Leite ecolóxico: ¿Que o diferencia do leite convencional?

Resumo da ponencia de Jaime Magdalena, investigador da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago na recente xornada de Campoastur -Ecofeed sobre produción de leite en ecolóxico.

Leite ecolóxico: ¿Que o diferencia do leite convencional?

O leite ecolóxico diferénciase do convencional polo prezo: unha media de 50 céntimos por litro que se lle paga gandeiro por litro en produción bio fronte aos 0,30 euros de media que percibe un gandeiro en convencional. Pero ¿que calidades nutritivas e de carácter físicoquimico diferencian os dous leites?

Jaime Magdalena, investigador da Aula de Produtos Lácteos da Universidade de Santiago explicou cales son as cualidades diferenciadas do leite bio na recente xornada de Campoastur -Ecofeed sobre produción de leite en ecolóxico que se celebrou en Santiago de Compostela.

En primeiro lugar, o leite ecolóxico sole presentar un menor porcentaxe de proteína e de graxa que o leite alimentando en base a ensilados e concentrado. Así se pon de manifesto nos resultados dun proxecto colaborativo do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e do Ligal no que se compararon as calidades do leite de vacas alimentadas con 5 tipos de racións distintas: pastoreo ecolóxico (PE), pastoreo convencional (PC), ensilado de herba (EH), ensilado de herba e de millo (EH-EM) e ensilado de millo (EM):

Fonte: Ciam

Fonte: Ciam-LIGAL

Ademais, o punto crioscópico do leite ecolóxico é menor que o do leite convencional: -0,521 fronte a -0,528. “O punto crioscópico está condicionado polo sólidos totais, tendo moita importancia a lactosa, é dicir polos azucres do leite, e as sales minerais, relacionado todo isto coa alimentación do gando. Estamos a falar dun leite de propiedades diferentes e iso débese ter en conta á hora de esixir un punto crioscópico determinado”, explica Jaime Magdalena.

Pero ademais, o leite ecolóxico experimenta maiores variacións nos compoñentes do leite (graxa, proteína, lactosa e Extracto Seco Medio) debido a que nestas ganderías a alimentación das vacas é sobre todo en base a pasto, e polo tanto varían as calidades segundo a dinámica das pradeiras.

Así, por exemplo, a porcentaxe de graxa pode variar entre o 3,3 da primavera e o 3,45 do verán ou do outono, cando hai menor dispoñibilidade de pasto.

Fonte: Ciam

Fonte: Ciam-LIGAL

Ácidos graxos máis saudábeis no leite ecolóxico

A contrapartida é que o leite de vacas alimentadas en base a pastoreo e a forraxe en verde aumenta os niveis de ácidos graxos insaturados, os considerados saudábeis, como o Omega 3 e os Ácidos Graxos Conxugados de Linoleico (CLA).

“O 90% dos isómeros de Cla constitúeo o ácido ruménico, ao que se lle atribúen propiedades beneficiosas por ser anticanceríxeno, antidiabético ou antiadipoxénico, ao tempo que potencia o sistema inmune e estimula a mineralización dos osos”, destaca Jaime Magdalena.

Así, segundo un estudio realizado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e o Ligal no que se correlacionaba a dieta das vacas coa composición do leite, detectouse que o leite de vacas alimentadas en ecolóxico en base a pastoreo tiña 0,65 de ácido Omega 3 e 1,2 de CLA, mentres que o leite de vacas alimentadas en convencional -estabuladas e alimentadas con silo de millo e silo de herba- baixaba a 0,5 e 0,7, respectivamente.

Fonte: Ciam

Fonte: Ciam-LIGAL

“O leite ecolóxico é un leite con propiedades diferentes ás do leite convencional, e os gandeiros deben coñecelas e sabelas poñer en valor”, conclúe Jaime Magdalena.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información