Lidl e Eroski séntanse a negociar cos gandeiros para poñer fin ao bloqueo dos seus centros en Galicia

Como xesto cara os consumidores e cara os comercios que están nos supermercados, os gandeiros abren dende hoxe e ata o domingo as entradas aos aparcadoiros dos 5 centros bloqueados na Coruña. Esta madrugada bloquearon a entrada de mercadorías do Carrefour de Alfonso Molina

Lidl e Eroski séntanse a negociar cos gandeiros para poñer fin ao bloqueo dos seus centros en Galicia

Bloqueo ao Lidl de Fonteculler. Autor: Anxo Dono

A presión que dende hai 8 días manteñen os gandeiros sobre a distribución en Galicia parece que empeza a dar algún froito. Dende onte representantes dos gandeiros están en negociacións con Eroski e hoxe empezan con Lidl, dúas das grandes cadeas de distribución que non asinaron o acordo lácteo do pasado 23 de setembro e ás que os produtores acusan de non trasladarlles a suba de prezos do leite que si aplicaron aos consumidores.

Segundo informa Román Santalla, secretario de gandería de UPA, onde máis parecen estar avanzando as negociacións é con Eroski. De feito, onte os gandeiros levantaron o bloqueo cos tractores que mantiñan sobre o Eroski de Lalín para concentralo no Lidl desa localidade.

“Con Eroski estamos avanzando no que é rematar coa banalización do leite por parte da distribución, na necesidade de darlle máis valor e, sobre todo, na orixe, promovendo que o leite que comercialicen proceda de ganderías de Galicia e do resto de España e que se identifique a súa orixe”, asegura Santalla.

Esta tarde os gandeiros iniciarán as negociacións con Lidl

“O punto no que existen máis diferenzas é na repercusión aos gandeiros da suba do prezo do leite no lineal”, recoñece , algo determinante xa que, malia esa suba, o prezo medio do leite en Galicia mantense nos 28 céntimos por litro para os produtores.

Tamén esta tarde os gandeiros iniciarán negociacións con Lidl, unha multinacional alemá da distribución que tampouco asinou o acordo lácteo.

Os gandeiros abren o acceso aos parkings dos supermercados bloqueados na Coruña e cortan o acceso de mercadorías do Carrefour de Alfonso Molina

Mentres tanto, os arredor de 300 gandeiros que dende o pasado xoves participan nos bloqueos a diversos supermercados na Coruña decidiron onte pola tarde en asemblea abrir dende hoxe e ata o domingo os accesos aos parkings dos cinco supermercados que teñen bloqueados.

Son os do Alcampo de Palavea, do Carrefour de Alfonso Molina, do Lidl da Grela, na cidade da Coruña, e os do Lidl e do DIA de Fonteculler, no concello de Culleredo. Os 190 tractores que os bloquean permanecerán aparcados nas inmediacións.

“Trátase dunha medida de boa vontade para agradecer o apoio dos consumidores aos gandeiros e tamén para non prexudicar aos comercios particulares que están dentro destas áreas comerciais”, asegura Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.

Por último, esta madrugada un grupo de gandeiros bloqueou a entrada de mercadorías do Carrefour de Alfonso Molina para presionar á multinacional francesa para que se sente tamén a negociar.

Mentres tanto, en Lugo, a partir das 16:00 horas, os gandeiros de Agromuralla teñen previsto un acto informativo no Lidl da Avenida Infanta Elena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información