Neumonía en vacún, o efecto iceberg dos custos a longo prazo

Unha xornada organizada por MSD en Lugo, na que participaron arredor dun cento de veterinarios clínicos, aborda a prevención e diagnóstico do síndrome respiratorio bovino. Outro tema analizado son os cambios na prescripción de recetas veterinarias

Neumonía en vacún, o efecto iceberg dos custos a longo prazo

O patólogo Alfonso López, na ponencia que ofreceu en Lugo.

A neumonía é unha das principais causas de mortalidade de animais durante a recría. Antes do destete, representa un 23% das baixas e despois do mesmo un 46%, segundo as cifras do informe USDA de Estados Unidos. O risco continúa ademais nos animais que curan da doenza, pois está comprobado que empeorarán os seus datos de produción, reprodutivos e de lonxevidade. Para abordar a mellora e prevención da neumonía, MSD Animal Health xuntou nunha xornada en Lugo a arredor dun cento de veterinarios clínicos.

O acto contou coa participación dun dos máximos especialistas internacionais no síndrome respiratorio bovino, o mexicano Alfonso López Mayagoitia, que analizou na súa ponencia a complexidade do problema. “Hai 50 anos, a neumonía era a principal causa de mortandade en vacún de engorde e tamén en vacún de leite e na actualidade segue sendo a causa número 1 de mortandade. Avanzouse moito en tratamentos e vacunas, pero hai moitos factores que interveñen na neumonía, o que fai que sexa moi difícil de previr o síndrome respiratorio bovino”, valorou.

“As neumonías son complexas porque interveñen múltiples factores, como bacterias, virus, factores xenéticos, ambientais ou o estrés”

“A enfermidade é coma un nó no que interveñen factores como bacterias, virus, o estrés, factores xenéticos e ambientais. Tamén hai que ter en conta a presión das limitadas marxes de beneficio na que se moven as ganderías con frecuencia”, apuntou López.

Á hora de analizar as causas da enfermidade, un aspecto a ter en conta é que os axentes que normalmente matan a un bovino están presentes de xeito habitual na súa flora nasal e chegan ó pulmón, polo que un animal san está exposto constatemente a bacterias da súa cavidade nasal e medioambientais. Por outra banda, os virus respiratorios con frecuencia cursan como unha neumonía leve e transitoria, “un catarro” -en comparación de Alfonso López-, que desaparece coa resposta inmune do organismo.

A cuestión é, por tanto, determinar que factores combinados desencadean as neumonías severas. Na súa intervención, que se prolongou máis dunha hora, López fixo un repaso por diversas circunstancias a considerar, como o impacto simultáneo de virus e bacterias, que determina unha maior reprodución e aumento das bacterias no organismo; ou a chamada ‘febre de embarque’, en animais de recría sometidos a transporte. “Durante o transporte, a poboación de bacterias da macrobiota nasal aumenta, en tanto que a deshidratación leva a unha perda de viscosidade do moco, o que facilita a penetración das bacterias no organismo”, relatou.

“A inflamación é un dos procesos que máis impacta na progresión das neumonías. É importante detela o antes posible”

Procesos inflamatorios
Outro factor importante son os edemas pulmonares, que poden estar producidos por diversas circunstancias (falla cardiaca, acidose, sepsis, timpanismo, etc.). Finalmente, López destacou a inflamación como un problema asociado que impacta na progresión das neumonías. “É importante controlar e deter a inflamación o antes posible”, valora o experto. “Que sucede? Que con frecuencia, por buscar un aforro de cartos, o gandeiro chama ó veterinario clínico cando xa se pode facer moi pouco polo animal”, valora.

O patólogo mexicano pechou a súa intervención con catro preguntas:

– Cal é a causa da morte dun animal por unha infección respiratoria viral en ausencia de complicacións bacterianas?

– Por que morre un animal cunha infección bacteriana se se lle suministra un tratamento correcto de antibióticos e a tempo?

– Por que nun lote de 20 animais con complexo respiratorio bovino morre un e o resto non?

– Como se explica a morte dun animal que non presenta lesións internas?

“A resposta é a mesma para todos os casos. A sepsis. O problema non é a bacteria, é a resposta inflamatoria contra a bacteria, que xenera unha reacción no organismo que provoca unha falla orgánica múltiple”, explicou López. “Na primeira fase do síndrome respiratorio bovino, hai unha resposta inflamatoria inicial, unha fase na que é importante traballar porque permitiría reducir a mortandade”, subliñou. Se a inflamación continúa, chegándose a unha sepsis moderada ou a unha sepsis severa, a mortalidade de animais será alta e o veterinario pouco poderá facer.

En neumonías, López advertiu por último de que existen enfermidades imitadoras da neumonía, o que complica os diagnósticos, e sinalou tamén a necesidade de avanzar no diagnóstico e coñecemento de neumonías por factores alérxicos ou tóxicos.

Perdas en números do síndrome respiratorio bovino

Os efectos a longo prazo do síndrome respiratorio bovino inclúen unha menor ganancia de peso da ternera, un maior risco de eliminación, un retraso da idade do primeiro parto e unha menor produción láctea.

En escenarios de alto risco, os custos do síndrome respiratorio bovino por novilla poden chegar ós 188 euros por animal, segundo os datos que expuxo nas xornadas de Lugo Laura Elvira, técnica en rumiantes de MSD. Os datos do estudo realizado pola firma detállanse nos seguintes cadros.

Perdas calculadas para un suposto de recría de 100 novillas
CUSTO SÍNDROME RESPIRATORIO BOVINO (SRB) A CURTO PRAZO* ESCENARIO
ALTO RISCO
ESCENARIO
MEDIO RISCO
ESCENARIO
BAIXO RISCO
Morbilidade (Porcentaxe do rabaño afectado polo SRB) 60 % 40 % 20 %
Custo asociado á morbilidade 267,8 euros 178,6 euros 89,3 euros
MORTALIDADE SRB 3,9 % 2,6 % 0
Coste asociado á mortalidade 1.755 euros 1.170 euros 0
CUSTO A CURTO PRAZO 2.022,8 euros 1.348,6 euros 89,3 euros
CUSTO DO SÍNDROME RESPIRATORIO BOVINO A LONGO PRAZO* ESCENARIO
ALTO RISCO
ESCENARIO
MEDIO RISCO
ESCENARIO
BAIXO RISCO
Atraso da idade do primeiro parto 4.323 euros 2.882,2 euros 1.441,1 euros
Menor produción láctea da primeira lactación 2.700 euros 1.800 euros 900 euros
Risco de morte 90 d. – Antes do parto 3.450 euros 2.300 euros 1.150 euros
Risco de eliminación antes de rematar a primeira lactación 6.300 euros 4.200 euros 2.100 euros
CUSTO A LONGO PRAZO 16.773 euros 11.182,2 euros 5.591,1 euros
CUSTO TOTAL* 18.796,1 euros 12.530,7 euros 5.680,4 euros
188 euros / novilla 125 euros / novilla 57 euros / novilla

Recomendacións de manexo

Os principais periodos de risco das neumonías sitúanse nos tres primeiros meses de vida do animal, sendo un punto especialmente delicado o agrupamento tras o destete, dado o estrés causado polos cambios e a circulación de patóxenos respiratorios no grupo. Outro periodo de risco a ter en conta será tras o primeiro parto do animal.

Para a prevención do síndrome respiratorio bovino, unha cuestión vital será facer un encalostrado correcto, pois as terneiras con fallos de encalostrado teñen máis posibilidades de sufrir o síndrome respiratorio bovino.

No manexo, será tamén fundamental reducir o estrés, sendo o destete un punto de especial risco, polo que haberá que evitar a mestura de animais con heteroxeneidade de pesos e idades, así coma mellorar a ventilación, a hixiene e a alimentación. A vacinación é outra das medidas que ten demostrada a súa eficacia á hora de previr a aparición da enfermidade e reducir a súa gravidade.

Xornada de MSD en Lugo.

Xornada de MSD en Lugo.

Cambios na prescripción de medicamentos veterinarios

A xornada concluíu cunha exposición do veterinario Luis Miguel Cebrián sobre os cambios que se están producindo na prescripción de medicamentos veterinarios. Cebrián, que forma parte do Comité de Seguridad del Medicamento Veterinario e do Grupo Coordinador técnico do Plan Nacional de Lucha contra las Resistencias a los Antimicrobianos, analizou os cambios e expuxo unha serie de recomendacións para os profesionais.

“O obxectivo da Administración é que toda prescripción de medicamentos se faga cun coñecemento directo da situación sanitaria da explotación, sobre todo no caso dos antibióticos”, explicou Luis Miguel, que incidiu en que a Administración ten detectada a práctica das chamadas “recetas inversas”, coas que quere rematar.

Cebrián amosouse de acordo con esa filosofía, pero demandou protocolos de boas prácticas que regulen a aplicación de antibióticos nas explotacións, pois “é imposible que o veterinario vaia ver cada vaca con mamite ou en secado”, advertiu.

Novidades
Un dos cambios que se aveciñan é que desde comezos de ano, os veterinarios terán que notificar todas as recetas de antibióticos que expidan. Outra obriga será indicar se a prescripción dun medicamento é ordinaria ou se é excepcional, é dicir, en doses máis altas ás indicadas na ficha técnica ou para enfermidades nas que hai un baleiro sanitario.

Cebrián lembrou que os veterinarios están obrigados a comunicar a Farmacovixilancia todas as reaccións adversas ou a falta de eficacia dun produto, unha cuestión que considerou importante de cara a actualizar fichas técnicas de medicamentos que se atopan obsoletas.

Os cambios lexislativos representan, a entender de Luis Miguel Cebrián, unha oportunidade para mellorar os servizos veterinarios e o estatuto do veterinario clínico, sempre que se solucionen os baleiros legais aínda existentes. Tamén considera que os cambios poden representar un revulsivo para o gandeiro, que terá que centrarse máis na prevención, cun maior coidado de aspectos coma o benestar animal ou os programas de vacinación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información