Nestlé prevé aumentar este ano nun 17% a súa produción de derivados lácteos en Galicia

Nestlé prevé aumentar este ano nun 17% a súa produción de derivados lácteos en Galicia

Visita da conselleira Ángeles Vázquez á planta de Nestlé en Pontecesures

A multinacional suíza Nestlé prevé incrementar este ano nun 17% a súa produción na planta de Pontecesures (Pontevedra) grazas á boa marcha das exportacións. Trátase da única planta desta compañía na zona de Europa, Oriente Medio e Norte de África dedicada á fabricación de leite condensado.

Deste xeito, as previsións para este ano son incrementar a produción deste e doutros derivados lácteos ata as 47.000 toneladas, un 17,5% máis que en 2017. Así, para 2018 a compañía prevé producir na súa planta galega un total de 9.500 toneladas de leite condensado destinadas a este mercado, cifra que representa o 20% do volume total de produción da fábrica.

Ademais, as obras realizadas na planta nos últimos tres anos, e que permitiron un incremento do 30% da capacidade da liña de procesado e evaporado, fixeron posible o aumento da produción, que nun 60% expórtase tanto a diferentes países de Europa como a mercados de Oriente Medio, África Central e o Magreb.

Nestlé traballa con 157 explotacións leiteiras de Galicia, ás que lles recolle unhas 110.000 toneladas de leite fresco que transforman en leite condensado e noutros derivados. Na súa planta de Pontecesures traballan 170 persoas en diferentes quendas. A previsión da multinacional é seguir incrementando a produción en Pontecesures, e polo tanto a demanda de leite galego, para abastecer as necesidades do mercado.

Visita da conselleira de Medio Rural

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá durante a súa visita á planta de Nestlé o compromiso da Xunta coa industria agrolimentaria galega en xeral e co sector lácteo en particular.

Neste sentido, manifestou que só neste 2018 Medio Rural achega máis de 29 millóns de euros para esta finalidade e que unha parte importante destes fondos apoiarán iniciativas vinculadas ao sector lácteo, xa que o número de proxectos deste subsector que solicitaron axuda este ano ascende ata 33, cun investimento previsto que superará os 64 millóns de euros.

A conselleira destacou ademais o compromiso de Nestlé cos gandeiros galegos e a súa seriedade e lealdade nas relacións contractuais con eles. “Isto ponse de manifesto -dixo- á hora de abonarlles un prezo xusto e adecuado pola súa produción, nun marco de equilibrio e estabilidade dentro da cadea de valor do leite que promoven os gobernos galego e español”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información