Lesións podais en gando vacún, causas e prevención

Resumo da intervención de Francisco Javier Blanco, profesor da facultade de Veterinaria da Universidad Complutense de Madrid, no encontro organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia

Lesións podais en gando vacún, causas e prevención

Francisco Javier Blanco, na súa intervención no Encontro.

O estado das pezuñas condiciona o futuro produtivo dos animais na explotación. Un descoido da podoloxía pode terminar en animais que se deben sacrificar prematuramente, polo que a atención e tratamento rápido de posibles problemas é obrigatorio.

Resumimos a continuación a intervención de Francisco Javier Blanco, profesor da facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, no III Encontro da Mocidade Gandeira, organizado polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia. “Entre as grandes causas de baixa dun animal na granxa figuran os problemas de pezuñas”, destaca Francisco Javier Blanco.

“O 75% das lesións prodúcense nas pezuñas laterais, que son as que aguantan un maior peso”

Prevención
A primeira cuestión a considerar é a función que cumpren as pezuñas, que é a de proporcionarlle estabilidade ao animal. Nese labor son fundamentais as pezuñas externas, que aguantan un maior peso, o que leva a que ata un 75% das lesións se produzan nas pezuñas laterais.

Cando sexa necesario proceder a un arranxo funcional dos cascos, hai que evitar recortar as pezuñas exteriores, xa que se podería desestabilizar ao animal. “En ocasións, o gandeiro ou persoal técnico que efectúa o recorte non está instruído convenientemente e ignora o impacto do que fai”, advirte o profesor de Veterinaria.

“É un erro agardar a unha visita programada para tratar un animal, pois o problema agravarase”

Outra cuestión de importancia é o tempo de reacción. A rapidez en detectar e tratar unha lesión é directamente proporcional ás posibilidades de curación. “Se é só a parte inferior do casco a que está un pouco afectada é moi distinto de se está afectado o corion, tecido vivo que produce a queratina e está unido ó óso. Peor incluso é se a infección xa chegou ao óso. Nese caso, estamos ante unha vaca que haberá que sacrificar”, resume Francisco Javier Blanco.

“En canto o gandeiro detecta un problema, ten que actuar de forma áxil. É un erro esperar a unha visita xa programada do veterinario ou do podólogo porque o problema inicial probablemente se agravará”, valora o profesor da Universidad Complutense.

Asistentes ó encontro do Clube, o pasado sábado en Lugo.

Asistentes ó encontro do Clube, o pasado sábado en Lugo.

Para unha áxil detección de problemas, a observación das vacas é a mellor vía. Aquelas que estean en posturas anómalas, encollidas cando están dereitas, apoiadas no bico dos pés, ou coas patas cara a fóra ou cara a dentro, é probable que teñan lesións nas pezuñas.

Factores
As causas primarias das lesións podais que padecen os animais hai que buscalas en múltiples factores, como a nutrición, as instalacións, a propia xenética da vaca e os seus cambios hormonais ou o manexo do gandeiro. Entre os máis importantes, figuran os seguintes:

Nutrición. A dieta do animal pode xerar un deterioro da calidade do casco coñecido como laminite, que se plasma en pezuñas achatadas, nas que con frecuencia se pecha o oco interdixital ou nas que se forman solas dobres.

“Un excesivo consumo de cereal pode provocar laminite. Neses casos hai que retocar a dieta, conxuntamente co nutrólogo”

Unha alimentación cun escesivo consumo de cereal tende a provocar acidose ruminal, é dicir, unha baixada do Ph no rumen por baixo de 5,5. Se o Ph baixa por baixo desa cifra, prodúcese unha morte de bacterias no rumen, o que produce diseminación de toxinas no sangue. Poden entón chegar a producirse obstrucións nos vasos sanguíneos do corion. Esa alteración na microcirculación do casco desencadea patoloxías secundarias como úlceras de sola ou afeccións na liña branca da pezuña.

Ao redor dun 40% das patoloxías do pé débense a problemas xerados pola alteración na circulación sanguínea da pezuña, segundo estima Francisco Javier Blanco. En ocasións prodúcese unha reiteración dos episodios de laminite que se chama acidose crónica ou laminite subclínica. Neses casos, recoméndase retocar a dieta, conxuntamente co nutrólogo, para reducir o almidón.

Instalacións. As características da estabulación ou se hai pastoreo son factores a ter en conta. Un chan de formigón perforado producirá unha sobreerosión, en tanto que o uso de camas de goma producirá unha falta de desgaste.

En casos de falta de desgaste, as vacas tenderán a presentar pezuñas moi longas, o que leva a maiores impactos sobre o talón e a lesións, pois o bulbo do talón é unha parte do casco que non conta coa dureza nin a protección da sola. Será preciso, por tanto, recortar as pezuñas para estabilizar a pisada do animal.

En vacas que teñen solos brandos, pode haber un crecemento excesivo da pezuña que dea lugar a lesións de talón

Se o animal ten que permanecer moito tempo de pé, por exemplo en espera do muxido, ou se ten que andar moito ou está en contacto con chans húmidos, é habitual que presente tamén enfermidades no corion, a parte que separa a sola dos tecidos vivos.

Problemas ambientais. Un exemplo claro son os parques de novillas caracterizados pola acumulación de barro. Nese ambiente, é frecuente a aparición de dermatitis e infeccións, que ademais se caracterizan por ser contaxiosas. É conveniente manter unha correcta hixiene das pezuñas para evitar problemas.

Estado corporal do animal. Un elemento clave para previr lesións de pezuñas é a almohadilla dixital, que se sitúa entre a pezuña e as estruturas vivas da parte inferior do casco, tales como tendóns e vasos sanguíneos. A almohadilla graxa, como o seu nome indica, ten a misión de amortecer o impacto que sofren as estruturas vivas. Se a almohadilla diminúe o seu contido graxo, é máis probable a aparición de coxeiras.

As vacas delgadas son propensas a sufrir este problema. Convén tamén prestar especial atención a vacas moi produtivas e ao estado dos animais nos primeiros meses tras o parto.

Conclusión
Como conclusión, Francisco Javier Blanco subliñou que sempre ten que existir un especialista que valore de forma periódica a saúde podal das vacas e que proceda ao arranxo funcional das pezuñas nos casos necesarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información