Medio Rural asina co Cegacol un convenio para a mellora xenética e a rendibilidade das explotacións lácteas

A conselleira Ángeles Vázquez asinou cos responsables do Cegacol un convenio polo que se concreta e cuantifica o apoio da Xunta ao programa de mellora xenética da cabana produtora de leite. A achega orzamentaria ascende ata un máximo de 2,6 millóns de euros para o período 2016-2019

Medio Rural asina co Cegacol un convenio para a mellora xenética e a rendibilidade das explotacións lácteas

A conselleira na sinatura do convenio cos representantes dos Africor

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración cos responsables do Centro Galego de Control Leiteiro (Cegacol) destinado á realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona, para o período 2016-2019. O orzamento máximo establecido neste acordo é de 2,6 millóns de euros.

A finalidade deste convenio é regular as condicións de cooperación entre a Xunta e o Cegacol para levar a cabo un correcto desenvolvemento das probas que determinen o rendemento do gando leiteiro daquelas explotacións que participen no Control Leiteiro Oficial e mellorar así a calidade xenética do gando vacún frisón de Galicia. Así, o devandito centro comprométese a realizar a toma de mostras e recollida de datos para o control de rendementos.

Eficiencia

O obxectivo do control leiteiro oficial é a valoración xenética dos reprodutores, de cara a determinar cales son mellorantes, polo que a recompilación dos datos e a súa correcta asignación aos animais inscritos no Libro Xenealóxico da Raza requiren unha alta eficiencia nos rexistros, para garantir a fiabilidade da información. Un control leiteiro eficiente é pois unha premisa básica para acadar un programa de mellora propio que implica que os produtores non dependan do material xenético importado.

A maiores, mediante a subscrición deste convenio, facilítaselle tamén ás explotacións unha ferramenta fundamental na súa xestión, posto que permite ao gandeiro tomar decisións técnicas de gran importancia, como son a optimización da alimentación dos animais de acordo coa súa produción ou a eliminación de femias pouco eficientes, obtendo así un maior grado de produtividade. Isto permitiralle acadar unha mellor calidade do leite e, por conseguinte, unha maior solvencia económica e rendibilidade para a explotación.

O Cegacol

O Real Decreto 368/2005, do 8 de abril, polo que se regula o control oficial do rendemento leiteiro para a avaliación xenética nas especies bovina, ovina e cabrúa, ten carácter de normativa básica. Esta norma indica que a organización do control leiteiro debe estruturarse arredor de centros autonómicos de control.

En Galicia, o Decreto 120/2011, do 16 de xuño, polo que se establece a estrutura organizativa responsable do funcionamento do control leiteiro oficial, recolle no artigo 2 que se designan ás asociacións provinciais de control de rendemento leiteiro (Africor) como Centro Galego de Control Leiteiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información