Medio Rural avoga por unha posición neutral entre industrias e gandeiros

A conselleira, Rosa Quintana, defende que a Administración xa cumpriu o seu papel coa aprobación de normativas que tratan de equilibrar a relación entre as partes

Medio Rural avoga por unha posición neutral entre industrias e gandeiros

O sector lácteo encamíñase cara unha folga de entregas.

En tanto as organizacións agrarias estaban a anunciar a folla de ruta cara unha folga de entregas de leite, a conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, interviña onte no Parlamento para analizar a marcha do chamado paquete lácteo, o conxunto de medidas lexislativas que tratan de equilibrar a relación entre gandeiros e industrias. Quintana considera que as medidas implementadas deben ser suficientes e que agora é tempo de que gandeiros e industrias busquen un entendemento. A conselleira defende que a posición da Consellería debe ser neutral entre as dúas partes, polo que non é partidaria de convocar a Mesa do Leite, tal e como lle demandan as organizacións agrarias.

Quintana sostivo no Parlamento que Xunta e Goberno central fan unha defensa efectiva do sector lácteo que se plasma en normativas como a modificación do paquete lácteo. “Non é papel mollado. Son iniciativas que están nos boletíns oficiais”, defendeu.

Unha vez aprobada a modificación do paquete lácteo, a conselleira avoga por unha posición neutral da Consellería entre sector produtor, industria e distribución. Quintana entende que a actual lexislación reforza a capacidade de negociación dos gandeiros e lembra que a industria anunciou que quere recorrer o decreto de modificación do paquete lácteo por entender que sae perxudicada.

Organizacións de produtores
Ao entender da conselleira, a pelota está agora sobre o tellado das organizacións de produtores, que son, di, as que teñen a responsabilidade de negociar coas industrias, xa que advirte que serían inviables negociacións individuais entre milleiros de gandeiros e industrias.

En Galicia operan dúas organizacións de produtores, Ulega e Aprolact, que agrupan a arredor de 3.500 gandeiros, pero que ata agora non foron capaces de negociar coa industria sobre contratos e prezos. Ulega mesmo ten aportado escritos dalgunhas industrias que lle comunicaban que non querían ter ningunha reunión.

Debate estatal
No Congreso, en Madrid, a deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, interpelou onte á ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, sobre a situación do sector lácteo, facendo énfase na caída dos prezos en orixe e no uso do leite como produto reclamo na distribución. Ó entender de Davila, “de nada vale que o Ministerio teña abertas 300 inspeccións á distribución se continúa permitindo que haxa cadeas que comercialicen o leite a perdas”.

A ministra, pola súa banda, fixo un repaso por todas as medidas implementadas polo seu departamento e indicou que estaba a traballar para implantar a figura do intermediario, cuxa función sería a mediación entre organizacións de produtores e industrias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información