Midon Edurne Maximus, Vaca Gran Campioa de Feiradeza

A Gandería Midón, de Lalín, fíxose co premio á mellor vaca do XXV Concurso da Raza Frisoa celebrado na capital do Deza esta fin de semana. Gandería Manteiga, de Vila de Cruces, alzouse co título de mellor criador do certame

Midon Edurne Maximus, Vaca Gran Campioa de Feiradeza

Avelino Souto da gandería Midón, de Lalín, e o xuíz do concurso Henrique Muniz, coa vaca gañadora.

A vaca Midon Edurne Maximus, da Gandería Midón, de Lalín (Pontevedra) fíxose co título de Vaca Gran Campioa do XXV Concurso de Gando Frisón Feiradeza 2019, celebrado esta fin de semana en Lalín. A vaca impúxose na categoría de exemplares en lactación de tres anos antes de ser seleccionada como Mellor Vaca Intermedia e logo como a gañadora do certame. O animal xa resultara como Vaca Nova Campioa na edición pasada de Feiradeza.

Na categoría de Vaca Adulta, resultou como gañadora a vaca Manteiga Alexander Evy, da Gandería Manteiga, de Vila de Cruces, por diante de Carballeiras Bruno Bruna, da SAT Carballeiras, de Lalín. Manteiga foi tamén o mellor criador do certame, unha distinción que recibira xa no 2018 neste concurso. Desta gandería, é ademais a vaca Manteiga Brandy Eirin que quedou subcampioa na categoría de Vaca Intermedia, por detrás da gañadora do certame.

Na sección de Vaca Nova a campioa foi Casa Nova Electra Lamborguini, da gandería lalinense Perez-M Rial, e como subcampioa resultou Gestoso Alta1Stclass Aroa, da Gandería Gestoso, de A Estrada.

Na xornada do domingo tamén se celebrou a poxa de tres becerros que foron adxudicados todos eles por 200 euros. Ademais, realizouse o sorteo dunha xata, valorada en 500 euros, que foi para José Carlos Fernández González, veciño de A Xesta (Lalín) e unha xovenca preñada, tasada en 1.000 euros, que lle tocou a Rubén Iglesias Ferradás, de Goiás (Lalín). Outro sorteo, dun lote de embrións, foi para a Gandería O Pazo, de A Xesta (Lalín).

Campionato de xovencas e manexadores

Como vén sendo habitual, ademais da xornada dominical, Feiradeza contou con concursos de xatas, xovencas e manexadores na tarde do sábado. Nesta xornada a Xovenca Gran Campioa foi Carballeiras Jacoby Whitney ET, de SAT Carballeiras, de Lalín, que tamén levou o premio de mellor criador.

En canto ó mellor manexador, o premio foi David Ponds Fidelich e María Manteiga Rodríguez quedou como segunda mellor manexadora.

Nesta edición de Feiradeza estaban inscritos 102 animais procedentes de 16 ganderías da comarca do Deza e Tabeirós- Terra de Montes. Os exemplares foron avaliados polo xuíz portugués Henrique Moniz.

-Consulta aquí o resto de premiados en Feiradeza 2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información