto adicional ao sementado e abonado das terras.

A explotación coida a calidades dos seus silos.

A explotación coida a calidades dos seus silos.

Herbón Núñez case non ten maquinaria (tan só un tractor, unha cisterna, un carro mesturador e unha segadora rotativa) e contrata todos os traballos agás sacar o purín. Ademais das 45 hectáreas nas que botan millo, dispoñen doutras 20 nas que non fan rotación e que manteñen todo o ano a herba. Aínda así, non logran cubrir as necesidades de alimentación da explotación e tiñan que mercar entre 700 e 800 toneladas de millo cada ano, aínda que desde hai dous anos cambiaron o tipo de forraxes que mercan. “Por custos metémonos a silo de pulpa de remolacha e estanos indo ben”, explica. Aforran con respecto ao millo dous céntimos por quilo.

A ración final diaria está formada por 10 quilos de pulpa de remolacha, 25 quilos de silo de millo, 9 de silo de herba e 13 de concentrado. Para José Manuel, a calidade e o mantemento dos silos unha vez abertos é fundamental para a produción. “Abrir ben o silo e mantelo sen fungos é importante”, di. Para iso fan gran fincapé no pisado e compactación do silo, así coma no tapado, para o que empregan até 4 lonas. “Estamos logrando moi boa calidade de silo sen necesidade de botar encimas nin ningún outro tipo de produto químico porque fixemos un estudo con encimas hai dous anos e os resultados non foron convincentes”, argumenta.

Grazas a este coidado especial co ensilado e o mantemento dos frentes do silo unha vez aberto non teñen perdas importantes (non desbotan máis de 1.000 quilos de silo ao ano). “E ao minimizar as perdas xa sabes que aumentas as ganancias”, remarca José Manuel. Outra vez visión empresarial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información