Leite a prezos de derribo

A extensión das vendas a baixos prezos na cadea de valor indigna ó sector gandeiro. Detéctase unha presunta oferta de leite Frixia ós supermercados a 38-43 céntimos. Os cash ofrecen o litro a 46-48 céntimos

Leite a prezos de derribo

Ofertas dos cash de Eroski (esquerda) e Gadis (dereita).

A cadea de valor do leite móvese nun aparente descontrol que deixa en papel mollado o protocolo contra a banalización do leite comprometido por industrias e cadeas de distribución. Estes días está a circular entre o sector lácteo unha presunta oferta ós supermercados de leite da marca Frixia (Tegestacín, Logística Alimentaria) a 38 céntimos o litro de desnatado e a 43 o de enteiro, prezos correspondentes a “un camión completo posto no centro da península”.

A oferta foille realizada a maioristas de supermercados por un axente intermediario. Consultado por Campo Galego sobre esta oferta concreta, o axente recoñece que é certa, se ben aclara que os prezos indicados corresponden a unha “carta comercial” e que deben matizarse. “Isto é como cando na televisión anuncian un automóbil desde 6.000 euros e despois vas ó concesionario e descubres que en realidade, co financiamento e outras cuestións, tes que pagar moito máis”, xustifica.

Tegestacín nega que teña autorizada a oferta de Frixia a 38-43 céntimos e sostén que non vende a menos de 50

O axente que realizou a oferta, que se declara un “broker do leite”, asegura ademais que todos os prezos de mercado se moven na liña da súa proposta comercial. “En Sevilla teño ofertado leite a 47-48 céntimos, custo de transporte incluído, que desde Galicia representa 6 céntimos, e contestáronme que o conseguen máis barato. Esta é a situación”, conclúe.

Versión de Frixia
A marca que protagonizou esta oferta á baixa, leche Frixia (Tegestacín, Outeiro de Rei), nega a maior. “É certo que no pasado outono chegamos a un acordo con este axente para que intermediase na venda do leite Frixia, pero nunca chegou a pechar ningunha operación e hai mes e medio que nos desvinculamos. A oferta de leite a 38-43 céntimos nunca foi autorizada por nós” -asegura Antonio Jurado, administrador de Tegestacín.- “A nosa empresa nunca ofreceu leite por baixo de 50 céntimos. Por iso non entramos nos supermercados, porque a competencia está vendendo a menos de 45 céntimos. O noso traballo céntrase en facer maquilas”, subliña.

A filtración da oferta de Frixia circulou nos últimos días entre a maior parte do sector lácteo, unha situación que indigna a Antonio Jurado. “Cheguei a pensar se esta filtración non estará impulsada por empresas da competencia para xustificar as súas ofertas á baixa. En calquera caso, non é unha oferta certa e tomarei as accións legais que correspondan”, anuncia Jurado.

Postura do sector gandeiro
Desde as organizacións agrarias, Unións sacou un comunicado anunciando que porá o caso de Frixia en coñecemento das consellerías do Medio Rural e de Economía, así como do Consello Galego da Competencia, xa que considera que este modelo de actuación comercial é “completamente tóxico para a supervivencia do sector lácteo”.

Unións lembra que a carta comercial de Frixia chega a ofrecer leite desnatado en “operacións especiais” a 36 céntimos, dado o valor no que se mantén a graxa láctea, uns prezos que a organización agraria considera fóra de lugar. Cómpre lembrar que o leite se está a pagar no campo na actualidade a 31,7 céntimos en Galicia, unha media que se eleva a 32,9 céntimos no conxunto de España.

Estudo da cadea de valor do leite
Cos actuais prezos do leite no campo a 31 céntimos, o estudo da cadea de valor elaborado pola Interprofesional Láctea concluía que se as industrias vendesen o leite a 51 céntimos estarían perdendo cartos. A realidade, segundo asegura o conxunto do sector, é que as ofertas das industrias a menos de 45 céntimos son o pan de cada día.

Ofertas nos cash das cadeas de distribución

O sector detectou este ano nos cash de Gadis e de Eroski ofertas a 46-48 céntimos (leite Campo Nuestro e La Vaquera). Os cash, orientados á venda a hosteleiros e pequenas tendas, ofrecen prezos menores que os supermercados, se ben desde o sector advirten que eses prezos teñen que corresponderse con ofertas das industrias a menos de 45 céntimos, unha práctica que presiona á baixa os prezos do leite no campo.

Consultado sobre a oferta de leite La Vaquera a 46-48 céntimos, que en teoría está vixente desde onte 5 de marzo, Eroski atribuíuna a un “erro tipográfico” e anuncia que procederá de inmediato a súa retirada. A oferta do cash de Vegalsa Eroski veu precedida doutras ofertas idénticas en xaneiro e febreiro do cash de Gadis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información