Claudio-Mariani-y-Gian-Luca-Cavani_-Procross-Italia-

“Non é o mesmo o leite vendido que o producido. Hai que telo presente para ter maior rendibilidade”

Claudio Mariani, responsable de Genesi Project e do sistema de cruces Procross en Italia, detalla a experiencia da Gandaría A Corte, unha das explotacións italianas máis destacadas na produción de leite para a elaboración de queixo parmesano

A gandaría A Corte, situada na DO Parmigiano-Reggiano, centrada na elaboración do queixo parmesano, comezou no programa Procross en 2006 e a súa experiencia con estas cruces permitiulle mellorar a calidade do leite. Pero ademais, os números evidencian a evolución desta gandaría nos últimos 12 anos. Falamos con Claudio Mariani, representante de Genesi Project e Procross en Italia e con Gianluca Cavani, un dos técnicos da gandaría, que nos contan a experiencia desta granxa co sistema de cruces, así coma outros detalles da produción de leite nesta rexión italiana.

“Decidiron apostar por Procross para lograr unha maior lonxevidade dos animais e reducir a incidencia da mastite”

Que leva a esta granxa a optar polo sistema Procross?
Esta explotación é unha COP, unha cooperativa, que conta con 1.800 cabezas de gando e muxen 900 vacas. Decidiron apostar por Procross para lograr unha maior lonxevidade dos animais e tamén para reducir a incidencia da mastite. Estas vacas saían da granxa a unha media de 2,3 ou 2,5 lactacións. Eles mesmos comprobaron que esta dinámica non estaba a ser rendible.

Cando tes unha vaca na granxa que está a dar un leite de calidade, dáche pena se por calquera motivo deixa de facelo. Neste sentido, eles foron conscientes que estaban a acabar coa súa cabana. A primeira pregunta que nos fixeron foi: podes mellorar a fertilidade con este sistema?
Entón o que fixemos foi levalos, xunto con outros gandeiros, a California para que visen as primeiras granxas que xa dispuñan de datos respecto diso. Aínda que si é verdade que estas gandarías americanas non elaboraban queixo. Pero con esta visita xa podían confirmar por eles mesmos o que lles estabamos contando en canto a lonxevidade, fertilidade e saúde.

Unha das dúbidas frecuentes nas gandarías á hora de apostar polo sistema Procross é se o cambio se fai en toda a cabana ou nunha parte, como foi neste caso?
O feito de que se trate dunha cooperativa e non un único propietario atrasou o proceso, xa que non puideron empezar con todo o sistema de Procross de forma inmediata, posto que necesitaban o consenso de todos os membros. Nun principio, tras ser informados, os socios deciden comezar cun 20% dos animais da explotación.

“A ganancia está na calidade do leite, que lles permite facer máis queixo e gañar máis diñeiro. Non é a cantidade senón a calidade”

Cales eran os argumentos destes gandeiros para non aventurarse con toda a cabana ou cunha porcentaxe maior?
Un dos medos que tiñan estes gandeiros a cambiar ao sistema de Procross era que esta modificación afectase dalgunha forma directa ao leite e que este xa non puidese utilizarse para a produción do queixo parmesano.

Por iso, coas primeiras vacas paridas, enviámoslle o leite á queixería onde o analizan todos os días. Foi o responsable da queixería o que nos preguntou por se se fixeron cambios de penso ou alimentación. O responsable da granxa confírmalle que houbo un pequeno cambio, pero non na alimentación, senón que agora contan cunha pequena porcentaxe de animais de cruzamento. O mestre queixeiro ratifica entón que as análises revelan un leite que é mellor para elaborar este queixo. A ganancia está na calidade do leite, que lles permite facer máis queixo e gañar máis diñeiro. Non é a cantidade senón a calidade.

Como é o manexo na explotación?
Muxen unhas 900 vacas e realizan dúas muxiduras ao día cunha rotativa de 40 puntos. De atender as vacas encárganse 18 empregados (algúns traballan a tempo completo e outros a media xornada). O importante desta granxa é que buscan reducir ó máximo posible os gastos e facer o traballo de forma sinxela. Moitos dos empregados carecen dunha formación específica, polo que é importante que os protocolos sexan o máis sinxelos e fáciles. Este é sen dúbida, un dos obxectivos do manexo da granxa.

Que outros obxectivos se fixou a explotación?
Pretenden continuar muxindo a mesma cantidade de vacas, buscan non incrementar a produción de leite pero si queren reducir a incidencia das enfermidades. É un traballo que fan man a man co veterinario, que está todo o día na explotación e que achega máis información e concreción sobre as patoloxías a reducir na explotación. Eles dispoñen dun rexistro meticuloso das afeccións co que poden traballar para mellorar no futuro. Non é o mesmo o leite vendido que o leite producido. Temos que ser conscientes diso para lograr unha maior rendibilidade e ningunha outra xenética pode producir os resultados que está a ofrecer este sistema de cruces.

Houbo cambios no manexo desde que decidiron apostar polo sistema de cruzamento Procross?
Non, os cambios implantados na granxa non tiveron que ver co cruzamento Procross. As modificacións no manexo producíronse nestes anos polo criterio da persoa que está agora á fronte da xerencia, que é a mesma que fai dez anos, cando empezaron con Procross. A directiva mantense sen cambios, só houbo pequenas modificacións en canto ao persoal de empregados.

Cal é a liña de traballo que seguiron nestes últimos anos, ademais de apostar polo sistema de cruzamento Procross?
Nun principio o seu obxectivo era reducir as enfermidades, por iso optaron polo Procross. Tamén buscaban subir a produción de leite. Agora que alcanzaron o volume de produción que pretendían, queren continuar apostando por reducir as enfermidades dos animais. Agora mesmo xa minguaron a incidencia das patoloxías, pero queren seguir nesa liña. Están nun bo punto pero aínda se pode facer un pouco mellor e están a traballar niso.

“A cooperativa agrupa 25 granxas dunha mesma zona sen posibilidade de crecer nin incrementar ganancias”

É habitual este tipo de cooperativas no sector gandeiro italiano?
Non é o máis habitual. Normalmente as granxas son privadas e de particulares e de tamaños moi diversos. Existen algunhas cooperativas e esta é unha das máis coñecidas, pero non é o máis frecuente.

“Cada socio da COP recibe un pago dependendo da calidade e da cantidade de forraxe que entrega”

Como xurdiu e como é esta cooperativa?
Esta cooperativa creouse hai xa 40 anos, coa idea de agrupar a unhas 20 ou 25 granxas pequenas que estaban nunha mesma zona e que non tiñan a posibilidade de crecer e incrementar ganancias. Foi entón cando pensaron colocar todas as vacas nun mesmo sitio, onde se atenden e ordeñan. Mentres, o resto de gandeiros só se encarga de producir a forraxe. A forraxe lévana á cooperativa e o traballo real da cooperativa é transformar a forraxe en leite e o leite en queixo.

Como lle retribúen as ganancias aos gandeiros socios?
Son uns 47 socios na granxa e as retribucións están condicionadas pola forraxe e o prezo do leite. Os gandeiros reciben un pago pola forraxe, pero en base a como se pague o leite tamén sobe o que perciben eles pola forraxe. Fan análises sobre a calidade da forraxe e en función dos resultados, cada socio recibe un pago dependendo da calidade e da cantidade de forraxe que entrega. A calidade analízase en cada corte e cada tempada pódense facer de media 4 cortes.

Que prezos manexan?
O ano pasado, o prezo do leite estaba nos 80 céntimos por quilo de leite e 19 euros por 100 quilos de forraxe.

“O ano pasado o prezo máis alto do leite para Parmesano alcanzou os 80 céntimos”

Sufriron variacións de prezo á baixa tamén nos últimos anos como ocorreu co prezo do leite en España ou ao ser un leite especial para un queixo tan concreto o seu prezo mantense estable?
Fai cinco anos que o prezo do queixo Parmesano é realmente bo, pero antes baixara moito. 80 céntimos foi o prezo máis alto que se pagou en toda a zona e iso depende da calidade do leite. Non todos os produtores logran o mesmo prezo do leite. Nós cobramos moi bo prezo, pero 80 céntimos foi o mellor prezo rexistrado o ano pasado.

Que tipo de forraxes cultivan?
Non se poden utilizar ensilados ao producir leite destinado á elaboración de queixo parmesano, xa que variaría o queixo. Normalmente recorren ao cultivo de distintos tipos de herba triga e de alfalfa, todo iso en seco.

Como é a ración que empregan habitualmente?
A ración é moi sinxela. É a base de herba triga e penso, en concreto un penso particular pensado para as granxas que producen leite para a elaboración de Parmesano. Utilízase tamén un pouco de integración mineral, xa que algunha vez a herba triga é pobre de magnesio ou potasio. A ración está nun 30% de penso e un 70% de herba triga. É unha proporción que non varía durante todo o ano, xa que necesitan que sexa constante todo o ano para lograr un leite sen variacións para o Parmesano.

Como se perfila o futuro para a COP?
A COP agora mesmo está a gañar bastante diñeiro e decidiron reinvestilo na compra de terreo, polo que agora están a barallar construír outra granxa dunhas 500 ou 600 vacas en muxidura.