“Nos concursos morfolóxicos non gaña a vaca floreiro”

Entrevista a Jaume Serrabassa, xuíz do XXVII Concurso Autonómico da Raza Frisoa de Galicia Fefriga 2018 que se celebra este fin de semana na localidade coruñesa de Santa Comba

“Nos concursos morfolóxicos non gaña a vaca floreiro”

Jaume Serrabassa con Rey 642 Yudi Doorman, Vaca Gran Campeona de Galicia 2018

O catalán Jaume Serrabassa é xuíz de CONAFE, comercial dunha empresa de seme de gando vacún e até hai pouco tamén gandeiro. Este fin de semana participou como xuíz do XXVII Concurso Autonómico da Raza Frisoa de Galicia Fefriga 2018 que se celebra na localidade coruñesa de Santa Comba.

¿De onde vén a túa vinculación coa gandaría?
Fun gandeiro prácticamente até o día de hoxe. Até os 40 anos só me dedicaba exclusivamente a ser gandeiro, tiña a miña granxa particular, gandaría Comas Novas, en Vic (Barcelona) e muxía pola mañá e pola tarde como un gandeiro máis. Desde hai 8 anos adícome ademais a ser comercial de seme, traballo para unha compañía do meu irmán, que se chama Triangle Holstein, e entre os meus clientes hai moitos gandeiros galegos. De feito moitos dos participantes no XXVII Concurso Autonómico da Raza Frisoa Fefriga 2018 son tamén clientes meus.

Como gandeiro sigo mantendo un pequeno grupo de animais en lactación en granxas de amigos. Sigo tamén participando como xuíz en certames morfolóxicos, e de feito no último concurso nacional de CONAFE celebrado en Xixón conseguimos que unha xovenca nosa, Comas Novas Princes Delta, fóra gran campioa nacional.

¿Que calidades valoraches en Rey 642 Yudi Doorman, a vaca da gandaría Rei de Miñotelo, que proclamaches este sábado Vaca Gran Campioa de Galicia?
Especialmente que hoxe esta vaca quería gañar, estaba moi en forma e no momento óptimo. É unha vaca cun gran estilo, con moita calidade a nivel de cabeza e de pescozo, cun sistema mamario moi funcional e moi correcto, cun piso da ubre extraordinario, e que se move ademais sobre unhas boas patas. Esta vaca hoxe tiña o seu día: lucía por todos os ángulos.

Inflúe moito o estado fisiolóxico da vaca nos concursos. Non é o mesmo unha vaca recén parida, que está no seu mellor momento a nivel de lactación, que cando están xa con moita xestación, e a vaca vai collendo quizais algún quilo de máis..

Unha crítica frecuente aos concursos morfolóxicos é que a vaca de concurso non é a vaca rendible para o gandeiro. ¿Que opinas?
Adoita ser un comentario habitual de xente que precisamente ás veces non coñece o que son as vacas de concurso. As vacas de concurso se non producen leite non teñen brillo, calidade, angulosidade. A vaca na pista se non é unha vaca leiteira dificilmente pode gañar unha sección. Co cal, non está rifada a morfoloxía ao máximo nivel coa produción e coa funcionalidade.

É certo que nalgún momento buscouse unha vaca máis floreiro, con máis morfoloxía e estrutura para os concursos, pero hoxe cada día máis nos certames precísase de vacas que produzan leite, non só que sexan floreiro. Por tanto, considero totalmente errónea esa valoración.

¿Como valoras a evolución da calidade morfolóxica das vacas holstein en Galicia?
Non ten nada que ver a vaca que xulguei hai anos en Galicia coa vaca de hoxe. A cabana gandeira galega vai evolucionando coa mellora xenética.

A nivel nacional Galicia conta con moi bos animais, igual que hai diferentes granxas na Península que tamén están a este nivel. Pero só son unhas poucas granxas as que chegan á elite.

“Se a Holstein non se forza produce calidades. Non creo nas cruces”

¿Cara que tipo de vacas crees que se está orientando a selección xenética en España?
Alguén me pode chamar racista, pero son amante das razas puras. Se se quere buscar calidades hai unha raza como a Jersey que produce moita graxa e moita proteína, e tamén as vacas Holstein se non se forzan tanto tamén producen máis sólidos en leite.

Pero non creo para nada no cruzamento de razas. Aposto pola raza Holstein, hai touros que melloran en graxa e en proteína e se non se forzan tanto as vacas tamén producen máis calidades. Ás outras razas e ás cruces se se lles esixe acaban tendo problemas de fertilidade e os mesmos problemas que a Holstein.

¿Que tipo de vaca elixirías para a túa gandaría?
Eu buscaba vacas que tivesen bos ubres, boas patas e que ao mesmo tempo desen leite. É dicir, non centrarse soamente en touros que melloran a nivel morfolóxico, senón que dunha xeración a outra introducir touros que sexan netamente positivos a leite. Desta forma logras boa consistencia a nivel morfolóxico e vas engadindo produción, que é indispensable para conseguir boas vacas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información