Mouriscade proba unha tecnoloxía de ensilado que melloraría a rendibilidade das granxas

Os técnicos do organismo provincial elaborarán un estudo comparativo para contrastar a eficacia do novo silo, de cara a comprobar se o seu consumo aumenta o rendemento leiteiro das vacas

Mouriscade proba unha tecnoloxía de ensilado que melloraría a rendibilidade das granxas

Ensilado en Mouriscade co novo sistema de picado do millo.

A Finca Mouriscade, centro dependente da Deputación de Pontevedra, está a probar unha tecnoloxía punteira de ensilado de millo que podería aumentar a rendibilidade das explotacións de leite. Segundo explicou a deputada delegada do centro de investigación provincial, Eva Vilaverde, “o obxectivo destas probas é realizar un estudo obxectivo que contraste a eficacia da maquinaria para poñelo a disposición dos gandeiros da provincia”.

O novo procesador de ensilado de millo que se está a probar na finca pertence á multinacional Claas e pode ser utilizado grazas á colaboración da empresa de Servizos Agroindustriales Bascual, que realiza o picado do millo do centro provincial. A nova máquina, que a penas se probou en Cataluña, Asturias e poucos puntos de Galicia, ten como principal característica que a materia seca para alimentar os animais pasa a ter un maior contido en fibra larga sen comprometer a dixestibilidade nin a enerxía subministrada.

Segundo probas realizadas pola Universidad de Wisconsin (EE.UU) no 2012, este procesador permite que o rendemento lácteo diario do gando aumente ata dous litros por vaca e que mellore a saúde dos animais. Sen embargo, debido a que non hai estudos contrastados, os técnicos da Finca Mouriscade decidiron elaborar un informe propio.

Deseño da investigación
Os traballos para o estudo comezaron esta mesma semana. Nunha parcela propia de millo forraxeiro recolléronse tres hectáreas coa mesma variedade de millo, e picouse unha hectárea e media coa máquina tradicional e a outra hectárea e media co novo sistema Sherdlage. Ese millo picado está agora na fase de fermentación e, transcorridos de dous a tres meses, subministraráselle aos animais como alimento. Nese momento comprobarase se hai a diferencias na produción de leite en función de ambos lotes de alimento.

A Finca Mouriscade dispón de todas as ferramentas necesarias para realizar o estudo e comprobar este novo sistema de procesado de silo de millo, xa que ten superficie sementada nunha parcela de extensión considerable (cinco hectáreas), capacidade de almacenaxe separando os diferentes procesados, animais para subministrar os ensilados, e capacidade de recollida de datos a nivel de produción, así como a posibilidade de realizar no laboratorio diferentes análises de materia seca e dixestibilidade para o gando.

Os técnicos de Mouriscade pretenden valorar se realmente o novo sistema de procesado é unha vantaxe para as explotacións de vacún de leite, dado que soamente un aumento de produción dun litro por animal e día sería de grande rendibilidade económica, a maiores doutros beneficios na saúde dos animais.

Segundo explicou a deputada Eva Vilaverde, “traballos de investigación como o que se está a iniciar, inédito ata o de agora, demostran que a Finca Mouriscade segue a ser un referente para o sector agrogandeiro non só da provincia, xa que traballa con rigorosidade e independencia na busca de incrementar as capacidades produtivas e de calidade das explotacións”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información