Medio Rural quere evitar a obrigatoriedade de inxectar os xurros no 2018

A conselleira, Ángeles Vázquez, adianta nas xornadas gandeiras de Mazaricos que solicitou ante o Ministerio amplas excepcionalidades para Galicia, así como un periodo de adaptación nos casos nos que haxa que modificar o manexo dos puríns

Medio Rural quere evitar a obrigatoriedade de inxectar os xurros no 2018

Clausura das xornadas técnicas da Semana Gandeira de Mazaricos.

As ganderías galegas están estes días á espera de comprobar como queda finalmente a normativa que as obriga a inxectar os xurros no solo xa no 2018. Medio Rural pide “tranquilidade”, en tanto xestiona co Ministerio de Agricultura unha flexibilización da norma. A conselleira, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe en Mazaricos que quere amplas excepcionalidades para Galicia e, en calquera caso, un periodo de adaptación para as granxas que teñan que inxectar os xurros.

“Estamos a traballar conxuntamente coas comunidades de Asturias, Cantabria e Castilla y León porque todas compartimos a necesidade de que no 2018 non sexa obrigatoria a inxección de xurros no solo”, sinalou a conselleira.

En canto ó caso concreto de Galicia, Vázquez destacou os escasos problemas ligados á contaminación das augas por nitratos, “alomenos de xurros de vacún”, e incidiu en que hai factores, como a fragmentación das propiedades, que contribúen a evitar os efectos negativos dos puríns. Desde a Consellería tamén se incide en que as zonas montañosas, con excesiva pendente, e as áreas pedregosas non son propicias para a inxección de xurro, cuestións todas elas que se lle trasladaron ó Ministerio.

“Loitaremos para que haxa excepcionalidades e para ter un tempo de adaptación en caso de que algunha zona teña que adaptarse. De momento, pídovos tranquilidade e cando teñamos todo pechado, transmitirémosvolo”, concluíu a conselleira, que clausurou as xornadas técnicas da Semana Gandeira de Mazaricos xunto co alcalde, Juan José Blanco.

Semana Gandeira de Mazaricos
As xornadas técnicas da Semana Gandeira de Mazaricos, que remata mañá coa poxa de gando, congregaron a máis dun cento de produtores e estanse afianzando como unha referencia no sector pola formación e pautas prácticas que aportan para a mellora do manexo das explotacións.

A Semana Gandeira de Mazaricos está organizada polo Concello en colaboración con Africor Coruña, Gandeiros de Mazaricos e a asociación Eu Son Mazaricos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información