Larsa adiántase e lanza ao mercado o seu leite de pastoreo

A industria láctea galega xa ten certificadas 300 ganderías en pastoreo. O seu obxectivo é vendelo tamén no resto de España e empregalo tamén en queixos e iogures.

Larsa adiántase e lanza ao mercado o seu leite de pastoreo

O acto de presentación do Leite Larsa de Pastoreo tamén contou coa presenza da conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; do delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, ou do alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo.

Larsa presentou este xoves en Outeiro de Rei o seu Leite de Pastoreo, que ao longo dos próximos días chegará aos lineais da distribución en toda Galicia, e co obxectivo de levalo ao resto de España en 2018.

A compañía galega, propiedade da cooperativa asturiana Capsa, convértese así na primeira industria láctea en certificar e sacar ao mercado en España o seu leite de pastoreo, adiantándose a Leite Celta, e seguindo unha tendencia, a dos leites diferenciados en base a alimentación con pasto, que gaña clientes no mercado.

Requisitos para os gandeiros

As esixencias aos gandeiros son que as vacas pasten en liberdade un mínimo de 6 horas ao día durante 120 días ao ano, ou o que é o mesmo, 720 horas durante catro meses, así como que a carga gandeira sexa dun máximo de 2,5 vacas por por hectárea. A certificación correrá a cargo de SGS, entidade líder mundial en inspección, verificación e certificación.

“Son requisitos que cumpren de sobra a maioría das ganderías que se sumaron a este proxecto. Estas granxas xa estaban a sacar as vacas a pacer, como se fixo tradicionalmente en Galicia, e agora só había que documentalo”, destacou Florencio Rodríguez, responsable de Recursos Leiteiros de Capsa.

“Trátase de granxas familiares pequenas e medianas, con entre 15 e 100 vacas, que traballan dunha forma moi sustentable e respectuosa co medio ambiente e queremos diferenciar e poñer en valor o seu leite, e que iso tamén lles beneficie economicamente”, engadiu.

En total, Larsa certificou para leite de pastoreo a unhas 300 ganderías en Galicia, concentradas principalmente na comarca do Deza e nos concellos de Vilalba, Xermade e Guitiriz, na provincia de Lugo.

Aínda que os responsables de Larsa non quixeron concretar o prezo que finalmente percibirá o gandeiro, o director xeral de Larsa, José Armando Tellado, si que subliñou que “aos gandeiros imos pagarlles unha prima sobre o prezo que paga Larsa, que xa é o máis alto do mercado”.

Para ter unha referencia, en países como Portugal o leite de pastoreo véndese ao consumidor uns 7 céntimos máis caro que a convencional e o gandeiro percibe uns 3 céntimos máis por litro.

“Se o consumidor reacciona positivamente, estenderemos o leite de pastoreo a todos os produtos de Larsa”

“Se o consumidor reacciona positivamente, o noso obxectivo é que en 2018 ampliemos a venda deste leite ao resto de España e que a medio prazo todo o leite que vendamos e que empreguemos nos nosos queixos e iogures sexa de pasto”, subliñou Tellado.

Para poñer en marcha esta nova liña de Leite de Pastoreo Larsa investiu na súa planta de Outeiro de Rei 200.000 euros. Este novo produto comercializarase como enteiro, semidesnatado e desnatado, e tamén como leite sen lactosa, nas modalidades semi e desnatado.

Ademais do certificado de pastoreo de SGS, este leite tamén contará cos selos de Galega 100% e de Galicia Calidade.

“Ofrecemos un leite máis saboroso, máis nutritivo e saudable”

Tanto José Armando Tellado como Florencio Rodríguez coincidiron en destacar que o principal valor diferencial para o consumidor é que o leite de pastoreo é máis saboroso, saudable e nutritivo. Unhas propiedades diferenciadas que serán trasladas ao público a través dunha campaña de comunicación.

As súas afirmacións veñen avaladas polos estudos realizados no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), nos que se comparou o perfil de ácidos graxos do leite e a súa relación coa dieta das vacas.

A conclusión foi clara: canto máis pasto e máis herba verde na ración valores máis elevados de ácido graxo omega-3, CLA e vaccénico, todas elas graxas saudables, e menor cociente omega-6/3.

Un estudo do Ciam certifica que o pastoreo incrementa os ácidos graxos beneficiosos do leite

Agora a pelota está no tellado do consumidor, que dispoñerá dun leite máis saudable e sustentable medioambientalmente, a un prezo algo maior pero que non chega ao do leite ecolóxico. E para o gandeiro as vantaxes son unha maior retribución, que aínda que non alcanza os 0,50 céntimos do leite ecolóxico, tampouco comporta as esixencias burocráticas e de custo do penso da produción bio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información