Lactalis sóbelles ás granxas francesas 1,5 céntimos o prezo do leite tras as protestas

A industria gala fará efectiva a suba desde o 1 de setembro e pasará a pagar 27,2 céntimos por litro. As organizacións agrarias consideran insuficiente a suba e proseguen a mobilización

Lactalis sóbelles ás granxas francesas 1,5 céntimos o prezo do leite tras as protestas

Bloqueo esta semana ante a factoría de Lactalis en Laval. / Imaxe: @mayenneonadore.

A mobilización dos gandeiros franceses contra Lactalis deu froitos en poucos días. Tras bloquear o luns a factoría da industria gala en Laval, unha cidade do oeste francés, as organizacións agrarias mantiveron desde a tarde de onte unha reunión de 11 horas coa empresa na que Lactalis lles confirmou ós produtores que subirá o prezo do leite en 1,5 céntimos desde o 1 de setembro. Ese anuncio foi ratificado por Lactalis esta mañá en nota de prensa.

As organizacións agrarias, sen embargo, consideran insuficiente esa suba e proseguen as protestas. Os produtores iniciaron as mobilizacións contra Lactalis porque entendían que estaba a pagar prezos entre 1 e 2 céntimos inferiores ós da maioría de empresas do sector. En Francia, Lactalis tiña asinados contratos a arredor de 25,5 céntimos. Coa suba de 1,5 céntimos, as granxas pasarán a cobrar 27,2 céntimos desde o 1 de setembro.

A proposta da industria é aínda insuficiente para os produtores, que piden un prezo estable de 28,3 céntimos para os próximos 5 meses. Os gandeiros teñen previsto continuar co bloqueo da factoría de Laval.

Protesta de gandeiros galegos ó paso da Vuelta Ciclista pola crise do sector. / Imaxe: Leite Lugo.

Protesta de gandeiros galegos ó paso da Vuelta Ciclista pola crise do sector. / Imaxe: Leite Lugo.

Situación de Lactalis en Galicia
En Galicia, a actuación de Lactalis tamén está a xerar un forte malestar entre os produtores, pois a industria gala volveu reducir os prezos do leite este mes de agosto e xa está a pagar menos de 26 céntimos de media, segundo os cálculos das organizacións agrarias.

O sector demanda unha innmediata suba dos prezos e tamén pide que Lactalis retire un contrato que os gandeiros entenden abusivo, pois aseguran que levará a novas baixadas no prezo do leite nos próximos meses, xusto nun periodo no que os prezos dos produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga) están remontando, o que en teoría debe levar en breve a subas do prezo do leite no campo.

As baixadas no prezo do leite aplicadas por Lactalis contrastan cos números da compañía que se coñeceron estes días. Lactalis Ibérica triplicou no último ano os seus beneficios, segundo advirten as organizacións agrarias. Unións Agrarias vén de confirmar en nota de prensa que iniciará en breve un boicot contra as marcas que comercializa Lactalis (Puleva, Lauki, President, etc.), informando ós consumidores de toda España das prácticas da industria gala.

O ministro de Agricultura francés pide responsabilidade por parte da Lactalis: “Non pode pagar o prezo máis baixo do mercado”

ACTUALIZACIÓN (13.10 horas – 26/8)
O ministro de Agricultura francés, Stéphane Foll, reaccionou este venres tras o fracaso das negociacións entre Lactalis e os gandeiros e pediu nun comunicado que se retomen as negociacións, segundo informan medios galos: “Tras o fracaso da mediación nas negociacións, pedimos que todas as partes demostren un espíritu de responsabilidade. O prezo pagado por Lactalis ós produtores non pode seguir sendo o máis baixo do mercado”, declarou o ministro galo, que tamén se amosou consciente do aumento de 1,5 céntimos comprometido pola industria.

Doutro lado, o ministro presentará este martes o plan francés para a regulación da produción, que é promovido pola Comisión Europea a nivel de toda a UE. Tamén se esperan anuncios nese sentido en España.

ACTUALIZACIÓN (30/8)
A presión sindical obriga a Lactalis a subir o prezo do leite ata os 30 céntimos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información