“Nas parcelas con cultivo intensivo de millo detectamos carencias de magnesio e de cinc”

Entrevista a Javier Caneda, responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro, unha cooperativa que o pasado ano incrementou un 43% as vendas de semente de millo. Fálanos das claves para mellorar o rendemento deste cultivo

“Nas parcelas con cultivo intensivo de millo detectamos carencias de magnesio e de cinc”

Javier Caneda

Javier Caneda é responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro, unha cooperativa que o pasado ano incrementou un 43% as vendas de semente de millo. Fálanos nesta entrevista das claves para mellorar o rendemento deste cultivo e como evitar os erros máis comúns.

¿Como se presenta a campaña de millo deste ano?
En principio a estimación de superficie que se vai plantar vai ser similar e non ten porque alternarse en relación á do ano pasado. Iso si, a climatoloxía provocou un atraso duns 20 – 25 días, máis na zona costa que no interior, debido a que se estenderon as choivas invernais practicamente ata finais de abril e iso levou a un desprazamento nos ciclos.

De momento a campaña preséntase con moi boas perspectivas. Algúns gandeiros tiveron que elixir entre facer un segundo corte de herba ou sementar o millo e as decisións foron moi variadas, pero un gran número decidiron repartir e nunha parte da superficie só sacaron un corte de herba e sementaron millo e noutras parcelas decidiron ir a un segundo corte para finais de maio.

¿Canta superficie estaría sementada a día de hoxe?
Na zona costeira, máis propicia para este cultivo, pode estar sementado entre o 80 e o 90% e nas zonas de interior estaría plantado entre un 45 e o 65%.

O atraso de case un mes na sementeira respecto ao ano pasado, que foi inusual, e duns 15 días respecto á media dos últimos anos, está provocando que haxa unha redución dos ciclos longos. Así, en zonas onde se solían plantar ciclos 500, se agora non está plantado xa habería que ir a un ciclo máis curto. Por outra parte, nas sementeiras de finais de maio ou de comezos de xuño tamén vai haber redución de ciclo. Os ciclos máis demandados neste momento son entre 300 e 400 pero a medida que avancen as datas reducirase o ciclo, de forma que no mes de xuño ciclos de 300, agás zonas puntuais, xa non terían sentido e habería que ir máis a ciclos 250 ou 200.

 “Os ciclos máis demandados neste momento son entre 300 e 400”

A fertilización é clave para lograr un bo rendemento do millo forraxeiro ¿En que aspectos hai que incidir?
Na fertilización o principal é ter claro as necesidades do cultivo en función da produción que queremos lograr. E en segundo lugar, á hora de subministrar esas unidades fertilizantes temos que ter en conta a riqueza do solo e a cantidade de xurro que imos aportar.

Outro factor importante que observamos nos últimos anos é que, coa intensificación do cultivo do millo, empézanse a notar deficiencias de nutrientes nas parcelas. Tanto os gandeiros como as casas comerciais estiveron ata agora só centrados no Nitróxeno, Fósforo e Potasio, esquecendo que coa intensificación do cultivo podemos chegar a ter graves deficiencias en microelementos que poden chegar a limitar o cultivo. As carencias máis frecuentes que detectamos son de Magnesio e de Cinc, e que inciden nun descenso na calidade e na cantidade de produción.

Neste sentido, é fundamental dispor de analíticas do solo. Nutrir un solo para intensificar a súa produción é unha cuestión de evolución e de tempo, que non se logra só nun ano. Por último, pero non por elo menos importante, é necesario que nas parcelas se fagan encalados axeitados para conseguir unha maior eficiencia dos fertilizantes e incluso mellor efectividade cos herbicidas.

¿Detectades tamén desequilibrios por exceso de nutrientes no solo?
Desde o momento que temos unha intensificación dun cultivo e non controlamos o estado do solo mediante análise de terra, o máis normal é que atopemos deficiencias de nutrientes pero tamén excesos, e incluso as dúas situacións na mesma parcela. Os excesos solen ser de fósforo potasio e as deficiencias de magnesio e de cinc.

“Nas parcelas con cultivo intensivo de millo detectamos carencias de magnesio e de cinc”

¿Cando sería o momento adecuado para aplicar os herbicidas no millo?
Hai dous grandes grupos de herbicidas: os de pre e os de post emerxencia. O gandeiro sole ter un control da infestación das distintas plantas que ten e sabe contra que aplicar. Por tanto, dependerá máis do manexo do gandeiro ir a un produto de pre ou de post. En pre sólese tratar contra as malas herbas que acostuman estar na parcela de forma habitual e en post tratamos cando hai infestación e dependendo da incidencia da mesma. En calquera dos dous tratamentos é fundamental un manexo correcto, entendendo como tal o respecto á dosificación, o momento do estado vexetativo da planta, o tempero do solo e mesmo o momento de aplicación.

¿Que fallos máis comúns se solen cometer na aplicación de herbicidas no millo?
Os erros máis comúns son por momentos de aplicación inadecuados, por falta de humidade no terreo ou por temperaturas excesivas, aplicándoos a mediodía e con forte insolación. Tamén por unha mala dosificación e, sobre todo, o maior problema é o mal estado no que están as máquinas de aplicación, con boquillas que non funcionan ben e/ou solapamento das voltas da máquina, co que provocamos unha sobredosificación do herbicida e problemas de toxicidade nas plantas de millo.

“Nos herbicidas para millo o maior problema é o mal estado no que están as máquinas de aplicación”

En xeral, ¿Cales son os fallos máis comúns no cultivo do millo e como evitalos?
O millo é unha planta tropical que produce moita cantidade de forraxe en moi pouco tempo. Neste sentido, os factores máis limitantes son a falta de auga, e segundo lugar o manexo do cultivo en canto a fertilizantes e herbicidas. A auga e a nutrición son os dous factores máis limitantes.

Aplicar regas puntuais e estratéxicas é un investimento que pode ser moi rendible polo incremento de cantidade e de calidades que se consegue. De feito, varias cooperativas galegas están facendo ensaios de sistemas de regadío para o millo.

En canto ás variedades resistentes á seca, se ben é certo que melloran algo os resultados non acaban de producir o que se espera porque é antagónico producir materia seca en condicións de seca.

¿Que novidades presenta este ano Delagro para a campaña de sementeira de millo?
Temos algunhas variedades novas e están dispoñibles en todas elas os distintos tratamentos de insecticidas.

Así, contamos con variedades de Maisadour con tratamentos Agrostar, un fertilizante starter para darlle os nutrientes á semente dende o comezo. En Limagrain tamén contamos como novidade coas variedades 30369, Limanova, e a 30444. Trátase de variedades de alto rendemento que nos últimos campos de ensaio en Galicia deron os mellores resultados.

 “Sería moi bo traballar con máis planificación na campaña do millo para lograr mellores rendementos y calidades”

¿Algo máis que queiras engadir?
Para sacarlle o mellor proveito ao cultivo de millo sería moi interesante poder traballar con maior programación por parte do gandeiro e por parte das empresas de servizos que traballamos con eles. A do millo é unha campaña moi rápida, na que as tomas de decisión fanse moitas veces sobre a marcha, e non coa antelación suficiente, é un problema do sector.

Neste sentido, axudaría moito para mellorar os rendementos deste cultivo que tivéramos claro con antelación a superficie que imos plantar, os insumos que imos necesitar e as variedades que imos ter dispoñibles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información