Lácteos Lorán, queixos modelo Zara

A loxística, a distribución e o feedback en tempo real co consumidor son a chave do éxito desta empresa de Abadín que conta con 23 referencias propias no mercado e que non para de innovar. Falamos co seu propietario, Rubén López Rancaño, dos seus proxectos de futuro.

Lácteos Lorán, queixos modelo Zara

Rubén López Rancaño, xerente de Lácteos Lorán

Cando José López e María Rancaño se lanzaron aló polo ano 1976 a poñer en marcha unha pequena queixaría en Gontán, no concello lugués de Abadín, non sabían que serían precursores dunha das receitas de éxito empresarial que máis se estuda nas universidades de todo o mundo: o fenómeno Inditex.

E é que igual que Amancio Ortega e Rosalía Mera aplicaron ao sector da confección, o matrimonio fundador de Lácteos Lorán apostaron desde o primeiro momento por controlar directamente o proceso de distribución e venda para deste xeito poder adaptarse máis rápido aos gustos do consumidor.

“Fomos os primeiros a nivel de todo Galicia que distribuímos os queixos en autovenda, que era algo que daquela non se facía, evitando os intermediarios e distribuidores e levando directamente o produto da fábrica á tenda en furgoneta refrixerada. Ese sistema, que era un método novidoso nese momento, permitíanos ter un dominio absoluto do punto de venda e dábanos información directa dos gustos do consumidor en canto a textura, punto de sal ou outras características dos queixos, un feedback en tempo real que nos foi moi útil para acertar na toma de decisións”, explica Rubén López Rancaño, fillo dos fundadores e continuador do método.

Lácteos Loran procesa diariamente uns 45.000 litros de leite

Os 500 litros diarios de leite que comezou procesando Lorán nada teñen que ver cos 45.000 que procesa hoxe en día, pero o sistema de distribución empregado non variou moito con respecto ao orixinario. A empresa de Abadín segue facendo venda directa en todo o territorio galego, en Asturias e en León grazas a unha flota propia formada por 13 furgóns frigoríficos que atenden os máis de 4.000 puntos de venda que ten a marca e que visitan unha ou dúas veces á semana. Aínda que ten un equipo importante, a Rubén gústalle seguir indo el persoalmente a visitar aos clientes. “Mimámolos moito e prestámoslle a mesma atención ao pequeno que ao grande, porque moitos pequenos fannos grandes”, responde.

Malia que os queixos Lorán están xa na maioría de supermercados galegos e grandes superficies e ten presenza en todo o Estado a través do Corte Inglés, para Rubén segue sendo fundamental manter o feedback coas tendas ao día, “porque iso permítenos adaptarnos aos gustos e demandas dos consumidores”, explica. E grazas a esa atención personalizada, o 65% das súas vendas seguen provindo das pequenas tendas tradicionais e o 35% restante de supermercados e grandes superficies.

Iso tamén lle permite a Lorán crear marca a base de confianza do consumidor no produto. “O mercado dos queixos está moi saturado, hai máis competencia que nunca e se fose por prezo nós non venderiamos, porque temos diferenzas de 3 e 4 euros por quilo con respecto aos nosos competidores. Por iso primamos a calidade, usando os mellores ingredientes, tanto no leite como nos callos ou fermentos, e non correndo ningún risco, traballando sempre con leite pasteurizado e destruíndo unha cisterna se chega en mal estado á planta”, explica Rubén.

“O mercado dos queixos está moi saturado, e temos que diferenciarnos por calidade”

En materia de seguridade alimentaria axudoulles moito a posta en marcha das novas instalacións da queixaría no ano 1995. A nova fábrica supuxo unha mellora das condicións bactereolóxicas e permitiulle a Lorán contar con laboratorio propio. “Dános moita seguridade á hora de saír ao mercado, xa que todos os lotes de todos os produtos son analizados antes de saír a venda”, explica Rosa María Prieto González, responsable tamén do centro de investigación de desenvolvemento de produtos da empresa. Desta unidade saíron boa parte das 23 referencias de produtos diferentes coas que conta na actualidade Lorán, que fabrica desde queixo máis cremoso a queixo curado, queixo de barra, de tetilla ou queixo de mestura de vaca e ovella.

Liña de novos produtos pensando na saúde e comezar a vender en toda España

Da unión da simbiose co mercado e o laboratorio saíu a nova aposta de Lorán, unha liña de novos produtos centrados na saúde, con queixos baixos en sal ou en graxa, que están a ser demandados neste momento polos consumidores.

Xunto a esa, a outra gran aposta de Lorán a curto prazo é ampliar mercado para toda España. Con ese obxectivo a empresa de Abadín acudiu este ano por primeira vez á Feira Gourmet de Madrid co obxectivo principal de facer contactos para a distribución no resto do Estado.

Rubén é de espírito inquedo e inconformista e esas mesmas características trasládaas á súa empresa. “Hai anos a diferenza entre uns e outros era moi grande, pero hoxe non hai produto malo e non te podes durmir”, asegura. A creatividade forma parte da marca desde que seu pai, José López, inventara aquel lema de “Con pan e sen pan, coma queixos Lorán”, que aínda hoxe segue vixente e pasean orgullosos todos os furgóns de distribución que saen da planta de Gontán. “Aquel lema fora un éxito rotundo no seu momento e seguímolo mantendo”, explica o fillo do creador.

Ademais de na venda directa, Lorán foi innovador en moitos aspectos desde a súa creación hai xa máis de 40 anos. Por exemplo, foi o primeiro en sacar ao mercado queixo cremoso presentado en cazola de barro, copiado despois por outras marcas. Hoxe seguen chegando a Abadín trailers e trailers de cazolas de barro, xa que Lorán emprega unhas 10.000 ao mes para o seu queixo Brezo.
“Lamentablemente non se fan en Galicia, porque ningún artesán oleiro nos garante ese volume de produción”, afirma Rubén.

Outra das súas variedades, “O Camiño do Gozo”, preséntase nun recipiente de madeira, e nomes como o Santa Cruz ou La Muralla levan gravados símbolos como a cruz de Santiago ou a Muralla de Lugo.

Malia ser unha fábrica xa importante, Lorán mesmo se para a facer queixos personalizados e pouco menos que artísticos como a reprodución dun hórreo en queixo, de máis de 100 quilos de peso, que hai uns anos fixo expresamente para a inauguración do centro comercial Marineda City da Coruña, cun molde fabricado expresamente para a ocasión. “Tentamos ser distintos”, resume o dono de Lorán, que fai tamén queixos de tetilla sen punta de 50 quilos de peso e que son pezas para o corte.

Gama de produtos de Lácteos Lorán. Foto: Niri Rodríguez

Gama de produtos de Lácteos Lorán. Foto: Niri Rodríguez

Os pioneiros do requeixo galego

Situado no concello de Abadín, na porta de entrada da comarca da Terra Chá desde a Mariña, foi na costa de Lugo, un lugar con pouca tradición queixeira e, polo tanto, con pouca competencia, onde Lorán primeiro comezou a vender os seus queixos. Na Mariña non se facían queixos, pero si que había tradición de facer requeixo fresco nas casas cos excedentes lácteos, destinado fundamentalmente á sobremesa mesturado con mel ou con azucre. E foi desta comarca de onde os pais de Rubén colleron a idea de comezar a fabricar este produto.

Tanto é así, que foron os primeiros en producir requeixo a nivel industrial en Galicia, e con notable éxito. Pouco a pouco, foise estendendo a cultura e a demanda deste produto a outras zonas de Galicia, como Eume, Ortegal, o Deza ou a Paradanta, onde tamén hai empresas que o fabrican.

“O requeixo é moito mellor que o requesón”

Nove destas empresas (Arquega, Bohal, O Casal, Queixerías do Eume, Lacteos Anzuxao, Lorán, Casa Angel e as cooperativas Condado Paradanta e Campo Capela) constituíronse hai un par de anos en asociación coa finalidade de tramitar unha IXP para o requeixo galego, algo que permitiría distinguir e axudar a comercializar tanto en Galicia como fóra este produto cada vez máis coñecido fóra das zonas tradicionais de elaboración.

Ao non dispoñer aínda de recoñecemento de denominación de orixe, Lorán comercializa os 9.000 litros de requeixo que fai á semana baixo o nome RequetBo. “Non podemos usar a palabra requesón porque o requesón é feito a partir de soro e o produto que se fai en Galicia é feito con leite, así que o requeixo galego é moito mellor que o requesón”, conta Rubén.

O leite procede dos gandeiros da zona

Lácteos Lorán merca directamente aos gandeiros da zona os 45.000 litros de leite que precisa diariamente e recólleo nas explotacións en camións cisterna propios, desta maneira a queixería asentada en Gontán controla todo o proceso desde a compra ao gandeiro á fabricación dos queixos e á súa distribución ao consumidor.

A maior parte das ganderías das que se subministra están no concello de Abadín e nos limítrofes de Cospeito ou da Mariña e chega recollendo mesmo á zona de Abres en Asturias, limítrofe con Galicia.

Igual que conta cunha clientela fiel, Lorán tamén conta cuns provedores fieis. “Son 38 gandeiros e gandeiras aos que coñecemos a todos polo seu nome e sabemos quen son. Algúns deles levan con nós desde hai 40 anos. Nós ofrecémoslles tamén confianza e estabilidade de prezos, pagamos o leite todo o ano ao mesmo prezo e cando hai abundancia non apertamos para baixar o prezo”, relata Rubén, que resume a clave do éxito de Lorán nunha única característica: o trato directo tanto co gandeiro como coas tendas.

Ese mesmo trato directo tamén o aplica cos seus traballadores. Lorán ten neste momento 39 empregados en total. Pero malia o seu xa considerable tamaño, “é unha empresa totalmente familiar”, asegura o seu propietario porque “a maior parte dos traballadores e traballadoras levan moitos anos con nós e eu teño claro que quen fai a empresa non é o xefe, senón o conxunto do equipo humano e sen el non vas a ningunha parte”, asegura Rubén.

Unha gran teoría que sen dúbida deberían explicar en Harvard como parte do método de éxito made in Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información