“Aumentar a produción? Hai que atender ó beneficio do leite, non á facturación”

Cinco gandeiros abordan nunha mesa redonda organizada por Feiraco o novo escenario sen cotas e as posibilidades de aumento de produción

“Aumentar a produción? Hai que atender ó beneficio do leite, non á facturación”

De esquerda á dereita, Javier Fraga, Miguel Ángel Elvira, Luis Aires, Ángel Revilla (moderador), Enrique Jiménez e José Ramón Arronte.

No marco dunha xornada técnica organizada por Feiraco en Santiago, cinco gandeiros de distintos puntos da península participaron nunha mesa redonda para aportar a súa visión sobre o novo escenario sen cotas que se abre o 1 de abril. Medrar en produción ou non, así como distintas cuestións sobre o manexo da explotación centraron as preguntas de moderador e asistentes. Dámos conta dalgúns dos temas abordados.

Interviñeron na mesa redonda os seguintes produtores:
– Javier Fraga, de Sat Niveiro (Val do Dubra), unha explotación con 216 vacas, 200 xovencas e que obtén 38 litros de media por animal en dúas muxiduras diarias. Dispón de 96 hectáreas de superficie. É socio de Feiraco.

– Miguel Ángel Elvira (Talavera, Toledo), cunha explotación de 104 vacas, 68 xovencas e 43,6 litros de produción media con 3 muxiduras diarias. Conta con 42 hectáreas de superficie.

– Luis Aires, da granxa Vale dos Cerdeiros (Seda, Portugal), que conta con 247 vacas, 200 xovencas e 43,7 litros de produción media en 3 muxiduras. Dispón de 296 hectáreas en secano.

– Enrique Jiménez, de Sat Los Castillotes (Turégano, Segovia), unha explotación de 130 vacas, 129 xovencas e 40,7 litros de produción media en dúas muxiduras. Conta con 120 hectáreas.

– José Ramón Arronte, de Sat Arronte (Cantabria), con 335 vacas, 324 xovencas e 42 litros de produción media en 3 muxiduras. Conta con 120 hectáreas. Tanto el como os outros produtores traballan con carros de alimentación.

Medrar ou non medrar co fin das cotas?

Javier Fraga: A curto prazo non. Temos unha base territorial limitada e dispersa, case unha finca por cada hectárea, e non hai moito xeito de seguir medrando. Se temos que buscar fincas fóra, non compensa. Iso si, tratamos de ter unha eficiencia moi alta e a máxima produtividade por vaca. Poderiamos medrar sen sacar a máxima rendabilidade por animal e iso non o queremos. Unha explotación non ten que atender á facturación, senón ó beneficio. Prefiro facturar 8 e que me queden 5 a facturar 10 e que me queden 8. Por ter máis, non gañas máis. Cada un ten que facer a súa valoración. Tamén hai que ter en conta que, co noso actual modelo, temos ingresos importantes da venda de animais.

Miguel Ángel Elvira: Imos medrar de xeito controlado porque vemos que é un xeito de baixar os custos fixos. Proxectamos medrar un 8-10 % anual sempre que se sexa competitivo no mercado.

Luis Aires: Actualmente temos unhas instalacións que se quedan pequenas e si temos previsto unha ampliación para solucionar un problema de mortandade dos xatos. Faremos unha nova nave para 80 vacas.

Enrique Jiménez: Non ampliaremos. A calidade de vida é unha cuestión que temos moi en conta. Nós chegamos a pensar en ter 3 muxiduras diarias, pero iso esixía contratar outro empregado, estar máis pendente e facer máis horas na explotación, así que decidimos que non. Recoñecemos que algún litro de produción se nos vai aí. Doutro lado, á hora de valorar ampliacións, hai que ter en conta o problema de endebedamento importante que teñen moitas granxas.

José Ramón Arronte: Temos pensado medrar de xeito importante. O fin das cotas é unha oportunidade e estamos nun sector que necesita de investimentos de xeito constante.

Como afrontar os investimentos?

José Ramón Arronte: O capital propio das explotacións é escaso. Hai que buscar financiación a longo prazo.

Javier Fraga: A financiación a curto prazo non dá resultados porque quedas asfixiado, pero ás veces non hai quen financie a longo prazo.

Miguel Ángel Elvira: Os investimentos hai que facelos a longo prazo, pensando en amortizar a 15 anos, non a 2-3 anos. Se fago unha nave nova para 120 vacas, usarei capital propio e financiación a longo prazo, pero sempre pagándoa eu; non lle quero deixar a débeda ós fillos.

Importancia da asesoría e dos empregados externos

Luis Aires: O bo resultado da granxa depende de asesores e empregados. É un mérito de todos. No noso caso, temos traballadores portugueses e rumanos e a todos tratamos de ofrecerlles boas condicións e incentivos como a entrega cada ano de xatos cebados na explotación. En canto á asesoría, o gran cambio da nosa explotación produciuse no 2004, cando nos comezamos a asesorar en temas de nutrición e cambiamos todo o manexo que estabamos facendo. Comezamos a mirar que comían as vacas, canto e outros parámetros que lle imos comunicando ó noso nutricionista, que está a distancia, por se houbese que facer cambios.

José Ramón Arronte: O persoal é importante que estea contento. Fanse turnos, a xente libra e buscamos un persoal estable. O importante é que cumpra porque xa sabemos que as vacas son delicadas. Necesitan comer e ir á muxidura con puntualidade. Agora mesmo estamos manexando uns 1.400 litros por persoa –incluido o manexo das fincas- e queremos pasar a 1.800. Sobre os asesores, penso que hai demasiados que queren vender todo tipo de cousas. Cun asesor bo, no meu caso o veterinario, é suficiente.

Javier Fraga: Os empregados son o máis importante da explotación. Convives con eles no día a día. No noso caso, apostamos por pagarlles un salario cunha parte fixa e outra variable en función de resultados, explicando cando se dá a parte variable o porque e cando non se dá, tamén. Sobre a asesoría, é necesario que midamos todos os datos da explotación. Se non, non sabemos para onde imos.

Externalización da recría

Miguel Ángel Elvira: No noso caso mandamos as xovencas a un centro de recría. Fixemos números e vimos que para nós era rendible por problemas de espazo e manexo. De facela nós, teriamos que contar con máis xente, máis instalacións e teriamos máis problemas de residuos.

Javier Fraga: A recría facémola nós porque temos forraxe para todos os animais e contamos cunhas instalacións para a recría que non nos servían para a produción de leite. Cada un ten que facer a súa análise.

José Ramón Arronte: O máis barato é facer a recría na explotación se hai como e onde. Outra opción é xuntarse entre varios gandeiros para facela de xeito conxunto.

Integración cooperativa e investimentos na transformación do leite

José Ramón Arronte: O cooperativismo como base é o ideal, sempre e cando a cooperativa estea dirixida polos socios e cun bo xerente.

Luis Aires: Se é unha cooperativa para beneficiar os seus socios, ben. O exemplo de Portugal –en referencia a Lactogal- é moi negativo.

Miguel Ángel Elvira: Con boa base e xente que saiba, si. Hai que arrodearse do mellor. Se eu vise iso no proxecto, apuntaríame.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información