Negociarán as industrias lácteas os novos contratos coas organizacións de produtores?

A publicación do decreto que reforma o Paquete Lácteo impide ás empresas ignorar ás organizacións de produtores, como sucedía ata o de agora. Falamos coas dúas organizacións de produtores galegas, a de Unións Agrarias e a das cooperativas, para coñecer as súas expectativas

Negociarán as industrias lácteas os novos contratos coas organizacións de produtores?

Río é unha das industrias que ten que renovar contratos en breve.

O decreto que reforma o Paquete Lácteo, que vén de publicar o Ministerio de Agricultura, deixa un cambio significativo, agardado desde hai tempo polo sector. As industrias lácteas non poderán presentarlle ofertas de contratos ós gandeiros que estean vinculados a unha organización de produtores (OP). En teoría, terán que chegar a acordos necesariamente coa correspondente organización de produtores, á que non poderán ignorar, como sucedía ata o de agora.

A publicación do decreto chega cando algunhas das principais industrias con recollida en Galicia, como Lactalis e Capsa (Larsa), xa teñen contratos asinados ata 2020, pero aínda quedan industrias como Río, Celta ou Covap (Naturleite), que terán que renovar contratos nas próximas semanas. Falamos coas dúas organizacións de produtores (OP) galegas, Ulega, xestionada por Unións Agrarias, e con Aprolact, xestionada polas cooperativas, para coñecer as súas valoracións sobre o novo escenario.

Ulega está perfilando as comisións negociadoras por industria e manterá proximamente reunións por comarcas

As expectativas son moi distintas. Por parte de Ulega, Óscar Pose, responsable de Servizos en Unións Agrarias, sinala que a organización de produtores está operativa xa, á espera só de “consultas técnicas” que se lle trasladaron ó Ministerio.

En cambio, na Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), na que se integran as cooperativas que teñen constituída a OP Aprolact, valoran os cambios normativos con escepticismo. “É certo que hai pequenos axustes a favor dos produtores organizados, pero non vemos cambios significativos. Hai que esperar e ver como funciona na práctica o novo decreto”, valora Higinio Mougán, director xerente de Agaca.

Próximos contratos
Non haberá que esperar moito. A nova regulación ten a súa proba de fogo nas próximas semanas, cando renovarán contratos todas as industrias que aínda non o fixeron. En Ulega están só pendentes de que Agricultura aclare a operativa. “A normativa especifica que as industrias non lle poden trasladar contratos ós gandeiros que están nunha OP, pero queda por aclarar quen lle comunica ás industrias que ganderías están nunha organización de produtores”, explica Óscar Pose.

“Competencia está favorecendo a industrias e distribución, en perxuízo dos gandeiros. Mentras se manteña esa actuación, o desequilibrio continuará” (Higinio Mougán, Agaca)

Unha vez solventado ese punto, Ulega está preparada para o inicio de negociacións. Ten xa recollido o mandato dos gandeiros socios, que lle permite negociar no seu nome, e ten perfiladas as comisións negociadoras por industria, con participación de gandeiros das distintas comarcas produtoras. “Faremos reunións por comarcas proximamente para explicar a nova situación e pechar as comisións negociadoras”, explica Pose.

O problema de Competencia
Entre tanto, nas cooperativas obsérvase con escepticismo o proceso aberto pola reforma do Paquete Lácteo. “Ou hai unha aposta verdadeira dos Gobernos por reequilibrar a negociación entre industrias e gandeiros a favor dos produtores organizados, ou moito nos tememos que o novo decreto non funcionará” -advirte Higinio Mougán-. “Hai pequenos xestos, pero tense que dotar ó sector de capacidade real de negociación, operativa, sen as cartas marcadas”, subliña.

A Asociación Galega de Cooperativas cuestiona en especial toda a actuación que está a seguir nos últimos anos a Comisión Nacional de la Competencia, moi remisa ás medidas que impliquen protección a gandeiros e agricultores.

“Competencia está a tratar ás 14.000 explotacións lácteas de España como se fosen unha multinacional, cando é un sector que se caracteriza pola súa desorganización e desestruturación. Enfrontámonos a un sector hiperorganizado, tanto en industrias como nas cadeas de distribución, ó que Competencia está protexendo en perxuízo das granxas. En tanto non haxa un xiro dos Gobernos en materia de Competencia, manterase o actual desequilibrio de poder na cadea de valor do leite”, pronostica Mougán.

Con todo, o director xerente de Agaca sinala que se manteñen á espera, para comprobar como funciona na práctica o decreto.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información