Lácteos Ortegal, Ogeid, Clea e Logística enfróntanse a reclamacións por impagos

Unións Agrarias demanda medidas da Xunta para poñer coto ás débedas de primeiros compradores no agro. O principal problema sitúase en Lácteos Ortegal, que adebeda 3 millóns de euros, segundo a organización agraria

Lácteos Ortegal, Ogeid, Clea e Logística enfróntanse a reclamacións por impagos

Instalacións de Clea en Rábade.

Os impagos periódicos que deixan no agro parte dos primeiros compradores de leite están a poñer contra as cordas a gandeiros e cooperativas. Unións Agrarias compareceu hoxe en rolda de prensa para dar conta de reclamacións xudiciais e xestións contra catro empresas concretas: Logística Alimentaria, Clea, Ogeid e Lácteos Ortegal.

O secretario xeral de Unións, Roberto García, sitúa como principal problema o caso de Lácteos Ortegal e de firmas paralelas, como Suministros Lácteos 2013, que teñen o mesmo xestor, David López. “Acumulan débedas por importe duns 3 millóns de euros con gandeiros e cooperativas”, advirte Roberto García, que precisa que as reclamacións xudicias por vía civil contra estas firmas están paralizadas: “Hai unha demanda penal de Lácteos Ortegal contra unha das industrias ás que abastecía -Euroserum-, o que impide que, en tanto non se resolva ese proceso, se lle poidan reclamar cantidades a Lácteos Ortegal”.

Outro primeiro comprador con problemas é Ogeid, do que Unións ten constancia que lle adebeda uns 280.000 euros a gandeiros. “Fixemos xestións cunha das industrias ás que lle suministraba Ogeid e temos comprometido o pago duns 160.000 euros”, anunciou Roberto García, que considera que o groso dos problemas de impagos deste primeiro comprador poden ter solución. En próximos días, a organización agraria negociará tamén cunha queixería que se abastecía de Ogeid, de cara a que afronte parte dos impagos do primeiro comprador.

Estes casos de débedas de primeiros compradores demostran, segundo Unións, a ausencia dun control suficiente sobre os intermediarios do leite. “Son precisas medidas da Administración. Non se entende que o xestor de Lácteos Ortegal acumule débedas cos gandeiros por importe duns tres millóns de euros e que se lle sigan concedendo licencias para operar como primeiro comprador”, cuestiona Roberto García.

Unións demanda ademais un cambio da normativa, de xeito que as industrias que lle compran o leite a primeiros compradores intermediarios sexan a súa vez responsables subsidiarias en caso de impagos a gandeiros.

Industrias
As reclamacións por débedas afectan tamén a dúas industrias lácteas que traballan maiormente na prestación de servizos a distintas marcas do sector. Son os casos de Logística Alimentaria e de Clea. Con Logística, García anunciou que comezou onte en Lugo un proceso xudicial polo que 11 gandeiros lle reclaman 112.000 euros de impagos correspondentes ó ano 2015.

En canto a Clea (Rábade, Lugo), que xa sufriu este ano unha concentración de gandeiros afectados por impagos, Unións está xestionando unha reclamación de cinco produtores ós que a industria lles adebeda presuntamente uns 30.000 euros. García demanda tamén que se paralicen as axudas públicas a estas industrias cando teñan débedas no agro. “Non é entendible que a Xunta lle dea 800.000 euros a Clea con esta situación de impagos”, cuestiona o secretario xeral de Unións.

ACTUALIZACIÓN (7-VI-2019)
Logística Alimentaria aclara que non mantén impagos con gandeiros.

Una idea sobre “Lácteos Ortegal, Ogeid, Clea e Logística enfróntanse a reclamacións por impagos

  1. Un

    Lei 12/2013 de medidas para a mellora do funcionamento da cadea alimentaria:

    Asimismo, se considera infracción grave el incumplimiento de los plazos de pago en las operaciones comerciales de productos alimentarios o alimenticios, conforme a lo establecido en la Ley 15/2010, de 5 de julio, de modificación de la Ley 3/2004, de 29 de diciembre, por la que se establecen medidas de lucha contra la morosidad en las operaciones comerciales.
    Se consideran infracciones muy graves la reincidencia por la comisión de dos o más infracciones graves en el plazo de dos años contados desde la sanción por resolución firme en vía administrativa de la primera de ellas.

    a) Infracciones leves, hasta 3.000 euros.

    b) Infracciones graves, entre 3.001 euros y 100.000 euros.

    c) Infracciones muy graves, entre 100.001 y 1.000.000 euros.

    Está ben claro.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información