Leite Noso lanza ‘Muuu’ para toda España

A sociedade gandeira que comercializa 'Deleite' en Galicia amplía as súas rutas de recollida para a saída ó mercado da nova marca. Comercializarase inicialmente en Carrefour

Leite Noso lanza ‘Muuu’ para toda España

Envasado de Muuu na factoría de Tegestacín, en Outeiro de Rei (Lugo).

Leite Noso, a sociedade de gandeiros galegos que envasa Deleite, lanza hoxe a marca ‘Muuu’ para toda España. O novo leite comercializarase inicialmente nos establecementos Carrefour, cadea coa que Leite Noso chegou a un acordo estratéxico para o lanzamento do produto.

Fai agora 11 meses que os produtores de Leite Noso lograron a volta da marca Deleite ós lineais dos supermercados galegos. Tratábase dunha iniciativa pioneira, pois era a primeira vez que os produtores se unían para comercializar de xeito directo a súa produción, sen intermediación algunha.

A aposta de Leite Noso pasa por convertir ‘Muuu’ nunha referencia no mercado español como marca galega de calidade

O éxito da súa aposta consolídase agora coa saída de ‘Muuu’ para o mercado español. Leite Noso acadou para este reto un acordo estratéxico coa cadea de distribución Carrefour, que pretendía comercializar unha marca de leite de calidade producida por gandeiros galegos e que levase a certificación “Galega 100%.

Prezos xustos no campo
Leite Noso asinou na súa saída, hai un ano, contratos de duración anual cunha trintena de granxas da Coruña e de Lugo, cun prezo fixo e con garantía de recollida do 100 % da produción das explotacións.

O prezo do leite percibido polas granxas proveedoras de Leite Noso sitúase desde un inicio no treito alto dos prezos que hai no campo. Leite Noso posicionouse como unha sociedade que paga prezos razonables e que lle garante estabilidade ás granxas, xa que asina contratos anuais, algo que era pouco habitual en Galicia.

A sociedade compromete ademais a recollida do 100% da produción das granxas, sen aplicar fórmulas de desconto para parte das entregas en función dos prezos dos produtos lácteos industriais, como era e segue a ser habitual en boa parte das industrias do sector.

Ampliación de rutas de recollida
Leite Noso renova este mes a totalidade dos contratos suscritos no seu día e amplía rutas de recollida, integrando nas mesmas, entre outras, ás cooperativas de Castro de Rei e da Capela.

As cooperativas de Castro de Rei e da Capela xa comezaron a entregarlle produción a Leite Noso para a nova marca

O seu pilar de traballo continúa a enfocarse en garantir prezos xustos no campo e en ofrecerlle ós consumidores un leite de calidade. O compromiso coa calidade plásmase nunha certificación interna de todas as súas granxas proveedoras, ás que se lles esixe o coidado de aspectos como o benestar animal, instalacións axeitadas ou un bo manexo dos animais.

Contexto
Muuu, a marca que hoxe sae ao mercado en formato dun litro e nas variedades enteira, semidesnatada e desnatada, fora adquirida por Leite Noso no marco da subasta pública das marcas da antiga Alimentos Lácteos.

As marcas Deleite e Muuu, que se sacaron a poxa xudicial a finais do 2015, fóronlle adxudicadas a Leite Noso, unha sociedade creada por unha trintena de gandeiros galegos que se xuntaron para asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación algunha.

O seu primeiro paso foi lanzar a marca ‘Deleite’ para Galicia, en maio do 2016. Desde aquela data, Deleite comezou a comercializarse en boa parte das principais cadeas de distribución: Vegalsa-Eroski, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés, Grupo Cuevas (Aquí, Plenus, Spar) e Le Clerc, así como en tendas tradicionais e de proximidade.

En decembro do 2016, Deleite lanzou as súas variedades sen lactosa e agora consolida a súa aposta coa saída ó mercado de Muuu para toda España. Muuu foi no seu día unha das marcas máis recoñecidas polo consumidor pola súa relación calidade / prezo, converténdose nunha das marcas galegas máis vendidas. Recuperar ese mercado é o reto que desde hoxe inicia Leite Noso.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información