Manuel e Carmen cos seus fillos Antía e Hugo

Neifra SC, unha gandería sostible en extensivo

Situada en Barral de Cima, na parroquia de Lindín, é unha das poucas explotacións de leite que quedan no concello de Mondoñedo. Na súa cabana hai vacas das razas holstein e parda alpina, que saen a pacer dúas horas todos os días

Manuel Neira traballaba de conductor de autobús e a súa muller, Carmen Fraga, nun supermercado. No ano 2000, cando o pai de Manuel se xubilou, decidiu incorparse á explotación familiar, á que máis tarde se sumaría tamén Carmen. Pouco a pouco foron facendo melloras e ampliando o número de cabezas até ter hoxe unha explotación ben dimensionada e sostible.

Os cambios foron paulatinos: no ano 2004 fixeron unha cuadra que hoxe xa se atopa ao límite da súa capacidade, cun cento de cabezas totais e 55 vacas en produción; no 2007 construiron silos e incorporaron o sistema de carro mesturador para a alimentación e no 2012 mercaron 6 vacas de raza parda alpina en busca de maior duración e aumento de calidades.

Agora, desde febreiro de 2017, é unha das ganderías Natura de Leite Río e conta co certificado de Leite Galego 100% que outorga o Ligal e co de Gandería Sostible. “Fomos dos primeiros certificados por Irmandiños no ano 2007 porque aquí en Mondoñedo non hai ADS e era a única forma de conseguila”, explica Manuel, que defende as vantaxes de participar en programas de control leiteiro e certificación. “Antes entregabamos a Lactalis, pero co cambio a Natura pasamos a cobrar tres céntimos máis por litro”, explica.

Ao pasarse a pastoreo lograron tres céntimos máis en litro, o que lles permitiu contratar a un veciño

Esa pequena suba permitiulles contratar un empregado. É un veciño da casa do lado da súa de 57 anos desempregado da Ecar, unha empresa forestal de fabricación de taboleiro que pechou fai uns anos logo de ser adquirida por FINSA. “Antes chamabamos a autónomos para traballos puntuais como ensilar ou muxir de vez en cando, senón non tes vida”, explican Manuel e Carmen. Agora teñen máis tempo para estar cos seus dous fillos, Antía e Hugo.

Tamén se incorporaron recentemente a Vaca e Boi de Galicia para as vacas de desvelle.

Aposta pola raza parda alpina

Hai seis anos decidiron probar coa incorporación de 6 vacas de raza parda alpina, tres importadas dende Alemania e Austria e outras tres procedentes de Asturias. Hoxe a aposta por esta raza é clara nesta gandería. “A miña experiencia con elas foi boa, se non teríame desfeito delas e, sen embargo, teño cada vez máis”, indica. En concreto, son xa 11 as vacas en produción e unha ducia máis en proceso de recría.

“A frisona pura para ganderías intensivas é unha boa vaca pero para extensivas hai razas mellores”

“A frisona pura para ganderías intensivas é unha boa vaca, pero para extensivas baixo o meu punto de vista hai razas mellores”, considera Manuel. “É máis resistente, nunca vas ver unha parda alpina tirada na cuadra, son máis listas para ir ao pesebre ou á sala”, argumenta. En canto a rendibilidade, asegura que “dan algo menos de leite en produción diaria pero compénsase en produción vitalicia e tamén manteñen mellor os litros até o secado, con producións máis constantes durante toda a lactación”.

Cinco daquelas seis primeiras vacas pardo alpinas que chegaron a gandería Neifra en 2012 seguen aínda nesta explotación. “A outra tivemos que mandala o ano pasado por un descolgamento de ubre con 4 partos e 50.000 litros producidos”, conta.

Unha das seis vacas pardo alpinas mercadas no ano 2012 que aínda continúa na explotación

Unha das vacas pardo alpinas mercadas no ano 2012 que aínda continúa na explotación

A xuízo de Manuel, outra das vantaxes desta raza con respecto ás frisonas puras é a menor incidencia de enfermidades. “Non temos moitos problemas sanitarios, aquí o veterinario ven pouco por enfermidades. Nas frisonas temos de vez en cando algún problema de pneumonía, e iso que a cuadra é moi ventilada e aquí pega moito o nordés, pero nas pardas non tivemos ningún caso porque son máis fortes e resistentes e penso que mesmo responden mellor aos tratamentos en xeral”, di.

Para continuar a raza, as vacas pardo alpinas insemínaas con touros americanos desa mesma raza. “Hai un problema cos touros europeos de Alemania e Austria porque non deixan saír a xenética fóra do país”, explica. Tamén conta cun touro de raza pardo alpina que lles bota ás vacas moi repetidoras, tanto ás pardas como ás frisonas.

Manexo conxunto dos dous rabaños

As vacas pardo alpinas e as frisonas están mesturadas nesta explotación e Manuel e Carmen non fan ningunha distinción no seu manexo. Neifra SC muxe dúas veces ao día e logra producir 35 litros diarios por vaca cun 4% de graxa e un 3,40% de proteína de media.

Manuel, cunha becerra pardo alpina nunha das fincas para a recría

Manuel, cunha becerra pardo alpina nunha das fincas para a recría

Os animais que están en produción saen pacer dúas horas todos os días se a climatoloxía o permite. A recría e as vacas secas están máis tempo fóra. As becerras son destetadas aos 3 meses e son alimentadas até os 8 con pacas de concentrado de reigrass de Irmandiños. A partir desa idade e até o momento do parto están unicamente a pasto e silo.

Nas fincas máis altas, ao pé xa do monte Padornelo, está a recría de máis idade. Están todo o tempo no prado e van velas 2 veces ao día. “Só as achegamos á casa para inseminalas e telas máis controladas até que se quedan preñadas, despois volven para fóra até que se achega o momento de parir”, di Carmen.

As camas na nave de produción son de palla, que amañan dúas veces ao día. “A palla é máis barata que a area e ademais o pozo que temos non está preparado para a area”, explica.

Os inconvintes de ser a única explotación nesta zona

Manuel fai todos os traballos agrícolas, agás a sementeira do millo e o ensilado, tanto do millo como da herba, para o que contrata a unha empresa de servizos agrarios. “Só fago ao final algún rolo dos terceiros cortes de herba, porque aquí herba seca non facemos por cuestións climatolóxicas”, indica sinalando o tramo da autovía A-8 que pasa por Lindín, e que está pechado a metade do ano por mor da néboa.

A construción da autovía deulle maior accesibilidade á explotación. “Estamos ao lado da saída da autovía, se non fose por iso non interesaría vir a recollernos o leite, porque estamos fóra das rutas de recollida e nesta zona esta é a única explotación que queda”, di.

Ademais de Neifra SC, en Mondoñedo quedan outras tres explotacións adicadas á produción de leite dun tamaño medio pero ningunha está nesta zona: O Vedral na parroquia de Oirán, O Lauro en Masma e Casa José de Candia no Carme.

Esta circunstancia condiciona moitas das decisións que toman Manuel e Carmen. “Para certas cousas é bo estar só, pero para outras, coma os servizos ou compartir traballos, non o é”, afirma Manuel, que explica que Irmandiños non quixo levarlles a mestura húmida de alimentación para o gando.

Iso obrigounos hai xa 11 anos a facer silos e mercar un carro mesturador. A ración diaria está en 24 quilos de silo de millo, 17 de silo de herba, 300 gramos de palla e 11 quilos de concentrado. Fan unha análise do silo ao comezalo e de cando en cando nos frentes para ir variando as cantidades en función dos resultados obtidos.

Falta de superficie para seguir medrando

Vacas pacendo a carón da nave de produción

Vacas pacendo a carón da nave de produción

Nesta gandería dispoñen dunha superficie de 30 hectáreas, unha parte delas alugadas. Son case todas fincas de tamaño grande, xa que nesta zona houbo concentración parcelaria en 1995. “A finca máis pequena que ensilamos é dunha hectárea, o resto están entre 3 e 6 hectáreas. As parcelas que son pequenas témolas en pastoreo para a recría”, explica Manuel.

Na parroquia de Lindín quedan poucas vacas de leite, pero hai outras explotacións de carne de pequeno tamaño que compiten pola superficie dispoñible. “Até fai pouco o problema que tiñamos para medrar era a escaseza de cuota e agora éo a dispoñibilidade de terra”, lamenta.

“Se hai prezo no leite podes medrar mercándoo todo, pero senón é mellor adaptar o número de vacas á superficie que tés”

“Se hai prezo no leite podes medrar mercándoo todo, pero senón é mellor adaptar o número de vacas á superficie que tés”, considera. “Nós estamos ben dimensionados e só mercamos a palla para os cubículos e a que usamos no carro mesturador para facer a ración, no resto somos autosuficientes”, explica. A cuadra tamén está case ao límite da súa capacidade, polo que tamén requeriría unha ampliación para poder acoller máis animais, polo que Manuel e Carmen non teñen pensado aumentar polo de agora.

Tamén teñen problemas cos xabaríns. “Estamos rodeados de monte e ao estar sós, comen só o noso”, evidencia. Un terzo da superficie da que dispoñen seméntana a millo, unhas 10 hectáreas ao ano. “Vémonos negros co xabarín. Temos que pechar as parcelas o mesmo día que as sementamos e temos que manter o pastor con dous fios todo ao arredor até o mesmo día que se recolle o millo, senón non logramos colleita, pero o problema é o mantemento dos fíos todo ese tempo”, conta.