Máis de 100 gandeiros participan na Xornada Técnica de Africor Pontevedra

Máis de 100 gandeiros participan na Xornada Técnica de Africor Pontevedra

Ana Vila Portomeñe, gandeira e poetisa, recitou algúns dos seus poemas durante a xornada

Algo máis dun cento de gandeiros asistiron este venres pola mañá en Agolada á “IV Xornada Técnica: A mellora no manexo do gando bovino de leite e de carne”, organizada pola Asociación O Parapeto, en colaboración con AFRICOR Pontevedra, a Consellería de Medio Rural e o Concello de Agolada.

Nas xornadas, que se celebraron no auditorio Manuel Costa Casares, abordáronse temas de actualidade para os gandeiros de vacún de leite, como son a recría das xatas, a mellora xenética e o uso de antibióticos.

Así, David Otero Lavandeira, veterinario de vacún de leite de Nanta, explicou as claves para mellorar na recría, e que pasan, entre outros, por un bo encalostrado, unha alimentación intensiva en leite, o destete progresivo e unha socialización dende idades temperás.

Pola súa parte, José Taboada, gandeiro e veterinario asesor de ALLFEED, explicou como é posible traballar sen antibióticos no vacún de leite, a través de medidas como a selección xenética das vacas, a mellora do benestar animal, da alimentación e do emprego de produtos e novas ferramentas tecnolóxicas como as que ofrece a súa empresa.

Por último, José Antonio Jiménez, xefe de departamento técnico de CONAFE destacou a importancia da mellora xenética para aumentar a rendibilidade das explotacións. Neste sentido, e partindo dunha boa recollida de datos en cada granxa, defendeu a necesidade de aplicar programas de mellora xenética, marcándose uns obxectivos para cada explotación. Así, destacou o importante avance que supuxo o incremento do emprego dos touros xenómicos para acelerar o proceso de mellora do ICO da cabana gandeira española. Como exemplo, destacou que neste 2018 arredor do 70% das inseminacións en vacún de leite que se fixeron en España foron con touros xenómicos, e só o 30% restante con touros probados.

Ademais, incidiu na necesidade de que os gandeiros empregan máis o xenotipado das becerras, para así poder optimizar e acelerar a mellora xenética tamén pola vía materna.

Concurso escolar sobre medio rural

Fotos dos premiados no concurso de debuxo de AFRICOR Pontevedra

Fotos dos premiados no concurso de debuxo de AFRICOR Pontevedra

No transcurso da xornada, houbo un pequeno recital poético da gandeira e poetisa de Taboada (Lugo), Ana Vila Portomeñe, e tamén se entregaron os premios do concurso escolar de debuxo Africor 2018, no que participaron 60 nenos e nenas do colexio público de Agolada.

O primeiro premio foi para Sabela Méndez Diéguez, de Ventosa; o segundo foi para Óscar Blanco Enríquez, de Trabancas e o terceiro galardón correspondeu a Jesús Río Vilariño, de Belpellos.

A “IV Xornada Técnica: A mellora no manexo do gando bovino de leite e de carne” foi clausurada por José Carlos Vega Rodríguez, presidente de Fefriga e vicepresidente de Conafe, e polo delegado territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, Antonio Crespo.

Como remate á xornada celebrouse una xantar na parrillada Agolada, con sorteo dunha becerra, de doses seminais e doutros agasallos.

Fotos da xornada: 

AFRICOR_PONTEVEDRA_publico AFRICOR_PONTEVEDRA_debuxo1 AFRICOR_PONTEVEDRA_debuxo2 AFRICOR_PONTEVEDRA_debuxo3 AFRICOR_PONTEVEDRA_conafe2 AFRICOR_PONTEVEDRA_david_nanta AFRICOR_PONTEVEDRA_jose_taboada_allfeed

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información