Nace a Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido-AGATEM

Actualmente, 42 técnicos de control de muxido forman parte da iniciativa, que está aberta a recibir novas incorporacións.

Nace a Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido-AGATEM

Reunión de AGATEM

Nunha xuntanza celebrada este xoves en Santiago de Compostela foron aprobados os estatutos de Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido-AGATEM, entidade que integrará técnicos de control de muxido de Galicia. A Acta de Constitución da Asociación será asinada en xaneiro, tendo a condición de socios fundadores os que a subscriban.

O colectivo está formado por persoal técnico autorizado, pola Consellería de Medio Rural, para realizar controis e revisións de equipamentos de muxidura e tanques de frío. Actualmente 42 persoas forman parte de AGATEM, que está aberta á incorporación de máis persoas.

Defensa do sector

Entre os obxectivos polos que nace a Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido – AGATEM, recollidos nos estatutos, atópase a propiciación do desenvolvemento sanitario e económico do sector gandeiro.

Defende, ademais, a integración e a coordinación dos Técnicos de Control de Muxido no seu ámbito profesional e territorial, e contribuirá na formación empresarial dos seus membros.

A Asociación representa e defende os intereses comúns, profesionais e económicos dos asociados diante da sociedade e as Administracións Autonómicas.

A Asociación colaborará coa Administración no campo dos sistemas de manexo e control para mellorar o desenvolvemento de prácticas correctas para produción láctea, así como noutras actividades que propicien o desenvolvemento do sector lácteo.

Analizará e estudará os problemas de carácter xenérico e común aos técnicos de control de muxido, adoptando solucións e establecendo liñas de actuación para os asociados de forma conxunta, pois a Asociación promove as actuacións colectivas e baixo directrices definidas como xeito de acadar obxectivos.

Con respecto ás persoas asociadas, AGATEM ten como unha das súas prioridades o asesoramento dos seus integrantes, polo que se establecerán reunións periódicas para divulgar e intercambiar información e estudar problemas e incidencias do seu interese.

Avance

A Asociación Galega de Técnicos de Equipos de Muxido – AGATEM promove o avance nos métodos e técnicas de xestión da empresa, particularmente mediante a realización e difusión da investigación, a organización e funcionamento dos oportunos medios de formación e información e o establecemento de acordos, colaboracións, convenios e, en xeral, calquera servizo ou actividade complementaria para o cumprimento dos seus fins.

A Xunta Directiva, formada por cinco membros escollidos onte, considera que entrar a formar parte dunha entidade como é a Asociación pode “servir para mellorar as condicións dos técnicos individualmente pero tamén como colectivo, o que beneficiará ao sector”.

Os profesionais técnicos de control de equipos de muxidura que estean interesados en formar parte da iniciativa ou en conseguir máis información, poden contactar con Andrés Mejuto, presidente de AGATEM, no teléfono 629273202.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información