Lácteos Farelo: “Non comas (só) con queixo… nin comas sen queixo”

Lácteos Farelo, en Agolada, produce uns 40.000 quilos de queixo ó mes e dende comezos deste ano xestiona unha planta de concentración de soro que traballa para Reny Picot

Lácteos Farelo: “Non comas (só) con queixo… nin comas sen queixo”

Luis Coego, un dos socios fundadores de Lácteos Farelo, con algúns dos queixos que elaboran na queixería.

“Sendo rapaz e vendo facer nos queixos a miña avoa, díxome: ‘non comas (só) con queixo… nin comas sen queixo’. Daquela non o entendín, pero anos máis tarde comprendín a importancia daquel consello e do queixo nesta terra”. Quen evoca estes recordos é Luis Coego, un dos socios fundadores de Lácteos Farelo, unha industria láctea situada en Agolada (Pontevedra), que leva máis de 35 anos elaborando queixos. Ese consello de avoa é o lema que os acompaña dende os comezos e que os identifica.

Comezaron recollendo uns 1.500 litros de leite e hoxe procesan arredor de 20.000 litros ó día

Comezaron cunha produción duns 1.500 litros de leite ó día e recollendo o leite nas granxas da zona; “andabamos porta por porta polas aldeas”, recorda Luis. Hoxe esta industria procesa arredor duns 20.000 litros de leite cada día, que segue recollendo nas ganderías da Agolada, así como de concellos próximos como Rodeiro, Antas de Ulla, Lalín e Visantoña.

Lacteos-Farelo-queixos-_-

Ademais de Arzúa Ulloa e Tetilla, tamén elaboran queixos curados e de barra.

“Daquelas, nesta zona había moitos gandeiros, pero case non había quen transformase o leite, a excepción de Queixos Hoxe, en Lalín; e decidímonos a comezar a facer nós tamén queixos”, recorda Luis. Cunha inversión de preto de 20 millóns das antigas pesetas e da man de 4 socios, botou a andar a fábrica.

Especializados no queixo Arzúa Ulloa e Tetilla

Naqueles primeiros anos empezaron facendo só o coñecido como queixo do país, o que hoxe en día elaboran baixo a denominación Arzúa Ulloa e que segue sendo un dos produtos con maior demanda. Así, o 80% da súa produción céntrana os queixos Arzúa Ulloa e Tetilla.

O 80% da súa produción céntrana os queixos Arzúa Ulloa e Tetilla

Xunto con estes queixos, nos arredor de 40.000 quilos de queixo que elaboran ó mes, tamén se integran outras variedades que foron xurdindo para atender as demandas do mercado. Así, producen queixos de bóla, cun proceso de maduración dun mes, un curado, e dous tipos de queixo de barra, un de sándwich e outro tipo Edam. Elaboran dende pezas pequenas de menos de medio quilo ata queixos de 3 ou 5 quilos, dependendo das variedades.

Lacteos-Farelo---queixos-

O seu queixo de barra ten un proceso de secado darredor dun mes.

O leite para os seus queixos provén principalmente de pequenas e medianas ganderías, boa parte delas en pastoreo. “Seguimos apostando polas granxas próximas e dun tamaño medio ou familiar”, indica Luis Coego.

Tamén no proceso de elaboración segue primando a calidade fronte ós ritmos máis intensos que seguen outras industrias de maior tamaño. “A nosa barra de queixo non sae directamente despois de facela, como fan outras industrias, senón que está preto dun mes nun secadoiro. Isto fai que a barra merme case un 25% pero tamén conseguimos un queixo máis saboroso”, detalla Coego.

Consorcio Agroalimentario de Galicia

Ademais dos queixos que comercializan baixo a súa propia marca, dende Lácteos Farelo tamén elaboran queixos para outras marcas a través do Consorcio Agroalimentario de Galicia. Esta entidade, fundada hai case 20 anos por 6 industrias galegas, na actualidade está integrada xunto con Lácteos Farelo polas firmas Lácteos Xabelo e Lácteos Moeche.

Producen outros produtos específicos que comercializan co Comercio Agroalimentario de Galicia con outras marcas

Así, baixo este selo, que ten unha facturación anual de 1,3 millóns de euros, fabrican produtos específicos para hipermercados como Alcampo ou marcas como Queixos Prieto. “O Consorcio permíteche producir e comercializar produtos diferentes sen crear unha competencia directa coa túa marca”, concreta Coego.

En Lácteos Farelo elaboran arredor de 90.000 quilos de queixo ó ano para comercializar a través do Consorcio Agroalimentario. Mentres, o resto da súa produción, baixo a marca Lácteos Farelo, comercialízana en grandes superficies comerciais de grupos como Gadisa, Alcampo, Carrefour e Froiz, entre outros. Tamén contan con distribuidores propios e despachan unha parte dos seus queixos a almacenistas.

Lacteos-Farelo-Proceso-de-elaboracion-dos-queixos-

Contan con 14 traballadores que se encargan da elaboración do queixo e da xestión da planta de soro.

O seu mercado principal sitúase en Galicia e tamén comercializan en cidades como Madrid, así como no País Vasco ou Cataluña. “A maioría dos queixos que se venden fóra de Galicia son a galegos que viven alí e que buscan o sabor do queixo galego”, apunta Coego. Tentaron mesmo enviar os queixos para outros destinos como Francia ou Estados Unidos, pero atoparon as mesmas dificultades que outras industrias que están en Arzúa Ulloa e Tetilla. “É moi difícil distribuír a outros países queixos destas características porque pola súa forma e curación, o transporte é moito máis delicado que cando elaboras queixos curados”, indica Coego.

A firma agoladense acada unha facturación anual de preto 1,8 millóns de euros e conta cun equipo de 14 traballadores, 11 deles implicados en distintas fases da elaboración e comercialización do queixo. Mentres, dende comezos deste ano, 3 dos operarios están centrados en atender as instalacións colindantes á fábrica de queixos nas que se realiza un proceso de concentración do soro, froito dun convenio de colaboración coa firma asturiana Reny Picot.

Aproveitar o soro

Ata que selaron o convenio con Reny Picot, o tratamento e depuración do soro, subproduto procedente da elaboración dos queixos, supuña un gasto significativo para esta industria láctea. O seu tratamento como residuo realizábano nunha depuradora que teñen a escasos metros das instalacións. Porén, o interese polo seu aproveitamento por parte da firma Reny Picot supuxo unha fonte de ingresos extra. “Antes o tratamento do soro implicaba gastos e agora, xa non só á nosa industria, senón que para outras pequenas queixerías de toda Galicia, supón uns ingresos extra”, explica Coego.

Cada día procésanse 200.000 litros de soro que se destinan á elaboración de alimentos infantís e para animais

O convenio comezou a fraguarse no 2017, pero implicou unha inversión nas instalacións, aínda pendente de rematar, de máis dun millón de euros. Así, a multinacional aproveita tanto a depuradora como parte das instalacións da queixería para facer unha concentración do soro que recolle en Galicia, antes do seu transporte a súa sede en Asturias.

Planta-de-Reny-Picot-en-Lacteos-Farelo-Agolada-

Parte das instalacións de tratamento do soro que Reny Picot ten en Agolada.

A planta de concentrado de soro comezou a funcionar en febreiro deste mesmo ano, aínda que agarda estar a pleno rendemento a comezos do próximo ano. Na planta de Agolada estanse a procesar uns 200.000 litros de soro ó día que chega en camións cisterna de xeito case constante. “Están descargando camións as 24 horas do día”, refire Luis.

Mediante un proceso coñecido como de osmose inversa, conseguen unha separación dos compoñentes do soro para o seu aproveitamento. Deste xeito, ademais do soro, tamén obteñen outros produtos como graxa ou nata. Á par de ser un proceso de transformación dun residuo nun novo recurso, con esta planta de Agolada logran reducir os custos do transporte. “No canto de levar 300.000 litros de soro acaban levando arredor de 100.000 litros concentrados”, explica Luis Coego.

Este convenio de colaboración supuxo unha das transformacións máis importantes que levaron a cabo nesta queixaría nos últimos anos. Agora fixan as súas metas en continuar a afianzarse no mercado e ampliar a produción de queixos ata chegar ós 50.000 ou 60.000 queixos. Se ben, Luis tamén recoñece a dificultade que isto supón dada a importante cantidade de produtores que hai agora mesmo tanto de queixo de Arzúa Ulloa como de Tetilla, as súas especialidades.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información