“No futuro as granxas de leite ou serán moi intensivas ou ecolóxicas”

Entrevistamos a Aurélien Leray, gandeiro francés de vacún de leite que estes días visita Galicia canda outros produtores da asociación bretoa Adage 35 para coñecer granxas de vacún de leite en ecolóxico.

“No futuro as granxas de leite ou serán moi intensivas ou ecolóxicas”

Aurelien Leray durante a súa visita a Galicia

Un grupo de 22 produtores franceses de leite, da asociación bretona ADAGE 35, visita estes días granxas lácteas galegas en sistemas de pastoreo e produción ecolóxica, para coñecer o traballo de asesoramento desenvolvido por Xestión Agrogandeira e Natureza.

Aurélien Leray é un deles. Este gandeiro ven de incorporarse en xaneiro deste ano como socio nunha granxa de vacún de leite en ecolóxico de Bretaña. Pero a súa experiencia é ampla no sector tanto como técnico asesor de pastoreo e tamén a nivel sindical.

¿Como é a gandería de vacún de leite ecolóxico da que es socio?
A nosa granxa está situada a uns 15 quilómetros ao sur da cidade de Rennes, capital da Bretaña. Contamos con 60 hectáreas de base territorial, das que 56 son pradeiras, 2 son de millo forraxeiro e outras 2 dunha mestura de cereais.

Con esta base territorial producimos todas as forraxes para alimentar a 45 vacas frisoas e máis as xatas que temos. Só mercamos algunha forraxe nos anos secos.

Unha vantaxe importante foi o sistema de secado da forraxe que puxemos en marcha entre varios gandeiros. Mediante ventiladores, secamos o feo a granel e iso permítenos ter unha forraxe de alta calidade, que incluso nos meses de inverno permite que as vacas produzan 20 litros diarios, só con herba seca.

¿Como xestionades o pastoreo?
As vacas están en pastoreo día e noite de marzo a primeiros de agosto e logo dependendo do que chova no outono, do 15 setembro ao 15 de novembro. É dicir, 6 meses ao ano aliméntanse só con pasto, e o resto con suplemento de herba seca e algo de penso. En concreto, no verán reciben 10 kilos de feo e no inverno 17 kilos de herba seca e 1,5 kilos de penso caseiro feito cos nosos cereais.

Con esta alimentación, e grazas á boa xenética do rabaño que fomos seleccionando, cada vaca produce arredor de 7.000 litros por ano, cun pico de 28 litros diarios na primavera e arredor de 19 na seca estival e no inverno. As calidades andan na media: 3,8 % de graxa e 3,2% de proteína.

As xatas e as xovencas criámolas en base a pastoreo, para reducir custos, e veñen parindo cunha media de 30 meses.

O teu caso é un pouco atípico, porque te incorporaches a unha explotación de vacún de leite sen aportar nin terras nin gando…
Si, o día 1 de xaneiro deste ano incorporeime como socio e traballador na explotación dun gandeiro que xa coñecía de Adage 35, a asociación na que era técnico.

O que fixen foi mercarlle a metade da granxa por 158.000 euros. Para iso, solicitei un empréstito ao banco a devolver en 12 anos.

O noso obxectivo é ser moi bos dende o punto de vista técnico, traballar pouco e gañar o máximo posible

¿E que te está a chamar a atención da túa visita a Galicia?
O que me chamou a atención, e tamén ao resto de gandeiros do grupo, é a cantidade de penso que se segue utilizando, algo que en Bretaña é o primeiro que se trata de reducir cando te pasas a ecolóxico, pero tamén en convencional. E aquí non é raro escoitar 2,5 toneladas por vaca e ano, cando en Francia é común estar por debaixo de 1 tonelada.

 “Sorpréndeme a cantidade de penso que se utiliza aquí”

Outro aspecto que nos sorprende é que en Galicia a transmisión das granxas só é de pais a fillos e que as granxas son gratuítas para eles; é dicir, que non lle compran a granxa aos pais. En Francia, non é así, porque para os poderes públicos a granxa ten un valor económico e ten que haber unha compra-venda. Se é por herdanza, a fiscalidade é moi gravosa.

Paréceme que é positivo que promovan instalacións gandeiras fóra do marco familiar e que os poderes públicos axuden a estes emprendedores. Do contrario, cada vez se reducirá máis o número de explotacións e a poboación no rural, pois en moitos casos os fillos dos gandeiros non toman o relevo na explotación.

Outra cousa que nos chama moito a atención son as plantacións de eucaliptos e o minifundismo galego. Dá a impresión de que dende a Administración galega non houbo unha preocupación de que as granxas aumentasen produción ao mesmo tempo que aumentaban a súa base territorial.

En Galicia os prezos do leite ecolóxico están neste momento en arredor dos 50 céntimos o litro. ¿Como están en Francia? ¿Prevese unha baixada de prezos nos próximos anos?
Na nosa granxa vendémoslle o leite a Biolait, unha organización dos propios produtores que lle recolle o leite ás arredor de 1.000 granxas socias, sendo os primeiros en recollida en Francia. O prezo medio que percibimos é de 46 céntimos o litro, e Lactalis, un pouco para facernos a competencia, estao pagando a 50 céntimos, o mesmo que en Galicia. E aínda así, esta industria láctea segue gañando diñeiro. A clave para os produtores é controlar a oferta, para que non baixen os prezos.

 “En Francia o leite ecolóxico tamén se paga a 50 céntimos”

Os contratos que temos son de 2 anos para o período de conversión, máis 5 anos.

¿O período de conversión é o mesmo en Francia que en Galicia: 2 anos?
Aos gandeiros ofrécennos dúas posibilidades para o período de conversión a ecolóxico: 2 anos pasando a terra e o rabaño a ecolóxico, igual que en Galicia, ou facelo de forma non simultánea. É dicir, primeiro pasar a terra e logo o rabaño os últimos 6 meses. Desta maneira, podes vender o leite en ecolóxico 6 meses antes. Pero establécese que non poderás vender o rabaño como biolóxico, ata que pasen tres cuartos da súa vida en eco.

En Galicia non hai un criterio claro en canto á utilización de razas para producir leite en ecolóxico. ¿Que recomendarías?
Na nosa gandería temos Frisonas porque é unha raza moi boa para ecolóxico, sempre que se seleccionen con boas patas, ubre e saúde.

Sen embargo, se o que se fai é agrupamento de partos, deixando de muxir dende Nadal ata a primavera, para que coincida o pico de lactación coa máxima dispoñibilidade de pasto, son mellores os cruces de Frisona, Montbelicarde e Roxa Sueca. En canto á Jersey, é unha raza que permite moita autonomía e ademais as súas xatas poden parir sen problema con 2 anos.

¿Como ves o futuro para os produtores de leite en Francia, tanto en convencional como en ecolóxico?
Antes do 2015 os gandeiros en Francia e en toda Europa estaban desexosos de que se suprimiran as cotas e fixeron grandes investimentos, a veces con pouco acerto, para comezar a producir o máximo de leite.

Pero se deixas de limitar a produción, o que fas é inundar o mercado con leite e tirar cos prezos, e iso foi o que pasou no 2015.

“Co modelo ecolóxico quedarían máis granxas no rural”

Agora mesmo en Francia hai tres tipos de granxas de vacún de leite en convencional. Por unha parte están os que fixeron grandes investimentos pero mal planificados e agora están coa auga ao pescozo, e as granxas son dos bancos. O segundo tipo serían os emprendedores, con granxas moi intensivas e tecnoloxía punta, que se salvan, traballan moito e moven moito diñeiro pero no peto quédalles pouco. E logo os que fixeron inversión meditadas, que cando había diñeiro gardaron, e non mercaron o que non precisaban. Este último grupo neste momento está pensando ou en irse para o convencional moi intensivo e punteiro tecnolóxicamente ou pasarse a ecolóxico.

Se todos se van para intensivo e tecnoloxía punta van traballar moito e gañar o xusto. E o outro modelo, o de pastoreo e en ecolóxico, supón reducir a cantidade de leite no mercado, pero teñen máis marxe e favorecen que queden máis granxas no rural.

Acumulas unha longa experiencia en asesoramento en pastoreo en Adage 35. ¿Cales son os erros máis comúns que se cometen na xestión do pasto?
O primeiro aspecto a coidar é que se estás en convencional e queres facer pastoreo non podes ir só, deberías ir con asesoramento dun profesional para evitar erros.

Outro aspecto a ter en conta é evitar o sobrepastoreo, principalmente cara finais de xuño e comezos de xullo. Nesa época é común ver como os gandeiros aceleran o ritmo de pastoreo e pelan as pradeiras rapidamente. Iso vai provocar que se estrague o sistema radicular da pradeira, que acumule menos reservas e que o solo quede máis compactado, co cal o pasto renovará peor cando volvan as choivas.

Pola contra, cando empeza a diminuír a velocidade de produción de pasto o que hai que facer é baixar o ritmo de rotación e suplementar con forraxe ao gando.

As mesturas coas que traballamos nas pradeiras en Bretaña son 15 kilos de Festuca alta, 5 kilos de raigrás inglés diploide e tardío e 5 kilos de trevo branco. Se as terras son profundas cambiámolo por trevo máis anano. Logo hai que adaptarse á realidade climática e aquí en Galicia a festuca, a alfalfa ou o dactylo poderían ser boas opcións porque medran cando fai calor, algo que non ocorre co raigrás inglés. É certo que a festuca ou o dactylo fai baixar a produción de leite por vaca, pero é mellor ter unha vaca que produce menos pastoreando que unha que produce máis dándolle forraxe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información