“Na crise do leite apareceron salvadores que só querían cargarse a representación sindical”

Falamos con Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias dende 1987. Con el repasamos algúns dos momentos claves do sector lácteo logo da crise e os cambios máis transcendentais dos últimos anos. Tamén recollemos algúns dos feitos destacados do sindicalismo agrario galego e abordamos os retos do rural en Galicia

Publicidade
“Na crise do leite apareceron salvadores que só querían cargarse a representación sindical”

Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias

Roberto García é un dos históricos do sindicalismo agrario galego das últimas décadas. Vinculado a Unións Agrarias case dende a fundación do sindicato, leva máis de trinta anos como secretario xeral da organización galega. Procedente dunha familia gandeira de Rodeiro (Pontevedra) -cuxa actividade aínda mantén xunto co seu irmán-, estivo inmerso nalgúns dos procesos de transformación máis destacados do mundo rural, xestionados tanto en Galicia como en Europa. Abordamos con el algúns dos retos que aínda se lle presentan ó rural galego.

A última mobilización do sector lácteo, no 2015, deu lugar ó nacemento de organizacións gandeiras desligadas dos sindicatos. Isto levouvos a replantexarvos como estabades traballando?
Se analizamos os movementos dentro do sindicalismo agrario teñen que ver con crises que se deron en dúas organizacións nese momento: Agromuralla estaba formada por xente que proviña, na súa maioría, da crise de Xóvenes Agricultores, e de movementos políticos na órbita do Partido Popular, para desgastar á única organización que tiña un peso central do sector leite. E o mesmo pasou no outro extremo por parte do BNG, que tras a súa escisión na fronte política, tamén racharon o seu sindicato de referencia.

En Unións Agrarias isto non supuxo unha perda de afiliación, senón todo o contrario, cun incremento dos afiliados no sector lácteo. Dos 4.200 afiliados que temos neste sector (que agrupa a un total de 8.000 produtores), cerca de 2.600 forman parte da organización de produtores Ulega, é dicir, non só son afiliados, senón que delegan na organización a capacidade de negociación do seu leite; os outros 1.600 non poden entrar en Ulega porque forman parte xa de cooperativas. O grao de credibilidade e de confianza é masivo. É moi difícil nun sector ter case o 50% afiliado e inflúen máis factores que a confianza sindical, inflúe o traballo de asesoramento, de xestión…

“Somos progresistas, pero nunca nos implicamos en campañas electorais. Isto fai que haxa votantes do PP que están cómodos en Unións”

Volvendo ás mobilizacións de Lugo do 2015, somos conscientes de que aquelas mobilizacións se fixeron nunha clave moi concreta: para desgastar a Unións Agrarias porque politicamente non se estaba cómodo nesa representación. Nós fixemos unha organización transversal, non partidista, xa que non houbo nin unha soa campaña electoral na que a organización estivera implicada con ningún partido político. Somos unha organización progresista, pero diferenciamos moi claramente o papel que temos como organización do debate partidista e iso fai que dentro da organización se sintan cómodos moitos votantes do PP.

Naquel momento, cunha crise sectorial moi importante, apareceron salvadores con solucións demagóxicas que o tempo demostrou que só buscaban cargarse a representación sindical. Non existen solucións máxicas. Non é problema de que o sistema de representación tradicional xa non sexa operativo. Botar a andar unha organización agraria e darlle servizos ós gandeiros non só é moi custoso economicamente senón que require moito traballo.

Cal credes que é a clave para mantervos no tempo e que a xente siga elixíndovos como sindicato?
A xente valora o que coñece e o traballo feito dende o ano 1985 por Unións, pasando tódolos filtros de tódolos gobernos. Unións apostou non só por ser un sindicato de lobby de sector de leite, de carne e de viño, senón que buscamos ser unha organización que aglutine a representación do rural. Hoxe temos unha organización de mulleres rurais (Fademur), unha asociación forestal (Asefoga), unha asociación sectorial avícola (Acriaga) e un colectivo de produtores de terreos nos que se instalaron parques eólicos (Vento Noso)… Polo tanto Unións é unha organización que procurou estar nos distintos colectivos do rural.

Como ves na organización a incorporación de xente moza a explotacións cun certo carácter empresarial e que amosan unha certa filia ás asociacións sindicais?
Nós estamos facendo un traballo moi importante de profesionalización dos dous departamentos máis potentes da organización: o departamento xurídico e na xestión económica fiscal. Hoxe cada día máis as explotacións demandan que o sindicato os represente na negociación dos seus produtos, pero tamén que lles resolva de forma integral todos estes problemas.

Hai uns meses, a Fruga pedíalle á Consellería de Medio Rural que convocase eleccións sindicais no agro, xa que levan máis de dez anos sen convocarse. Como ves esa opción?
En España temos os tres modelos: Comunidades Autónomas que nunca tiveron eleccións agrarias, aquelas que levan máis de dez anos sen convocar e as que as están repetindo de forma permanente. A experiencia das eleccións aquí en Galicia levaríanos a uns resultados electorais de pouco contido sindical e moito de contido político-partidista. Nós cada vez que nos presentamos a unhas eleccións (DO Rías Baixas, DO Ribeiro…) non nos enfrontamos a outro sindicato, enfrontámonos ó Partido Popular.

Politizar de forma partidista, non ideolóxica, as organizacións aportaría poucas solucións. Polo tanto, eu non teño tan claro o que nos aportaría un modelo de eleccións a un órgano que nin existe nin lle queremos dar funcións. Existen cantidade de elementos de medición que son tan operativos ou máis que unhas eleccións políticas. Hoxe a Administración tennos controlados para saber cantas declaracións da PAC fai cada organización agraria, cantas declaracións da renda e trámites fiscais temos que facer, cantos proxectos de plans de mellora facemos…

Polo tanto, para saber a representación horizontal temos moitos máis elementos obxectivos e medibles que nunha campaña política ó uso. Creo que a organización partidista aportaríalle pouco ás organizacións agrarias e sería un fraco favor para os agricultores.

“A miña idea é traballar na dinámica de relevo na organización”

Queda algo máis dun ano para o congreso xeral de Unións Agrarias, veste con ánimos para seguir?
É moi difícil atopar unha persoa que teña unha explotación viable e de referencia no sector e teña tempo para dedicarlle á organización, sobre todo cando é unha organización con máis de 100 traballadores, máis de 50 oficinas, arredor dos 14.000 afiliados … A miña idea é traballar na dinámica de relevo, non só xeracional, xa que non creo que a idade sexa o condicionante para a renovación, pero creo que é necesario ir xerando novas incorporacións e, chegado o congreso, teremos que buscar unha fórmula que nos permita afrontalo. É unha cuestión que xa abordamos no anterior congreso. Vai depender de como se atope un, pero sobre todo de atopar unha persoa que por consenso siga representando esa unión que ten agora a organización.

Se se atopa a persoa idónea, a ti gustaríache propiciar o relevo?
Si, dende logo. Eu seguirei vinculado a Unións Agrarias aínda despois de xubilarme, xa que sempre dixen que non daría o salto á política. A diferencia do que agora está de moda, non levo con complexo ser secretario xeral mentres o 100% dos afiliados do sindicato me siga apoiando. Creo que nos últimos seis anos fixemos máis cambios no sindicato e no sector que nos últimos 30. Hai que darse conta de que organizacións de produtores (OP), neste país, intentáronas crear todos. Nós non só fomos capaces de creala senón que temos a máis grande de Europa con 2.600 gandeiros. Tamén hai que ver o esforzo feito na creación da Asefoga e de Vento Noso, colectivos que non eran tradicionais de leite e que están reforzados. Tamén é importante o traballo de comercialización e mercados que están facendo dende Fademur… Non nos quedamos nun modelo clásico de sindicato dos anos 90.

As mobilizacións do leite do 2015 remataron coa sinatura do Acordo Lácteo, porén a día de hoxe a percepción xeral nos produtores é de certa decepción.
Unións Agrarias -UPA non asinou inicialmente, non por ser mal acordo, senón que lle puxemos tres reparos: quen o asinaba non tiña unha representación real no sector (non firmaba cada grupo empresarial), non establecía sancións para os incumprimentos e porque nunha definición de ‘buenismo’, falaba de sostibilidade económica na cadea pero non a definía. Aquel acordo tiña unha comisión de seguimento para poder ir vendo punto por punto como se desenvolvía, e co paso de reunións, Unións deuse de conta de que, sendo unha das organizacións con maior representación de gandeiros de leite, estaba excluída das reunións de traballo para modificar a situación. Entón terminamos asinando por imposición legal para formar parte desa mesa de negociación.

“Tres anos despois, todo está sen facer no Acordo Lácteo”

Creo que naquel momento houbo unha vontade política de buscar un acordo moi difícil de atacar nas definicións iniciais, que logo quedaban no ‘buenismo’, iso implica que tres anos despois todo aquelo que dependía do Ministerio aínda está por facer.

En que aspectos se estivo a traballar e en que situación se atopan a día de hoxe?
Falábase que España era un país deficitario que estaba traendo moito de fóra, polo que pedimos que se identificara a orixe dos produtos para que o consumidor o puidese coñecer: hai borradores pero aínda están sen aprobar. Dentro do acordo tamén se contemplaba un decreto que obrigaba a dar a coñecer a canto lle pagaba o leite a distribución á industria. A día de hoxe o Decreto aprobouse, pero esa información só a coñece o Ministerio. Outro elemento, o máis importante, era a lei de sostibilidade económica, que consistía en establecer que tramos podemos considerar sostibles en materia económica (prezo ó gandeiro, á industria e á distribución). A día de hoxe está sen desenvolver. Un proxecto de produtos lácteos sostible sen sostibilidade económica é inviable.

“Aquí a industria acusa a debilidade de non se preparar, como fixeron outros países, para o final das cotas lácteas”

E por outra parte, para que haxa negociación debe haber alternativas, e non hai un só gandeiro que a día de hoxe negocie en igualdade de condicións o prezo da industria, ata o punto de que a industria nin sequera se senta coas OP a negociar o prezo. É unha imposición, un contrato por adhesión e o problema está sen resolver. Aquí a industria acusa unha debilidade ó non se preparar, como fixeron outros países, para o final das cotas lácteas. Temos o hándicap de que dependemos do mercado de leite líquido, cunha evolución á contra cunha baixada do consumo de leite.

Houbo algo máis grave, aceptamos como norma que o leite líquido non é para gañar cartos, nin sequera para pagarlle ó produtor, senón para que a distribución o empregue con prezos que practicamente son o 40% do manexado por un país excedentario coma Francia. Isto creou unha situación de complicidade e espero que a aprobación dos decretos pendentes permita evitar unha crise como a de hai dous anos.

“Un dos maiores logros foi visibilizar os máis de 1000 caseiros que estaban a piques de ser desafiuzados en Galicia”

Cales son para ti os grandes logros a nivel xeral do sindicalismo agrario en Galicia nas últimas décadas?
O gran papel das organizacións agrarias en Galicia coincidiu coa integración na Unión Europea, onde foi clave o papel da xestión da política agraria comunitaria. As organizacións agrarias, en maior ou menor medida, xogamos un papel básico. Se tivera que quedarme con feitos concretos e moi gratificantes, quedaría co gran traballo de sensibilización política e visualización dos máis de 1000 caseiros históricos que había en Galicia e que estaban a piques de ser desafiuzados.

Dende Unións Agrarias levamos ó Parlamento a creación das parzarías históricas, unha figura xurídica que naquel momento non contemplaba nin o código civil nin o Dereito Foral. Nesa batalla tramitamos de balde máis de 300 accesos á propiedade para aquelas persoas que levaban dende antes do 42 traballando esas terras. Para outros máis de 400 buscamos mutuos acordos cos propietarios, ós que aínda lle chamaban ‘amos’, para quedarse coa casa e con parte desa terra. Aí Unións foi determinante, pero tamén o foi atoparmos unha sensibilidade do goberno autonómico e central.

Como vivistes a implantación das cotas lácteas desde finais dos anos 80?
Foi un dos temas que nos produciu moitos desgustos, xa que a nosa posición foi moi criticada. Quedamos en exclusiva -incluso contra toda unha plataforma do sector- como defensores do sistema de cotas dentro da produción de leite. Defendíamos as cotas como sistema e modelo máis aló da cuantificación porque nos parecía que era básico facer unha declaración de onde partíamos e ter marxes para ir medrando ordenadamente dentro do sector. Houbo momentos duros, pero permitiu que houbera un crecemento ordenado do sector, unha situación de certa lóxica para que chegásemos ó 2015 co dobre da cota asignada no seu momento.

Nesa coherencia dentro do sector, na última década evitamos a compra-venta de cota, onde os gandeiros, especialmente os galegos, se estaban endebedando cando xa se prevía que en calquera momento esa cota ía deixar de ter vixencia. Nós apostamos polas explotacións activas que ían a continuar.

Nestas últimas décadas o campo en Galicia cambiou de xeito radical, cales crees que son os grandes retos para o campo galego para as próximas décadas?
Un dos retos que se lle presentan ós gandeiros é como facer fronte ás oscilacións que se van dar no mercado do leite. A forma que temos aquí de ser competitivos vai estar ligada a tres fenómenos:

-O primeiro, e máis importante, é a redución de custos da xestión do territorio. Temos unha utilización de superficie agraria moi baixa, apenas un 28% (as explotacións con menos terra de toda España e Europa). Polo tanto, nestas oscilacións vai influír moito tamén o incremento dos costes ó depender de forraxe externa. É importante resolver a xestión da terra que temos en Galicia. É fundamental xestionar a terra e que o Banco de Terras non se quede só no nome, con apenas mil parcelas…

-O segundo tema é como participemos do equilibrio na cadea. É dicir, como pasemos industria, distribución e gandeiros a ser conscientes que no futuro é imprescindible unha cooperación para que cada parte da cadea teña a súa marxe de beneficio. Mentres o leite siga sendo un produto empregado pola distribución non para gañar cartos, senón para gañar clientes, mentres a industria traslade as condicións impostas pola distribución ó gandeiro e mentres a sostibilidade non sexa unha realidade, imos ter moitas dificultades.

“O máis grave é que aceptamos como normal que o leite líquido non se venda para gañar cartos, senón para gañar clientes”

-Como terceiro factor temos unha tarefa importante que pasa por resolver o problema de abandono que se está a dar no rural, que tamén se concreta nun problema de relevo xeracional. Máis alá das cifras de autobombo e propaganda de incorporación de mozos que se fan cada ano, máis da metade dos titulares de explotación teñen máis de 55 anos. Buscar relevo xeracional implica resolver dous elementos importantes: a rentabilidade económica e a calidade de vida no rural. Ese abandono do rural e falta de xestión do territorio está levando a que hoxe miremos como facemos un aproveitamento económico e viable do monte e como resolvemos o problema das masas continuas de terreo abandonado que son inxestionables ante un incendio.

Combinar unha xestión económica e variada do monte ligado ó tema de protección creo que é dos temas que temos pendente xunto co acurtamento dos circuítos de comercialización. Seguimos tendo un gran número de intermediarios en tódolos sectores galegos que aportan pouco ó produto, probablemente porque participamos pouco na comercialización e no proceso de poñer en valor o produto e en que iso reverta en quen o produce. Polo tanto, a participación do produtor na industria é outra das materias pendentes.

Que expectativas tes postas no novo Ministro de Agricultura?
Os agricultores e gandeiros esperan do novo Goberno que garanta unhas rendas xustas para as explotacións en base a dúas liñas de actuación. Por un lado forzando para que o orzamento comunitario sexa suficiente e acade o 1,3% da renda nacional bruta e que unha vez que ese diñeiro chegue ós estados, se reparta de xeito que se primen as persoas sobre os territorios. No reparto das axudas da PAC é necesario que estas cheguen ós produtores reais.

Por outra banda, é prioritario conseguir, dunha vez por todas, prezos e mercados xustos para os produtores, nunha cadea alimentaria que funcione con equilibrio, respecto das leis e garantías para produtores e consumidores. A supervivencia do modelo de produción agraria e gandeira en Galicia depende do funcionamento dos mercados, da existencia de prezos que compensen os custes de produción, e do respecto da industria e a distribución á necesaria negociación colectiva cos produtores, de cara a garantir a calidade e seguridade alimentaria. O Goberno ten tamén unha ampla marxe de manobra para facilitar mecanismos que melloren o relevo xeracional e a incorporación de mulleres ás explotacións que servirá para loitar contra o despoboamento e a falta de xestión medioambiental do medio rural.

 

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información