Lidl prevé que as vendas do seu leite fresco de pastoreo suban até un 30%

Lidl prevé que as vendas do seu leite fresco de pastoreo suban até un 30%

A multinacional alemá Lidl presentou esta semana o seu leite de marca propia Milbona pasteurizada, de pastoreo e con certificado de benestar animal, procedente dunhas 100 gandarías galegas e envasada por Leche Celta en Pontedeume (A Coruña).

A compañía presume así de dar un paso máis cara á sustentabilidade ambiental e social, tal e como lle demandan os seus consumidores, despois de ser tamén a primeira cadea de distribución que deixou de vender ovos de galiñas engaioladas e de eliminar as bolsas de plástico de todas as súas tendas salvo as de hixiene

“Xa somos a primeira cadea de supermercados que ten o 100% do seu leite fresco co certificado de pastoreo e co de benestar animal de Aenor”, asegurou Miguel Paradela, director xeral de compras de Lidl España. Paradela destacou que “ter as vacas como antes alarga a súa vida, duplícaa, ao non soportar a tensión que viven as vacas en intensivo, e ademais apoiamos a continuidade de pequenas gandarías do rural”.

Para iso as gandarías que producen este leite deben estar certificadas por AENOR tanto en benestar animal como en pastoreo. En concreto, os animais deben saír ao pasto 5 horas ao día polo menos durante 150 días ao ano.

O 13% do leite que vende Lidl xa é pasteurizado

Uns selos que levan un custo, “de entre un cinco e un 10% que non se repercutiu no consumidor. Costa igual que antes do dobre de certificado. Nós pagamos ao provedor que llo repercute no prezo ao gandeiro”, precisa o director comercial de Lidl España, que espera que “as vendas deste produto suban entre un 20 e un 30 por cento máis”.

Ao gandeiro isto suponlle un prezo de entre 1,5 e 2 céntimos máis por litro respecto de en convencional, segundo anunciou no seu día Leche Celta, propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal.

Lidl espera incrementar as vendas con esta nova liña de leite fresco. A demanda está a medrar ao redor dun 16%. O leite fresco representa xa o 13 % do total deste produto lácteo que Lidl comercializa, cando a media do mercado español é do 3%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información