Logística Alimentaria aclara que non mantén impagos con gandeiros

Logística Alimentaria aclara que non mantén impagos con gandeiros

Logística Alimentaria opera en la antigua factoria de Pascual, en Castro de Rei (Lugo).

Logística Alimentaria, unha das empresas acusadas onte por Unións Agrarias de impagos no campo, emitiu un comunicado para aclarar a súa situación. Logística recoñece que mantén un proceso xudicial cun grupo de gandeiros por desacordos na aplicación de primas nunha liquidación mensual de leite do ano 2015. Ese desacordo estase sustanciando nun proceso xudicial iniciado en 2016 no xulgado de Lugo, pero á marxe disto, a empresa nega que manteña ningunha falta de pagamento no campo. Fontes do sector coñecedoras do caso confirman esa versión dos feitos.

“Non existe ningún gandeiro que estea a reclamar unha falta de pagamento de Logística, senón a aplicación dunha prima supostamente non contemplada nunha liquidación mensual. Nese sentido, hai que sinalar que existen resolucións xudiciais que avalan o criterio de Logística Alimentaria”, sinala a empresa en nota de prensa.

Logística Alimentaria destaca ademais que desde 2018 non compra leite no campo, centrando a súa actividade na transformación industrial, “para o que realizou un moi importante investimento en Galicia e vén acometendo melloras e ampliacións constantes nas súas instalacións”.

A empresa declárase doída polas acusacións de Unións Agrarias, xa que considera que unha diferenza de criterio cun grupo de gandeiros non é equiparable a outras situacións que se están producindo no campo.

Á marxe do caso de Logística Alimentaria, Unións centrou as súas críticas en especial nos impagos de Lácteos Ortegal e firmas próximas xestionadas por unha mesma persoa, David López, que debe ao redor de 3 millóns de euros no campo. A organización agraria citou tamén os problemas que ten outro primeiro comprador (Ogeid), así como a falta de pagamentos dunha empresa transformadora (Clea).

ACTUALIZACIÓN 10-VI-2019

O proceso xudicial que mantén Logística Alimentaria cun grupo de gandeiros por liquidacións do ano 2015 está suxeito a distintas interpretacións. Un dos gandeiros afectados contactou con ‘Campo Galego’ para explicar a súa versión dos feitos. En abril do 2015, este produtor deixou de entregarlle o leite a Logística, o que motivou unha liquidación do mes de marzo do 2015 no que Logística lle descontou máis de 9.000 euros dos 9.800 que en teoría lle tería que pagar polo contrato vixente daquela.

O afectado entende que ese desconto, que tamén se lle aplicou a outras explotacións na mesma situación, é de todo improcedente. Desde a apertura do proceso xudicial, Logística chegou a acordos con parte dos gandeiros afectados, que aceptaron unha quita das cantidades que lle reclamaban á industria, pero noutros casos as explotacións continúan reclamando a totalidade dos cartos descontados.

Por parte de Logística Alimentaria, consultada sobre esta situación, explican que a liquidación de marzo do 2015 debeuse a unha regulación dos contratos, polo que se lle descontaron ás explotacións que abandonaron a empresa anticipos pagados en meses anteriores, nos que se lles fixeron pagos ós produtores por riba do estipulado no contrato.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información