A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

“Máis importante que o prezo da soia é lograr forraxes de calidade e a prezo competitivo”

Entrevista a José María Viana, especialista en vacún de leite en De Heus, unha das empresas líderes do sector de alimentos compostos en Galicia e en España.

“Máis importante que o prezo da soia é lograr forraxes de calidade e a prezo competitivo”

José María Viana

José María Viana é un rostro coñecido en moitas ganderías de vacún de leite. Como especialista neste sector na multinacional De Heus -antes Saprogal- coñece de primeira man cales son as fortalezas e as debilidades de moitas explotacións.

Con el falamos nesta entrevista das claves para a mellora da alimentación e da rendibilidade en vacún de leite e dos proxectos de innovación nos que está a traballar De Heus.

Levas xa moitos anos traballando no sector da alimentación animal para vacún de leite ¿Cales son os principais cambios que viches nas ganderías e en que aspectos consideras que a evolución foi a mellor?
Dende os meus inicios profesionais na produción animal, en concreto de vacún de leite, a alimentación sempre foi un tema a tratar pola súa importancia a nivel de resultados. Era impensable, xa entón, querer acadar bos resultados reprodutivos ou de sanidade de rabaño sen botarlle una ollada á nutrición, polo cal sempre foi un tema a ter estudado dende a miña formación.

Pero si é certo que no ano 2005, con Saprogal naquel momento, hoxe De Heus, a miña dedicación pasa a ser practicamente en exclusiva cara á nutrición da vaca de leite.

A evolución nas ganderías de vacún de leite é unha constante. A nivel de instalación e manexo, os últimos anos foron sorprendentes. Gustaríame destacar o gran esforzo que os gandeiros levaron a cabo para acadar un produto dunha calidade excepcional como o leite. A nivel de alimentación da vaca de leite, entre moitos aspectos da produción cabe destacar os cambios acadados para a vaca seca, que continuarán nos próximos anos coa alimentación da recría. Estes dous aspectos son fundamentais para acadar unas boas producións vitalicias nas nosas explotacións, sendo a produción vitalicia un tema moi a ter en conta para valorar a viabilidade económica das ganderías leiteiras.

“A produción vitalicia das vacas é clave para a viabilidade económica dunha gandería”

Non cabe dúbida que a produción de leite seguirá avanzando da man das novas tecnoloxías, robots de muxido e salas robotizadas onde De Heus ten moito que aportar, chegando ao que xa se empeza a falar da alimentación de precisión.

Estás a traballar en De Heus, propietaria agora de marcas tan emblemáticas como Biona ou Pasaranda. ¿Que cambios supuxo a vosa integración nesta multinacional holandesa?
Hai que destacar que tanto Biona como Pasaranda son as marcas máis antigas que operan no mercado peninsular, cunha ampla cota de mercado nun sector moi influenciado polo cooperativismo. Que unha empresa como De Heus, sendo un dos grandes operadores na alimentación animal a nivel mundial, quixera apostar por nós significa que temos unha gran bagaxe e que miramos cada vez máis ó futuro e ó progreso do gandeiro.

Tamén cabe subliñar a filosofía de De Heus, xa que sendo unha multinacional non perdeu a súa esencia inicial. Trátase dunha empresa familiar das máis antigas de Europa, sendo a súa única actividade a fabricación de pensos compostos e solucións para o gandeiro. Somos unha empresa que tanto dende a visión holandesa como a ibérica non pensamos no mercado de integración, senón que o noso obxectivo é dar solucións ó gandeiro para facer o seu negocio máis rendible. O noso lema é “impulsando o progreso” da man do gandeiro.

Un dos produtos que sacastes ao mercado coa integración en De Heus, foi o programa de recría de xovencas Kaliber. ¿Que melloras aporta para a recría?
Kaliber® é unha forma de traballar coas novelas, cunha visión común e, ó mesmo tempo, distinta á que ten o sector. Non hai dúbida que as primeiras fases do crecemento dun animal, e máis no caso dunha becerra de leite, son fundamentais, e téñense demostrado como decisivas para as producións futuras.

Kaliber® ven aportar algo máis, unha visión máis aló do destete, sendo esa fase dunha importancia imprescindible, non debemos simplificar as fases sucesivas. A simplificación chega a tal punto que, por exemplo, parte da recría estase a manter con unifeed de vacas de produción, cando tanto economicamente como nutritivamente non é o máis adecuado, e así o confirman tamén as investigacións De Heus.

“Alimentar a recría con unifeed das vacas en produción non é o máis adecuado nin económica nin nutritivamente”

Neste senso, Kaliber® ven aportar novos criterios nutritivos para lograr que os factores epixenéticos iniciados con crecementos acelerados antes do destete se continúen a desenvolver en etapas posteriores con tenreiras con crecementos idóneos e non engraxadas. Kaliber® proporciona uns moi bos resultados dunha forma uniforme e con custes comedidos, todo para lograr xatas sas que acaden unhas moi boas produción vitalicias, con racións feitas a medida das necesidades e condicionantes de cada explotación. Moitas veces a simplificación non é que as tenreiras coman o mesmo que as vacas de produción, senón que cunha ración base para todo o rabaño de recría, con poucas complicacións poidamos suplementar aos restos dos grupos da recría. Adaptándonos ós condicionantes dos rabaños e do gandeiro podemos chegar a deseños moi sinxelos que cubran o 100% os requirimentos dos animais.

Coa túa experiencia, ¿Cales son as principais áreas nas ganderías de vacún de leite nas que hai marxe de mellora, e por tanto de rendibilidade?
Relacionado cos temas que xa subliñei nun inicio, todo o que nos leve a unhas maiores producións vitalicias son temas moi interesantes e de mellora constante para a rendibilidade dunha gandería.

“Fai falla un maior espírito proactivo de previsión e deixar dun lado a xestión forense”

Pero deixando cousas xa evidentes, é certo que as explotacións gandeiras, sobre todo do norte peninsular, deberán seguir a mellorar a súa capacidade de previsión e xestión dos recursos propios. Con isto refírome, a que non cabe dubida que os balances e a xestión económica das explotacións son importantes, e neste momento de circunstancias tan cambiantes, deberiamos ter como obxectivo unha xestión a futuros. E dicir, por exemplo, de pouco nos vale saber como foron as nosas contas o ano pasado, se durante este ano ninguén se preocupou do tamaño do meu rabaño de recría, coa cantidade de femias que naceron. Está sobredimensionado, creándome uns problemas que me prexudican a recría por superpoboación e xa me condenan a empeorar os datos económicos actuais e dos vindeiros por anos. Sen embargo, cunha maior previsión podería ter utilizado séme sexado para as xatas e un cruce industrial de fácil parto que me aportaría cash flow.

Resumindo, fai falla un maior espírito proactivo de previsión e deixar dun lado a xestión forense. Toda empresa moderna, como as nosas ganderías, deben pensar máis nunha xestión prospectiva que permita adiantarse ós acontecementos. Unha maior previsión permite o aproveitamento da terra, con cultivos alternativos, cousa que teremos que levar a cabo queiramos ou non polo cambio climático.

Sendo conscientes de que estamos a alimentar ruminantes, considero que é moito máis importante unha boa previsión para acadar forraxes de calidade a prezo competitivo, que facer un peche da soia. Pois a calidade das forraxes en moitos casos é punto clave de mellora e moito máis definitorio para os resultados tanto técnicos como económicos.

Non esquezamos que a vaca de leite, as xatas, as secas, son ruminantes e a súa alimentación debe ser coma mínimo un 40% de forraxe. Optimicemos a terra para sacar moitas toneladas de materia seca de forraxe e con boa dixestibilidade.

DE_HEUS_BIONA_KALIBER_02Unha pregunta ineludible e que faría calquera gandeiro é se os prezos do penso van subir. ¿Cales son as previsións coas que traballades para o ano 2018?
Sabemos que estamos nun mundo moi cambiante e acertar as expectativas dos prezos resulta complicado xa que inflúen moitos factores, tanto agronómicos, xeopolíticos como económicos. Para proba o que acaba de acontecer, nunha situación de certa estabilidade polas boas colleitas a nivel mundial, tanto de cereais como de oleaxinosas, e cun cambio €/$ que leva tempo a favorecernos, sen embargo sorpréndenos o peche de ano cunha subida das vitaminas por problemas produtivos en China, fundamentalmente, o que nos leva ao encarecemento dos correctores a nivel mundial e por ende nos pensos compostos, se queremos atender ás necesidades establecidas ata o momento.

Polo tanto, a medio prazo teremos que estar atentos ás previsión das colleitas no hemisferio sur, e que non acontezan factores distorsionantes inesperados, para que os prezos se manteñan ou sufran incrementos moderados.

Na formulación dos pensos nos últimos anos foi incrementando a porcentaxe de fariña de colza. ¿Segue estando sobrevalorada a soia en relación á súa conversión en leite ou carne respecto a outras proteaxinosas?
A colza chegou definitivamente para quedarse, sendo nós uns dos primeiros operadores que estivemos a traballar con ela. Pero eu creo que o sector xa ten madurez dabondo para non pensar nunha única materia prima coma fonte proteica. Ao final temos que alimentar ós animais con proteína, xa veña da soia, colza, xirasol ou calquera outra.

“Pódense facer racións máis eficientes técnica e economicamente sen soia”

E xa máis polo miúdo e intentando chegar a una nutrición de precisión, remataremos falando unicamente de perfiles de aminoácido e dixestibilidade. Concretando na pregunta, xa van anos que Ternera Gallega, referente na produción de carne a nivel nacional, introduciu a colza como unha opción. En referencia ás vacas de leite, e aínda co bo prezo da soia durante boa parte do ano, hoxe en moitas explotación -e sempre mirando cada caso en particular :tipo e calidade de forraxes da explotación- pódese traballar cunha fonte proteica que non veña da soia. De feito, hai numerosos estudios e experiencias a nivel de campo que demostran que, en racións equivalentes, cambiando a fonte proteica en base á colza, en detrimento da soia, as eficiencias nitroxenadas melloran, e os resultados económicos tamén. Hai moitos recursos que temos que aproveitar para as nosas producións, a clave é un bo estudio dos mesmos, cun bo proceso de calidade na recepción da materia prima.

A cantidade de gramos de concentrado por litro de leite varía moito segundo os países. ¿Cal sería o nivel recomendado para o modelo de ganderías de Galicia e da Cornixa Cantábrica?
Nós temos establecido que entre 400-480 gr./l. é a ratio que se manexa na gandería en España a nivel de medias por comunidade (produción de pensos/litro producido). Sorprendentemente, non hai tantas diferencias entre comunidades como entre explotacións. Ao fin, o concentrado ou subprodutos utilizados na explotación non son máis que unha forma de regular o consumo de materia seca no pesebre, sinxelamente unha forma de que as vacas inxiran o que necesitan para chegar ó obxectivo marcado. É un dato interesante para calcular cotas de mercado para operadores do sector, pouco máis.

“O importante son os cartos que lle quedan ao gandeiro despois de alimentar cada vaca, e non tanto os quilos de penso”

Pero sinceramente creo que o sector está acadando un nivel de madurez tal que este índice resulta moi pouco aclaratorio. Ao que o gandeiro lle interesa saber é o nivel de conversión de Kg. de inxesta, a eficiencia do nitróxeno, a produción vitalicia, o custe por litro de leite e, en definitiva, os cartos que lle quedan despois de alimentar cada vaca -marxe por vaca-.

Falar de gramos de concentrado por litro de leite, a min non me di nada se cada vez se está a utilizar máis silo de millo, máis grao húmido, máis ensilados de polpa fresca. ¿Onde introducimos esas materias primas? ¿Pódense considerar semiconcentrados?. Ou se estamos a falar de granxas en pastoreo ou ecolóxicas, onde o noso obxectivo non é chegar a inxestas altas e polo tanto producións máis baixas.

Como dixen, este é o típico índice de xestión forense, que sacas despois de balance anual pero co que non podes ir tomando decisións para una xestión proactiva, nin che garante que unha gandería sexa competitiva ou viable. Non me atrevo a dicir o nivel recomendado como calquera dos outros índices que si lle podes dar un valor de referencia.

¿Cal sería o nivel de proteína bruta recomendado para penso en vacún de leite? ¿Habería que puntear segundo o estado da vaca (comezo ou cola de lactacion..etc?
Entendo que con esta pregunta fas referencia ó nivel de proteína das racións finais para vacas de leite…o penso só ven incrementar a inxesta e complementar os niveles de nutrientes, entre e les a proteína, ós que non chegamos cas forraxes presentes na explotación.

Deste xeito, cos concentrados adecuados para cada rabaño e situación, tentamos chegar a uns niveles de P.B., que en ración final poden situarse ao redor do 14%-17% P.B., e que variará dependendo do nivel de inxesta, producións obxectivo, dixestibilidade das forraxes, posibilidade de suplementar vacas e demais.

“Co muxido robotizado estamos a volver ao punteo do penso”

Sobre este último punto, tamén chamado “punteo”, foi unha opción que si estivo a contemplarse ó inicio da utilización de carros mesturadores. Pero nos últimos tempos, onde o manexo dos rabaños mellorou substancialmente, tendeu a desaparecer. Non sendo unha mala opción, pensando nunha alimentación de precisión, empezouse a desbotar por custos e co obxectivo de simplificar o tráballo do gandeiro. Pero non cabe dúbida de que, sen querelo, estamos a volver ó sistema, xa que os actuais sistemas de muxido robotizado non deixan de ser un punteo e cun criterio moi técnico. Este sistema dános un plus máis: información e control sobre a alimentación individualizada da vaca para atender as súas necesidades específicas segundo o estado produtivo.

¿Como se pode mellorar a proteína metabolizable, para evitar que parte da proteína da ración se excrete polo ouriño?
É certo que traballar para evitar que a vaca desbote proteína en forma de urea resulta bastante gratificante en canto a como inflúe nos resultados globais de explotación. Nós entendemos que a forma de camiñar por esta senda é con racións individualizadas por gandería en función das forraxes presentes e necesidades produtivas do rabaño.

En De Heus estamos a traballar co sistema “SYncroFos®” que nos permite ter máis control sobre as velocidades de degradación ruminal, fundamentais para chegar á optimización proteica. O funcionamento ruminal é o primeiro dos imperativos que temos que atender cando alimentamos ruminantes, sempre buscando un obxectivo, pois é distinto alimentar un rume de cebo, que un rume de xata en crecemento, que unha vaca seca. O primeiro obxectivo é chegar a unha optimización ruminal onde o sistema que De Heus considero que ofrece moitas vantaxes.

Neste mesma dirección levamos tempo traballando con aminoácidos esenciais, para o que é importante utilizar, como xa falamos, fontes proteicas variadas. Non é só a inclusión de aminoácidos sintéticos, vai moito máis aló, acabaremos falando de perfiles de aminoácidos dos alimentos e dispoñibilidade dos mesmos, e non tanto de proteína metabolizable.

Novidades de De Heus: pensos integrais, novos buffer ou produtos para as vacas secas

¿En que outros produtos estades a traballar en De Heus para vacún de leite, e tamén para vacún de carne?
Vimos de rematar unhas xornadas de formación nun centro de cebo experimental -Cibuyo- propiedade dun distribuidor -Suroccidente-, en Cangas del Narcea, onde Felipe Zán indicounos as liñas a seguir cos produtos para o cebo. Entre elas destacaría as seguintes:

-Pensos integrais, nos que De Heus propón alimentación completa sen que o cliente teña que aportar ningún tipo de forraxe.

-Pensos balanceados en aminoácidos para razas musculadas, véxase culóns, rubia galega, blonde de Aquitania, etc.

-Desenvolvemento de novos buffer para o control da acidose ruminal que nos está a dar moi bos resultados.

No referente ó vacún de leite, estamos en pleno lanzamento de Kaliber®, ademais de tódalas liñas que xa estiven a indicar. Destacarei tamén cinco puntos entre moitos dos que imos tocar neste 2018, a parte de todo o referido:

-Estreita colaboración con laboratorio de Mouriscade coa fin de perfilar polo miúdo as análises necesarias para valoracións de degradabilidades ruminais.

-Posta en marcha dun programa de valoración de parámetros económicos de viabilidade nas explotacións.

-Lanzamento de Prelacto®, onde seguiremos a afondar nas necesidades das vacas secas.

-Utilización tamén de buffers específicos De Heus para minimizar no posible os efectos dunha acidose subclínica.

– Desenvolvemento dunha ferramenta informática, exclusiva De Heus, para a análise de sistemas de muxido robotizado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *