Loureiro, a última cooperativa leiteira que queda en Ourense

A Cooperativa láctea Santa Mariña de Loureiro, no Irixo, é a única que continúa operativa na provincia, logo de ser das primeiras de Galicia, hai máis de 50 anos. Foron tamén pioneiros en elaborar kéfir, que continúan preparando con leite ecolóxico das ganderías da zona

Loureiro, a última cooperativa leiteira que queda en Ourense

Gloria Bernárdez, técnica responsable do control de calidade no laboratorio da cooperativa de Loureiro, no Irixo.

A Cooperativa de Santa Mariña de Loureiro, no Irixo (Ourense), foi unha das primeiras de Galicia e hoxe, é a única do sector lácteo que segue operativa na provincia. Case 53 anos separan a actualidade daqueles primeiros pasos para fundar a cooperativa, pero súa filosofía non mudou: ofrecer ós veciños da parroquia unha oportunidade de futuro vinculada ó campo.

Antonio González, veciño e párroco de Loureiro, foi o fundador da cooperativa

Esa foi a intención do seu fundador, Antonio González, veciño e párroco de Loureiro e que, ós seus 87 anos, xa xubilado, continúa aínda a asesorar no día a día da cooperativa. “Falarlles de Deus era moi importante pero tamén era preciso axudarlles a vivir mellor”, recorda Antonio os motivos que o levaron a comezar a traballar pola cooperativa.

Trazabilidade e innovación, dende os primeiros tempos

Envasadora-leite-Cooperativo-Loureiro-

Unha das antigas envasadoras de leite continúan funcionando dende a súa adquisición hai case 40 anos.

Naqueles primeiros tempos a cooperativa centrouse na venta de gando e en conseguir que os máis de 50 socios conseguisen prezos axeitados e sen intermediarios. “Daquela saía de Loureiro un camión de becerros cada 15 días”, apunta Antonio.

Ó pouco, xa no 1968, comezaron coa produción de leite. “Empezamos como nunha leiteira pero sen ningunha autorización, porque eramos dos primeiros, non só de Galicia senón de España, e apenas había regulación”, comenta Antonio. Non foi ata o ano 75, cando lograron o título de central leiteira, logo dunha visita ás instalacións de representantes do Ministerio de Agricultura.

Cada gandería contaba cun código propio que se imprimía nas tapas para identificar a orixe do leite

Nestes primeiros anos comezaron envasando o leite en botellas de cristal procedentes de Vigo. Contaban xa cun sistema de peche no que se incluía un código de identificación para cada gandería,co que poder localizar e atallar os problemas que se puideran detectar. “Era xa un sistema de trazabilidade do leite para telo todo baixo control”, explica Gloria Bernárdez, enxeñeira técnica agrícola, responsable do control de calidade da cooperativa.

Pouco despois víronse obrigados a deixar de embotellar en botellas de cristal e pasaron á bolsa de polietileno, no 1970. “Mercabámoslle as botellas á Álvarez de Vigo, que as facía de xeito artesanal pero, cando industrializou a produción, o prezo disparóusenos e xa non puidemos seguir envasando en cristal”, indica Antonio.

O sabor tradicional do leite

Produtos-lacteos-Kefir-leite-Cooperativa-Loureiro-

Gama de produtos envasados nas instalacións da cooperativa.

O leite Loureiro, enteiro e semidesgraxado, é dos poucos que se segue comercializando nestas bolsas de polietileno nun mercado onde predominan os tetrabriks.

“Houbo un momento no que se barallou volver empregar as botellas de vidro pero decidimos seguir coa bolsa porque xa era un envase tradicional e que se identificaba co noso leite”, argumenta Gloria.

Este tipo de bolsas tamén ofrece vantaxes para o seu almacenamento, ó ocupar menos espazo, e que sumou para que seguisen con este envase.

Na cooperativa, o leite sométese a un proceso de pasteurización o que ofrece unha caducidade de entre 5 ou 6 días. “Apostamos por non homoxeneizar o leite, aínda que isto permite incrementar a vida útil, para que o noso leite conserve o seu sabor tradicional”, reivindica Gloria.

Gloria Bernárdez: “Apostamos por non homoxeneizar o leite para que conserve o seu sabor tradicional”

Este mínimo tratamento permite que o leite siga, por exemplo, a xerar nata. “O noso leite é moi apreciado en repostería e mesmo hai clientes que seguen a facer manteiga con el”, explica a técnica. Tamén é frecuente que se detecten variacións no sabor propias dos cambios de alimentación estacionais, que son valoradas tamén polo consumidor.

Kefir-Cooperativa-Loureiro-

O kéfir é un dos produtos con maior demanda da cooperativa que producen con leite ecolóxico das ganderías socias.

O kéfir, o seu produto estrela

Xunto co leite, na cooperativa tamén elaboran iogur natural, requeixo e Kéfir, un produto lácteo semellante ó iogur que se elabora coa acción de bacterias e levedos. Foron pioneiros en preparar o kéfir e hoxe é o seu selo de identidade. “Empezamos con el cando en Galicia aínda non se sabía nin o que era”, recorda Antonio.

Para a elaboración do kéfir empregan o leite das ganderías en ecolóxico de Loureiro

O seu coñecemento e gusto por este preparado lácteo levou a Antonio a investigar e a propoñer comezar a elaboralo na cooperativa. En canto conseguiron as bacterias comezaron a producilo. “Eu fun facendo sempre as miñas probas. Era moi escrupuloso coa hixiene, a pesar de que non tiña coñecementos específicos como os que teñen hoxe para os procedementos de laboratorio. Sempre quixen ir facendo as miñas propias experiencias e logo fómolas levando a cabo na cooperativa”, comenta Antonio.

O kéfir, que comercializan en envases de cristal de 340 e 185 gramos, centra a súa produción. “Empregamos o leite das nosas ganderías en ecolóxico para elaborar o kéfir. Esta produción ecolóxica está tendo un gran respaldo no mercado”, apunta Gloria. Xunto coa produción en ecolóxico, na cooperativa tamén envasan leite da cooperativa lalinense Queixos Hoxe, coa que manteñen unha importante colaboración.

Proceso de envasado do Kéfir nas instalacións da cooperativa Loureiro.

Proceso de envasado do Kéfir nas instalacións da cooperativa Loureiro.

Tamén traballan para incrementar a produción de requeixo, que elaboran ó xeito máis tradicional. “Facémolo co leite como facían as nosas avoas antes na casa, engadindo presorio e algunhas das bacterias que empregamos no kéfir para que tamén teña un efecto probiótico”, detalla Gloria. Ademais, contan cunha produción reducida de queixos, sobre todo Tetilla.

Tanto o leite como os produtos lácteos que elaboran comercialízanos nos supermercados galegos das cadeas Eroski, Gadis e Froiz. Ademais, aínda conservan un reparto tradicional en comercios especializados, pequenas tendas e pastelerías da cidade de Ourense. Así, a cooperativa conta cun plantel de 8 traballadores que se encargan dos distintos procesos.

Ganderías de pastoreo e ecolóxico

As ganderías da cooperativa son de tamaño pequeno ou medio e producen en ecolóxico ou pastoreo. “Temos moito minifundio nesta zona e iso dificulta moito a actividade para estas ganderías”, indica Gloria.

Dende a cooperativa tentan contribuír a reducir as dificultades para as ganderías e a entidade actúa como central de compra para conseguir prezos máis competitivos para os gandeiros nos forraxes e ofrece tamén asesoramento e apoio directo ós socios.

Boa parte das ganderías activas pertencen ás fillas e netas dos primeiros socios da cooperativa e que continuaron coa actividade pese ó importante éxodo que se deu nesta zona non só cara Ourense senón cara a países como Alemaña.

O relevo no campo, o reto para a cooperativa

Para Antonio, este párroco vinculado dun xeito activo ó rural durante toda a súa vida, a súa maior preocupación a día de hoxe é a falta de relevo xeracional que está atravesando o sector primario en Galicia. “Cada vez hai menos xente que quede na aldea e máis que marchan malvivir na cidade. Non ven as oportunidades que aínda hai no campo”, reflexiona.

Ó amparo da cooperativa, o párroco apostou sempre pola formación dos mozos da parroquia como ferramenta para garantir ese futuro. “Moitos conseguiron estudar e ter unha formación aínda que, nalgúns casos, iso tamén os afastou de Loureiro”, reflexiona o párroco.

A cooperativa tamén contou cunha fábrica de pensos e unha granxa

“A aposta de don Antonio e a da cooperativa sempre foi por diversificar e non estancarse”, comenta Gloria, que coñece a traxectoria de primeira man, xa que é unha das descendentes dos primeiros cooperativistas e veciña da parroquia. Ó longo destes anos houbo tamén outros proxectos parellos á cooperativa leiteira como foi unha fábrica de pensos e unha granxa.

O relevo na propia cooperativa foi durante anos tamén un dos temores para a continuidade da entidade. Hoxe, coa incorporación dalgúns dos descendentes daqueles primeiros cooperativistas e co respaldo que os seus produtos, especialmente o kéfir, teñen no mercado, céntranse en favorecer que máis mozos escollan o rural para garantir o futuro na cooperativa e na parroquia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información