Medidas sinxelas para reducir o estrés por calor en vacún de leite

Resumo do relatorio de Jud Heinrichs, profesor na Universidade de Pensilvania, na xornada organizada por Alltech no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM)

Medidas sinxelas para reducir o estrés por calor en vacún de leite

Co exceso de calor as vacas tenden a baixar a súa inxesta

O estrés por calor é unha das principais causas de descenso da produción en gando vacún leiteiro durante o verán, así como do contido de graxa do leite.

Jud Heinrichs, profesor na Universidade de Pensilvania especializado en vacún de leite, ofreceu durante a xornada organizada por Alltech no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unhas recomendacións prácticas para combater este problema.

Como punto de partida lembrou que “o estrés por calor é unha combinación de temperatura e humidade elevada, que se manifesta normalmente a partir dos 30 graos e dun 70% de humidade, e que as vacas sofren especialmente durante a espera na sala de muxido”.

Sen embargo, en países como Galicia, cunha humidade elevada, de ata o 80% ou máis, as producións de leite xa poden verse penalizadas mesmo a partir dos 25 graos de temperatura.

Os efectos do estrés por calor, maniféstanse, tal e como explicou Jud Heinrichs, en “unha menor inxesta de comida, perda de bicarbonato debido a unha maior salivación das vacas, descenso da actividade ruminal e tamén do PH do rume, o que leva a un descenso da produción de leite e de sólidos lácteos”.

Ademais, no caso das gandarías que contan con robot de muxido o problema do estrés por calor pode agravarse, segundo o profesor da Universidade de Pensilvania, debido a que “baixa a inxesta en pesebre pero non no penso do robot de muxido, co que se produce un desequilibrio do PH ruminal por exceso de concentrado”.

“Nestas situacións a relación de porcentaxe de materia seca de forraxe e de concentrado pode pasar dun 50/50 a un 40/60 por esta situación de estrés por calor, e iso leva a un PH acidótico”, engadiu o experto.

estres_calor_taboa_frank_wiersma

Medidas correctoras do estrés por calor:

Neste sentido, Jud Heinrichs propuxo as seguintes medidas de fácil aplicación en granxa para combater o estrés por calor:

-Garantir a dispoñibilidade de auga fresca, especialmente despois do muxido.

-Vixiar que a vaca non escolla a comida e que esta se manteña o máis fresca posible no pesebre, evitando que lle dea o sol ou que se quente.

-Tratar de concentrar máis a ración desde o punto de vista nutricional. “Unha alternativa é engadir graxa -acedo palmítico, é bastante común-, pero no seu punto xusto para non comprometer a dixestibilidade da fibra”, subliñou. Na fermentación ruminal xérase tamén calor, polo que en situacións de estrés por calor ambiental pódense substituir os carbohidratos por graxa vexetal, co que se manteñen os niveis de enerxía pero redúcese a fermentación ruminal, e por tanto a calor emitida polo organismo do animal.

Tamén se poderían utilizar melazas no canto de graxas para incrementar a inxesta, pero habería que analizar o nivel de azucres na forraxe para manter unha dieta equilibrada.

-Incluír bicarbonato na dieta para compensar a perda por exceso de salivación. A dose recomendable é duns 200 gramos por vaca e día.

-Uso de fermentos vivos para mellorar a actividade dixestiva do animal.

-Debido tamén á perda de saliva, aconséllase incrementar o aporte de potasio e sodio na ración ata 1,8 e 0,4, respectivamente.

-Asegurar os niveis de selenio, sobre todo en forma orgánica.

-Mellorar a ventilación, con posible uso de ventiladores.

-Uso de aspersores de auga, pero asegurando que a auga vai á vaca e non cae na comida, pois provocará a aparición de fungos e fermentos na mesma.

-Reservar as forraxes de mellor calidade para o verán. Desta forma a vaca reduce menos a inxesta e dixire máis facilmente a ración.

“Garantir a dispoñibilidade de auga fresca e unha boa calidade de forraxes sería para min a mellor estratexia para combater o estrés por calor en gando vacún de leite”, concluíu Jud Heinrichs.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información