Método Obsalim: Vacas que producen máis leite e que enferman menos

Esta pasada semana visitou Galicia Bruno Gibodeau, un veterinario francés inventor do método Obsalim: un sistema que mediante a observación dos animais permite ao gandeiro corrixir deficiencias na alimentación e mellorar a produción de leite

Método Obsalim: Vacas que producen máis leite e que enferman menos

Visita a unha gandería de Silleda para traballar co método Obsalim. Foto: XAN

A pasada semana o inventor do método Obsalim, o veterinario francés Bruno Gibodeau, inventor do método Obsalim, e o nutricionista de ganderías en intensivo, Benoît Sidele, visitaron diversas ganderías de vacún de leite de Galicia nunha viaxe organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza.

O obxectivo foi comprobar in situ as vantaxes da aplicación deste método, que mediante a observación dos animais e a interpretación dos signos cun xogo de cartas de cores e outros soportes permite ao gandeiro detectar e corrixir deficiencias na alimentación das vacas, previr enfermidades e mellorar a produción de leite e de carne.

“Concibín o método Obsalim para solucionar un problema xeral nos rabaños: teñen unha produción de leite ou de carne inferior á que debería ter coa ración que se lles dá. Así, a través dunha serie de técnicas de observación de síntomas tanto no animal como nas súas feces e ouriños pódense detectar as causas polas que a enerxía da ración non está a ser ben valorizada e a produción non é a prevista”, explica Bruno Gibodeau.

Este veterinario empezou a traballar con este método no ano 1993 e que foi finalizado no ano 2000. Dende entón uns 10.000 gandeiros, veterinarios ou nutrólogos franceses recibiron formación neste método, con 20 técnicos que están acreditados para impartir formación. En España un dos técnicos acreditados para formar no método Obsalim é Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza.

Entre 2 e 4 litros máis de leite ao día grazas a este método

E é que este método serve para mellorar a conversión en carne e leite da ración que lle damos aos ruminantes observando determinados síntomas no animal, que van dende o lagrimeo dos ollos, as bostas, o fociño ou os ouriños, axudándose dunha baralla con 61 cartas cos síntomas de inestabilidade ruminal.

“Estamos falando de que podemos aumentar a produción de leite de 2 a 4 litros ao día coa aplicación do método Obsalim”, destaca Bruno Gibodeau

Entre os erros máis comúns na alimentación dos animais e que provocan estes síntomas de inestabilidade ruminal, coa consecuencia dunha menor produción e máis enfermidades, está a variación da ración que se lle dá ao longo do día, silos con calidades moi dispares, unha mala mestura da ración, falta de arrimado frecuente da comida ou tamaño inadecuado do picado das forraxes.

“Estamos falando dunha mellora da eficiencia da ración que podemos alcanzar se aplicamos ben este método de entre un 10 e un 15%, pois estamos alimentando a unha vaca para producir 30 litros pero só produce 23 ou 25 litros e é unha enerxía que estamos perdendo”, explica pola súa parte Benoît Sidele, que traballa para ganderías de vacún de leite en estabulación intensiva no leste de Francia.

Benoît Sidele: “Con este método pódese mellorar entre un 10 e un 15% a eficiencia da ración”

“A principal causa desta ineficacia é a inestabilidade ruminal debido a un desequilibrio na ración, o que provoca unha falta de eficacia no aproveitamento da comida. A vaca recalcula a ración que se fai sobre o papel”, engade.

Neste sentido, a súa recomendación para que o rume da vaca funcione ben e aproveite ao máximo a ración son forraxes moi ben picadas, con racións ben mesturadas e dabondo húmidas para que a vaca non escolla e os aportes sexan regulares e non haxa inestabilidade ruminal. “Hai que reproducir en estabulación o que fai a vaca no pasto: comer sempre o mesmo, de forma regular e lentamente”, subliña.

No caso do picado das forraxes, para o millo que está algo seco a súa recomendación é que as partículas teñan entre 5 e 8 mm, e con millo máis húmido, con entre 32 e 33 % de materia seca, entre 12 e 16 mm de lonxitude das partículas. No caso da herba, debería ser picada a entre 2,5 e 4 centímetros.

“Hai que arrimar a comida para que as vacas coman regularmente as 24 horas, pois é precisa unha actividade microbiana as 24 horas no rume da vaca”, subliña Benoit Sidele.

Outras das vantaxes deste método é que permite aforrar gastos veterinarios e de potenciadores da actividade do rume. “É máis fácil venderlle ao gandeiro bicarbonato de sodio, lévedos, metionina ou lisina que explicarlle a un produtor en que falla a súa ración e como a distribución está mal feita. Iso é ir á base: a calidade da forraxes, mesturalas e distribuílas ben para evitar enfermidades e ter que empregar medicamentos”, conclúe.

“O método Obsalim fai que o gandeiro teña máis autonomía”

Pola súa parte, Bruno Gibodeau coincide en que “arredor de tres cuartas partes das enfermidades en ruminantes están vinculadas ou favorecidas por disfuncións alimentarias”. “E se a través da observación dos animais o gandeiro pode detectar onde está fallando a alimentación e modificar as súas prácticas, axustando as racións pode aforrar moito diñeiro, aínda que se empreguen lévedos ou conservantes das forraxes se o estado da forraxe obriga a elo”, engade.

Unha vez que o gandeiro é formado no método Obsalim é autónomo para traballar con el, consultando as actualizacións que se publican cada dano.

 “É preciso volver observar as vacas, algo que se perdeu coa robotización e coa mecanización”

E como valoran os produtores este método?: “Os gandeiros que traballan con este método normalmente transmítenme que recuperaron o pracer do seu traballo, porque volveron descubrir a relación entre a observación dos animais, a alimentación e a produción. É preciso volver observar as vacas, algo que se perdeu coa robotización e coa mecanización”, conclúe o inventor do método Obsalim.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información